|
Primeiro de todo quero deixar constancia de que é unha satisfacción intelectual e unha honra persoal
o feito de ser convidado a esta cuarta Conferencia Anual Plácido Castro.
É unha satisfacción intelectual porque, na miña opinión, o máis salientable
de Plácido Castro é que deu exemplo de coherencia nun país no que os pensadores foron durante
decenios sistematicamente amordazados, desterrados, engaiolados, asasinados, e nalgúns casos, lamentablemente,
tamén foron mercados.
Estar hoxe aquí tamén é unha honra persoal porque a entidade organizadora desta convocatoria
e de outras iniciativas de similar contido, o IGADI, traballa contracorrente nun país no que as circunstancias
e un sector da súa clase dirixente foron quen de impoñer en demasiadas ocasións o ensimesmamento
e a alienación.
Pensar en Galicia e falar de Galicia como país de Europa, tal como acertadamente suxeriume o director
de IGADI, é consecuencia dunha premisa que, pese a ser evidente para a a maioría, aínda é
cuestionada por quen, por ignorancia ou interese teiman en negar que a historia é, en esencia, bioloxía.
Galicia non só é un país ou unha nación polo seu folclore e por razóns culturais,
senón que no básico é unha nación por motivos históricos e económicos,
pola súa estructura social, así como pola súa configuración e polos seus condicionantes
xeográficos e, a fortiori, Galicia tamén é un país singular no político e na
producción de bens e ideas.
Se nos atemos ás evidencias; é dicir, ás probas científicas - aínda que en
Historia sempre é relativo falar de probas – e sobre todo se somos honestos, non fai falla ser nacionalista
para concluír que Galicia é unha nación, e que para garantir a súa pervivencia necesita
instrumentos que permitan poñer coto ó progresivo desartellamento do seu acervo cultural, da súa
estructura social e dos seus activos económicos.
Hoxe, a pesares do que digan os partidarios de converter as institucións en entes pouco menos que sagrados
e inalterables, resulta que os galegos somos propietarios dunha habitación nun edificio a medio construír
que é a Unión Europea e esa presencia, aínda que de momento se trate dun simple inquilinato,
danos dereito a intervir e a decidir cantas fiestras queremos na casa común ou de que cor desexamos pinta-las
paredes.
Urxe que os galegos, todos, participemos na elaboración dunha estratexia europeísta propia, que
teña en conta os nosos condicionantes e as nosas potencialidades e que, á postre, sexa útil
para o país, incluídas a súa economía e as súas xentes.
A corta historia da nosa pertenza á Unión aconsella que previamente preguntémonos qué
modelo de Unión Europea nos interesa. I é evidente, dende unha óptica galega e pensando na
maioría de galegos, que estamos obrigados a combater con firmeza e sen espaventos inútiles a quen
pretenden construír unha casa común uniformadora cuns cimentos e estructuras que só serven
para regula-la producción e os mercados.
A elaboración desa estratexia galega é urxente porque a Unión Europea vive horas de extraordinaria
transcendencia.
Non hai razóns obxectivas para apoiar ós euroescépticos, nin sequera involuntariamente.
Se a Unión Europea non existira habería que inventala.
Tampouco hai razóns obxectivas para concluír que a xa madura Comunidade Económica corra
o perigo de derrubarse; pero sí existen iniciativas premeditadas e, por tanto, sí existe o perigo
real de que os señores feudais da economía productiva – que hoxe por hoxe están esaxeradamente
representados nos parlamentos e nos gobernos dos países socios – convertan o europeísmo nun prontuario
de contabilidade.
O triunfo desa ofensiva mercantilista, que certamente está en marcha dende os últimos 80 do século
XX, suporía a morte do europeísmo utópico e do europeísmo chan, o que soamente persegue
a convivencia. Estes dous europeísmos, que son os maioritariamente desexados, son o europeísmo do
utópico Robert Schuman e o europeísmo dos pragmáticos Salvador de Madariaga, Konrad Adenauer,
Palmiro Togliatti ou François Miterrand; e é tamén o europeísmo de Plácido Castro,
quen ó igual que miles de galegos e españois, e en anos especialmente escuros xa avogou por unha
Galicia e por unha España universalistas; o cal, en puridade, é unha forma de europeísmo básico.
Non é casual que sexan de sesgo económico o 90% dos requisitos que deben cumprir os dez países
recentemente convidados a incorporarse á Unión. Nin tampouco é casual que aspectos políticos
e sociais de relevancia tan extraordinaria como a división da illa de Chipre – da que a metade norte está
administrada por un goberno proturco imposto pola forza das armas – sexan obviados polo Consello Europeo, no seo
do cal impúxose a consigna de que ningunha circunstancia social nen política frustre a creación
dun vasto mercado único.
Os teóricos menos fanáticos dese europeísmo mercantilista argumentan que a economía
é o instrumento ideal, acaso o único, para avanzar na construcción europea e así, -
segundo eles – mediante o diálogo económico e comercial poderá imporse o diálogo político
e, por extensión aínda que a moi longo prazo, a Unión Europea será un espacio de convivencia
no que absolutamnete tódolos conflictos se resolverán polo consenso.
Pero esa tese, que quizáis resumín demasiado, adoece de mil e un baleiros e, o que é máis
grave, carece de prazos e instrumentos. Todo se deixa en mans da vontade.
Off the record, os partidarios de fundamnetar a Europa do mañá na economía recoñecen
que os movimentos migratorios, a debilidade demográfica de Europa, a mundialización do comercio,
a inestabilidade de Rusia, o empuxe dos países do Extremo Oriente, as fames africanas, as inevitables e
cíclicas crises nos mercados internacionais da enerxía ou a arrogante actitude de Estados Unidos,
entre outros factores, obrigan a construir unha Europa politicamente forte; é dicir, arraigada socialmente.
Quizáis por ese e por outros motivos nin sequera os altos cargos da Comisión Europea negan que a
maioría dos gobernos dos países socios, sabedores das carencias que acusa a Unión pero incapaces
de recoñecer que o estatalismo é unha táctica errónea, centran os seus esforzos en
maquilla-la realidade. Porque a realidade, que é teimuda, está demostrando cada día que nunha
Europa exclusivamente mercantilista non hai futuro para o agro nen para a pesca, nin tampouco para os servizos
básicos nin para a xeralidade das actividades do sector primario.
Un dato ilustra a situación: en proporción e dando por bos os parámetros do “libre” mercado,
un ordenador persoal rentúa máis plusvalía que unha tonelada de leite. Ese dramático
e inhumano desequilibrio entre o necesario e o rendible obriga á reflexión.
Eses criterios de gobernación baseados na economía pola economía revelan actitudes políticas
e tamén filosóficas e, no inmediato, constatan que países europeos como Galicia, donde as
plusvalías non se poden multiplicar exponencialmente, están condenados ó subsidio.
En tal esceario, no que hoxe dominan as premisas macroeconómicas, pensar en Galicia como país
de Europa obriganos a escoller. Pero hai que optar sen deixarse levar polas visceralidades nin polos resentimentos,
sen quixotismos e ó mesmo tempo sen renuncias.
É difícil, ¡moi difícil!, decidir qué Europa queremos e qué Europa
nos interesa e, ó mesmo tempo, ser pragmáticos. A pesares de que a política institucional
impón o maniqueísmo, malacostumándonos a crer que as cousas son brancas ou negras, na actual
Unión europea hai fendas, algunhas de notable tamaño, que permiten influir no debate e na toma de
decisións.
E digo que hai fendas porque é radicalmente falso que a Constitución española de 1978 e
o Tratado da Unión impidan a participación directa de representantes das comunidades autónomas
nos Consellos de Ministros da Unión.
É vergoñento que altos cargos políticos e incluso asesores xurídicos – presuntamente
independentes – do Goberno español afirmen que o Tratado da Unión obriga a centralizar en Madrid
a administración dos fondos de cohesión; porque tamén é falso que o Tratado da Unión
otorgue o monopolio das decisions ós gobernos centrais á hora de elixir proxectos ou á hora
de repartir territorialmente as aportacións comunitarias.
É falso tamén que o Tratado da Unión ou as directivas e reglamentos complementarios neguen
o pan e o sal ás comunidades autónomas. En definitiva, é falso que a actual Unión Europea
sexa antirrexionalista ou antinacionalista.
Proba de que abundan as falacias é que países socios de probada traxectoria centralista, como
son o Reino Unido ou a República Francesa, inclúan nas súas delegacións estatatais
ante o Consello de ministros da Unión a representantes de institucións rexionais.
É máis: en Francia – a xacobina, centralista e “ultraparisina” Francia – na que ademáis
hoxe goberna unha coalición de centrodereita coa que se identifica ideolóxicamente a actual maioría
gubernamental española, acaban de pór en marcha unha reforma lexislativa que ten como finalidade
crear circunscricións rexionais para as eleccións ó Parlamento Europeo.
A negativa do goberno español a afronatr ese e outros retos de similar factura é lexítima,
sen dúbida, pois a maioría parlamentaria pode optar por un ou outro modelo; pero tamén é
lexítimo pensar, analizar e denunciar falacias e medias verdades, e ahí, no intre de pensar e deseñar
alternativas colectivas, Galicia acusa un grave déficit, dobremente grave porque o noso sentido de colectividade
é aínda feble.
Pensamos no un a un, tamén pensamos como membros dun clan, dunha familia, ou de un grupo; pero os galegos
aínda pensamos pouco dende o punto de vista colectivo. A pesares dos reveses sufridos, aínda nos
resistimos a recoñecer que os mariñeiros de A Mariña poden e deben ser os mellores aliados
dos mariñeiros das Rías Baixas, ou que os vaqueiros da Terra Chá poden e deben ser os mellores
aliados dos vaqueiros de Ortegal. Esa absurda parcelación de intereses, unida á laboura de zapa de
baróns económicos e políticos de ámbito local ou comarcal, tamén cercenan as
nosas posibilidades de ser país e de ser país en Europa.
Galicia pode e debe estar presente e participar activamente nas tomas de decisións dos Consellos de Ministros
da Unión e do Comité das Rexións. Galicia debe e pode facerse escoitar no Parlamento de Estrasburgo.
Galicia debe e pode dispor dunha legación institucional - ¡sen inxerencias privadas e con representación
de tódolos partidos presentes na Cámara galega! – na capital administrativa da Unión.
E aquí, na casa, os galegos deberíamos facer un esforzo para consensuar dunha vez por todas unha
política europeísta propia, evitando en todo caso que as nosas iniciativas xeneren innecesarios pleitos
con outros territorios da Península, incluídos os nosos veciños portugueses.
Nesa tarefa, a de exercer de país de Europa, hai que implicar o maior número posible de dirixentes
políticos, de axentes económicos e de colectivos sociais.
Sei – e o sei de forma directa – que incluso nas organizacións políticas, sociais e culturais
galegas máis identificadas coa idea da España uniforme existen mulleres e homes, galegas e galegos,
que asumirían sen reticencias o reto de que este país periférico sexa un país de Europa.
Sumar vontades é fundamental. Porque da suma de vontades depende o empuxe colectivo do país e
tamén porque – ¿para qué enganarnos? – o principal obstáculo para que Galicia exerza
de país está aquí: na casa.
Non faltarán quen opinen que as miñas palabras son en maior ou menor medida un alegato. ¡Acertan!.
Non pode ser doutra forma. O esceario europeo está a punto de mudar. É cuestión de un, dous
ou como moito tres anos. No 2001 se puso en marcha a oficialmente denominada Convención europea, que non
é máis que unha asemblea de notables representativos dos quince países socios e das institucións
da Unión que redactan unha carta magna comunitaria que imporá as novas regras do xogo.
O tempo se esgota. Esta vez non é un órdago. A ampliación acelerou o reloxo. Unha entidade
supraestatal como a futura Unión Europea, da que formarán parte 25 territorios soberanos cunhas diferencias
e desequilibrios socioeconómicos que van máis alá do razoablemente aconsellable, dará
lugar a unha organización radicalmente conflictiva. A existencia dun mercado único e dunhas regras
de competencia uniformes serán insuficientes. A Unión Europea actual está obrigada a dotarse
de instrumentos máis eficientes, ou pola contra exponse á paulatina deslexitimación da súa
autoridade e á desobediencia civil. Nunha Europa desequilibrada, os axentes económicos e os europeos
que producen, sexan asalariados ou empresarios e sexa cal sexa o seu estatus social, serán os primeiros
en denostar un sistema no que primen a lei do máis forte e a lei do máis influínte.
É falso que a ampliación non afecte á política de cohesión da Unión
Europea. E tamén é falso que a paulatina entrada de productos agropecuarios e industriais de Polonia,
Eslovenia e Hungría non teña efectos negativos para os nosos productos, ou os de Andalucía,
Aragón, Sicilia ou a Occitania francesa.
¿Qué faremos cando o aluminio do complexo industrial existente en Eslovenia, cunha capacidade
e calidade de producción comparables ás de factorías existentes en Europa Occidental, compita
cara a cara pero con custos sociais máis baixos co complexo que Alcoa posúe na Mariña luguesa?;
¿qué faremos para evitar que as dúas factorías que Citröen constrúe en
futuros países socios, donde os custos sociais son un 35% máis baixos que en Galicia, se leven a
producción de parte dos vehículos que agora se fabrican ou ensamblan en Vigo?
Estas e ducias de cuestións de índole económica e social avalan a necesidade de que Galicia
exerza de país de Europa. Hai procesos económicos irreversibles, pero os seus efectos serán
máis ou menos perniciosos e máis ou menos vantaxosos na medida en que Galicia e os demáis
países europeos infradesenvolvidos defendan a conveniencia de reequilibrar a realidade socioeconómica
dos Quince. E hoxe e con ese fin, hai que utilizar tódolos espacios institucionais que brinda a actual Unión
Europea para influir no deseño da futura comunidade continental.
A cultura do subsidio, que tan gravemente danou a nosa economía e que maleou a idiosincrasia do noso
país, está condeada a morte. E o subsidio como factor estabilizador tamén está condeado
á morte, ó igual que a estéril pretensión de que España é unha realidade
uniforme.
Por ende, a lenta pero imparable mellora da instrucción das xentes e o acceso cada vez máis xeralizado
á información, contribúen a que cada vez sexan máis os cidadáns que esixen que
as decisións políticas se tomen nos escearios naturais, que as solucións propostas – e chegado
o caso aprobadas – sexan útiles para solucionar problemas concretos en escearios concretos. E España,
ó igual que acontece nos territorios dos Estados francés, italiano ou alemán, é un
mosaico. Quen se empeña en tomar decisións negando a existencia de distintas Españas contribúen
a desequilibrar social e económicamente o futuro da Unión Europea.
No século XVII as ordenanzas municipais de Sevilla eran redactadas e aprobadas na Corte; pero antes de
que acabe a segunda década deste século ningunha cidade de Europa permitirá que o goberno
do Estado decida cómo se xestionan o seu porto ou aeroporto, nin os seus centros de ensino nin as súas
redes de transportes metropolitanos.
A España das autonomías é froito dun periodo histórico determinado, acaso condicionado.
Hoxe, unha vez afianzado o réxime democrático, é radicalmente absurdo e incluso desestabilizador
negar o carácter esencialmente cambiante da realidade e, por tanto, o carácter cambiante das relacións
intra e supraestatais.
As administracións son instrumentos e, por tanto, están suxeitas a mudanzas e, se é necesario,
son de obrigada reforma. Pola contra, os países, teñan ou non Estado ou administración propia,
son a consecuencia natural de procesos históricos cunha proxección no tempo e una influencia nas
vidas das persoas que esixen máis rigor, menos improvisacións e menos autoritarismo.
Galicia é un país e urxe planificar o seu porvir, incluida a súa presencia en Europa. O
primeiro reto, na miña opinión, é perder o medo a ser donos do noso futuro e ter conciencia
de colectividade. E o segundo reto consistiría en arrombar as medias verdades que aínda fan crer
a moitos galegos que este país é un apéndice pobre e sen instrumentos legais para facerse
oir en Bruselas.
O grave, mirando cara ó horizonte sen medo, non é que poñan límites á capacidade
extractiva da flota pesqueira galega. O grave é que sexamos incapaces de defender unha posición,
¡unha!, e que sexa favorable para o conxunto da economía social dos municipios mariñeiros,
prescindindo de opinións partidistas e de egoísmos localistas.
Ahí, na ausencia dunha clase dirixente galega e “galega”, radica a debilidade deste país, que
é un país europeo que, para colmo, foi meta e tamén refuxio para miles de persoas que convertiron
a Ruta xacobea en vía de esperanza e tamén nunha vía de escape.
A renda dos galegos é un 30 por cento inferior á media comunitaria. Este dato, reiteradamente
utilizado, é de importancia relativa. O realmente preocupante é que nós, os galegos, seguimos
pensando coas porcentaxes cravadas nas meninxes.
A min, fillo natural de galegos e castelán parlante por mor da emigración forzada á que
foron abocados milleiros de galegos e galegas, non me importa que o meu país teña unha renda media
inferior á da rexión de Bruxelas; o que me come a moral é constatar cada día que a
clase dirixente de Galicia non se pón dacordo nin para ir de aquí á esquina. E máis
grave aínda, me aterra comprobar que un sector desa clase dirixente sigue pensando que o futuro do meu país
debe ser decidido alén de Pedrafita.
Non nos enganemos. A esencia de ser un país de Europa, ou de Asia ou de África é, ante
todo, ser un país. É dicir, ser unha colectividade que non ten medo de exercer como tal.
|