Plácido Castro (1902-1967) é unha figura orixinal e singular no panorama galeguista de comezos do século XX.
1. ¿Onde radica a singularidade de Plácido Castro?
Primeiro, non era habitual no galeguismo a presenza de persoas procedentes dunha clase social moi acomodada. Segundo, no seu compromiso galeguista influíu sobranceiramente a observación e o coñecemento profundo da vida política británica, sen que iso o levara a ignorar ou desprezar o propio. Terceiro, desenvolveu, na teoría e na práctica e máis ca ninguén no seu tempo, a idea da inserción internacional de Galicia, definindo os eixes básicos dunha política exterior de vocación universalista.
2. ¿Que formación recibiu Plácido Castro?
Sendo moi cativo, foi enviado pola familia a estudar no Reino Unido. Na Universidade de Glasgow licenciouse en Filoloxía Inglesa. Alí recibiu unha formación moi exquisita para a época, que puido complementar coas súas viaxes polas Illas e, sobre todo, Irlanda, naquel tempo unha referencia para o movemento galeguista, onde atoparía un valioso conxunto de experiencias útiles. O contacto coa sociedade británica da época, a educación recibida e unha curiosidade innata fixeron agromar nel un amplo saber e un profundo sentimento humanista que despregou con humildade tanto en mil citas e erudicións como no seu compromiso cotián.
3. ¿Como se fixo galeguista?
Dúas circunstancias influíron. En primeiro lugar, a convicción de que o progreso real dos pobos pasa pola conservación e defensa da súa identidade. En segundo lugar, o contraste desas ideas con aqueles galeguistas cos que conversaba durante as súas estadías de verán en Galicia, en especial, cos irmáns Vilar Ponte, na cidade da Coruña. O convencemento de que eran os galeguistas os que mellor defendían a identidade de Galicia levouno a militar nas súas filas. Plácido prestou atención ao estudo da saudade (instinto da vida, dicía) e á defensa das raíces célticas de Galicia por considerar que eses elementos diferenciadores deberían contar na concepción identitaria da nosa Terra.
4. ¿Que ideas principais poden resumir o pensamento de Plácido Castro?
Na formulación dun progreso con identidade pode estar a clave. A defensa da identidade en Plácido non o levaba a ser conservador (todo o contrario), senón a promover unha idea do progreso que non destruíse aquelo que fai a Galicia e os galegos diferentes dos demáis, concibindo esa preservación, non como unha defensa numantina fronte a hipotéticos invasores externos, senón como unha obriga cívica para con toda a humanidade. A aceptación e defensa da diversidade (dende a lingua ao patrimonio natural), non como un problema, senón como un valor que a humanidade debe preservar, forma parte desa concepción progresista de Plácido Castro.
5. ¿Cales son as súas principais facetas?
Cómpre destacar tres. Primeiro, a de xornalista. Segundo, a de militante político. Terceiro, a de tradutor.
6. ¿Que dicir do Plácido xornalista?
Excelente articulista, pouco despois de cumprir 25 anos comezou a enviar as súas “Crónicas desde Londres” ao diario El Pueblo Gallego, editado en Vigo. Ese foi o comezo dunha actividade que estaría presente ao longo de toda a súa vida, tanto antes como despois da Guerra Civil. Esas dúas etapas marcarían compromisos e temáticas diferentes. Se, na primeira, a análise política ou social era a clave predominante; na segunda, o costumismo e os temas literarios e culturais predominaron sobre calquera outro. A súa colaboración co Jornal de Noticias de Portugal, con prensa arxentina ou coa BBC –nos programas en galego, español e en inglés- ilustran unha densa e rica traxectoria.
7. ¿E do militante político?
Foi membro da dirección do Partido Galeguista dende a súa fundación, formando parte do seu núcleo principal, a Comisión Executiva. Participou en todas as súas campañas políticas. E, sobre todo, levou a voz galega ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas (organismo adscrito á Sociedade de Nacións), celebrado en Berna en 1933, onde Galicia foi recoñecida como unha nacionalidade.
8. ¿E do tradutor?
Amante do teatro e da poesía, traduciu a W. B. Yeats, Rossetti, Blake, etc. As súas traducións de escritores británicos e irlandeses gozan dun recoñecemento xeral. A versión galega de “As Rubáiyát” do poeta persa Omar Khayyám, constitúe un revelador exemplo do seu bo facer. En 1946, xunto a Tobío e Gurriarán recibiu o recoñecemento da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina.
9. ¿Como encadralo en termos de ideoloxía política?
Galeguista e universalista, Plácido era un liberal demócrata, pacifista e progresista, admirador do parlamentarismo, e cunha considerable sensibilidade social que progresivamente o levou a reivindicar posicións de esquerda no seo do Partido Galeguista.
10. ¿Como concibía o nacionalismo?
Primeiro, como un movemento político moderno e que aporta modernidade. En segundo lugar, como a doutrina que mellor pode liberar a creatividade dos galegos. Terceiro, como un novo estilo de política, facendo da honestidade o principal valor cívico. Cuarto, como unha nova forma de unión e non de separación, base esencial dun futuro estable, apostando polas nacións pequenas porque nelas pódense fortalecer mellor os ideais de democracia e de paz, sen ceder a tentacións militaristas nin imperialistas. Quinto, as relacións entre diferentes comunidades nun estado plurinacional deben asentar no recoñecemento do autogoberno, e os poderes centrais deben promover a lealdade, exaltando –e non negando e reprimindo- as identidades nacionais dos pobos que conforman unha determinada realidade estatal.
Unha vida en datas
1902 |
Nace en Corcubión o 25 de xaneiro. |
1908 |
Inicia en Glasgow os seus estudos. |
1919 |
Matricúlase na Universidade de Glasgow para cursar estudos de Filoloxía Inglesa. |
1923 |
Solicita a validación dos seus estudos en España, adquirindo o título de profesor de idiomas. |
1927 |
Comeza a colaborar cos diarios "El Pueblo Gallego", de Vigo, e "Informaciones", de Madrid. |
1928 |
Publica "La saudade y el arte en los pueblos célticos". |
|
Traduce ao inglés "Almas Brujas" de Manuel Linares Rivas. |
1931 |
Pronuncia a conferencia "O nacionalismo, un credo moderno". |
|
Participa na Asemblea de constitución do Partido Galeguista. É elixido membro do Consello Permanente e Directivo provisional. |
1932 |
Na II Asemblea do Partido Galeguista é reelixido membro do seu Consello directivo. |
|
Forma parte da comitiva que participa no mitin de Carral. |
1933 |
Representa o Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna os días 16, 17 e 18 de setembro. |
1934 |
Na III Asemblea do Partido Galeguista obtén, en votación secreta, 1.654 votos. É o máis votado para a Secretaría Executiva asumindo a responsabilidade de relacións internacionais. |
|
É elixido Conselleiro primeiro do grupo do Partido Galeguista da Coruña. |
|
Participa na reunión de Galeuzca celebrada en Compostela. |
1935 |
Publica na Editorial NÓS: "Teatro irlandés. Dous folk-dramas de W.B. Yeats", traducidos diretamente do inglés, en colaboración cos irmáns Vilar Ponte. |
|
Na IV Asemblea do Partido Galeguista é reelixido secretario de relacións internacionais e membro do Comité Executivo. |
|
É elixido presidente da nova directiva da Irmandade da Fala da Coruña. |
|
Preside a tribuna da homenaxe rendida a Curros Enríquez na Coruña. |
|
Representa o Partido Galeguista no Consello Galego de GALEUZCA. |
1936 |
É designado representante da Asociación de Escritores de Galicia na Coruña. |
|
Participa activamente na campaña a prol do Estatuto. |
|
Consumada a rebelión fascista, é acollido en Muxía na casa duns familiares. |
1940 |
Condenado a quince anos de inhabilitación absoluta, oito anos e un día de desterro a máis de cen km. de Muxía e ao abono dunha multa de 25.000 pts. |
|
Traslada a súa residencia a Vigo. |
1944 |
Casa en Cambados con Jesusa Sineiro Vidal. |
1945 |
Trasládase a Vigo. |
1946 |
A Federación de Sociedades Galegas da Arxentina premia as súas traducións de poesía inglesa ao galego. |
1948 |
Recibe en Galicia a Mr. George Hills, da emisora BBC. |
|
Exíliase en Portugal. |
1949 |
Publícase "Poesía inglesa y francesa vertida al gallego" (Buenos Aires, en colaboración con Lois Tobío e F.M. Delgado Gurriarán). |
|
Novamente en Londres, comeza as súas colaboracións na BBC. |
|
Colabora co Jornal de Noticias de Porto. |
1950 |
Publica "Un tema de Galicia: la saudade y la poesía" (Boletín do Instituto Español de Londres). |
|
Colabora co diario "La Nación" de Buenos Aires. |
1955 |
Anima a celebración da I Festa do Viño Albariño, en Cambados. |
1956 |
Regresa a Galicia definitivamente. |
|
Incorpórase como profesor de inglés ao Instituto Laboral de Vilagarcía. |
1957 |
Colabora ocasionalmente co Diario de Pontevedra e El Pueblo Gallego. |
1960 |
Principia as súas colaboracións con Faro de Vigo. |
1961 |
É un dos principais impulsores da Romaría Viquinga de Catoira. |
1964 |
Participa en Baden (Viena) na V Conferencia de Ministros Europeos de Educación dedicada ao estudo "Da civilización do país da lingua que se ensina". |
1965 |
Publica na revista Grial (núm. 8) a tradución de "Os Rubáiyát" de Omar Khayyám, poeta persa do século XI, a partir da versión inglesa de Edward Fitzgerald. |
1967 |
Falece en Cambados o 17 de xullo. |
|
Publícase en Grial, a título póstumo, un traballo seu dedicado á figura do poeta e nobel irlandés, W. B. Yeats |
1974 |
Publícase en Grial, "Laios gaélicos", obra inédita de Plácido Castro. |
|