| ·Fundación Plácido Castro |
O noso e o dos outros
Plácido Ramón Castro
del Río
“Lo nuestro y lo demás”. Faro de Vigo, 19/08/1962.
Atopámonos novamente nesta grata época
cume do verán, cando o son de bombas e o brillo de fogos de artificio pregóannos a constante sucesión
das festas que se celebran ó noso redor. Dubido que en ningunha zona do mundo, como nesta comarca arousá,
coa súa profusión de veciñas parroquias sede durante unhas semanas de tal impresión
de diversión popular, sinxela se se quere pero que revela algo moi distinto da dun tanto tópica melancolía
galega. Dicíame por certo un recente e algo humorista visitante estranxeiro, que vén de pasar unha
tempada entre nós, que cando lle chegase o tempo de xubilarse gustaríalle vir a vivir a Galicia,
montar unha industria pirotécnica, que lle parecía un bo negocio, comer animais inferiores, ou sexa
mariscos -é biólogo- e saír polas tardes cunha vaca para levala a pastar polas corredoiras.
Non sería de todo un mal programa, e o traio a conto non soamente porque me fixo gracia, senón por
revelarnos que non todo o mundo vén a España ou a Galicia para mercar castañolas, ir ós
touros ou bailar o “twist”.
Xorde sempre por este tempo a controversia entre os partidarios da gaita e os afeccionados á orquestra de baile con altofalante, tomando estas dúas cousas como símbolos de gustos opostos. Nos comentarios xornalísticos non hai dúbida de que vence o noso instrumento ancestral, pero nas preferencias da nosa xuventude actual é igualmente claro que domina a preferencia por ritmos exóticos. Eu non creo, sen embargo, que exista entre ambas manifestacións unha absoluta incompatibilidade. Como en tantas cousas da vida, a solución ideal é a tolerancia, a convivencia. Estamos en tempos de intercambio de influencias, de penetración inevitable de cada país polos costumes e gustos doutras terras. Pero xamais debe ser con exclusión ou con despezo do propio. O noso non será tan só o que nos chegue máis a dentro, senón aquilo que en maior grado fará gozar a quen nos visite.
Non se pode no mundo de hoxe restaurar un “folclorismo” simulado que sería un tanto falso. Pero si conservar o que existe e dignificalo levándoo ó terreo da arte. Recibir o que o mundo exterior nos ofrece, pero brindarlle tamén o noso. Contribuír a que non se vaia a crear un mundo monótono habitado por seres uniformes nos seus gustos e manifestacións.
Ás veces os amantes das nosas peculiaridades galegas chegan a sentirse un pouco desanimados ante a sinxela adaptación das nosas xentes ó que nos vén de fóra. Non cabe dúbida de que o galego posúe certa aptitude camaleónica, o cal pode incluso, en certas circunstancias, ter o seu mérito. Non penso sen embargo que debamos sentirnos pesimistas. Aínda non hai moitos días, que nunha festa “viquinga” na que floreceu o máis san humorismo e se pasou mellor que en moitas solemnes e cerimoniosas ocasións, quedou no ánimo un recordo máis ben serio e certamente reconfortante. Ante este digno perfil ritual que teñen os nosos mellores gaiteiros -en contraste co epiléptico das orquestras ó uso- non faltaron homes e mulleres que souberan bailar como é debido a muiñeira ancestral. Pero, e isto é o que importa e emociona, ó seu carón unhas diminutas parellas infantís, espontaneamente, intentaban imitar os complicados pasos, coa especial e efémera gracia dos seus escasos anos, quizais contables nos dedos dunha man. Non faltarán, pois, continuadores. Espero que outro tanto aconteza en tódalas festas da nosa terra.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2001