| ·Fundación Plácido Castro |
O galego é outro idioma
Plácido Ramón Castro
del Río
“El gallego es otro idioma”. Faro de Vigo, 15/03/1964.
“I am Casca the poet! I am Casca the poet!”. Algo
así exclamaba -non teño a man “Xulio César”, nin Astrana Marín- o pobre poeta Casca,
acometido pola plebe enfurecida tras o asasinato do gran romano, ó confundilo con outro Casca, conspirador.
Posiblemente o populacho aínda o abatería con máis saña por ser poeta. E seguramente
de haber estado alí “Ferr”, contribuiría a “cascarlle” do lindo...
O Bardo de Stratfor semella destinado a suscitar seculares controversias, incluso acerca da autoría das súas obras e do que quixo dicir en non poucos dos seus versos e alusións. Agora resulta que as augas se removeron, non xa nas nativas do Avón, senón nas máis remotas do Sar.
Misteriosas lebres xorden de campo galaico, as que “Ferr” na súa columna dun diario vespertino compostelán chama “os de sempre... Ese pequeno grupo de intelectuais que se empeñan en facer libros de altura, e se esquecen do pobo” “eggheads”, conspiradores no seu coto pechado, e que o redactor citado, hábil cazador, acertou a levantar.
Eu coido que máis ben se levantou -unha vez máis, como sempre nestas ocasións un ser moi áxil pero que debe erguerse con dificultade, xa que posúe menos patas que a lebre- catro para ser exacto.
O disco da compaixón polo pobo, e da hostilidade dos intelectuais galegos con proxectos de homes de empresa -por exemplo quén non vacilaría, en nome do progreso, en romper o “skyline” compostelán cuns cantos rañaceos-, e que os ceos incomparables rañarían, non deixa de inspirar algunha desconfianza. Non dubidamos de certa sinceridade nos empresarios que choran ante a emigración da man de obra galega cara postos de traballo europeos mellor recompensados, pero nos permitimos dubidar de que o fagan polos mesmos motivos que fixeron chorar a Rosalía, e indignaron a tantos outros intelectuais e poetas galegos, e ata agora, a moi poucos homes prácticos.
Celebro que “Ferr” reitere a súa afirmación de que nada ten contra Shakespeare. Menos mal. Así non se embazará a alegría desta conmemoración do cuarto centenario do poeta. Do poeta que, por certo, non tivo que rebaixarse de nivel para que o pobo londiniense do seu tempo o comprendese e aclamara as súas obras. Claro está que el era cisne, e os poetas de por acó non pasan de lebres.
Pero, en fin, do que se trata é de se unha traducción ó castelán debe ser unha barreira infranqueable para que a mesma obra -novela, peza teatral, poema- atope un audaz que ouse traducila ó galego. Vexamos, pois, un exemplo. Unha, para min, belísima poesía de Christina Rossetti que foi obxecto das seguintes traduccións. A primeira, ó castelán, dun famoso, e por min admiradísimo escritor. A segunda, obra dunha insignificante “lebre” galaica.
“Cuando haya muerto, amado,
triste canción no cantes,
ciprés umbroso ni frescas rosas
sobre mi tumba plantes.
Cúbrame verde hierba
de lluvia humedecida,
y si quieres, recuerda,
y si queres, olvida ...
Ya no he de ver las sombras
ni la lluvia sentir,
ni el canto -triste como una queja-
del ruiseñor oir.
Soñando en un crepúsculo,
ni alba ni anochecer,
puede ser que recuerde,
que olvide puede ser”.
Meu Amor, cando eu morra,
triste cantar non cantes,
ciprés sombrizo ou rosas
á testa non me prantes.
Orballo e choiva mollen
sobre min a herba verde,
e, se queres, relembra,
e, se queres, esquece.Eu non hei ver as sombras,
nin hei sentir a choiva,
nin ouvirei o reiseñor
que cando canta, chora.
I en meia luz soñando,
que nin se esvai nin medra,
pode ser que me lembre,
pode ser que me esqueza.
A min gústame a segunda -¿porqué negalo? ¿e a “Ferr”? En todo caso, se algún mérito ten, non se pode deber á calidade dos respectivos traductores. A desvantaxe do traductor galego neste terreo é verdadeiramente abafante. Pero é que... ¡o galego é outro idioma! Entón...
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2001