![]() |
|
| -Fundación Plácido Castro | |
| Plácido Castro
Por Fran Alonso (A Nosa Terra, 13/09/2003) |
|
Antes de que a RAG tomase a decisión de lle dedicar o Día das Letras Galegas 2004 a Xaquín Lorenzo, soaban este ano varios nomes como posibles candidatos á devandita homenaxe. Un deles era o de Lorenzo Varela. Outro, o de Plácido Castro. O personaxe finalmente elixido representa a opción cultural máis apegada á Galicia folclórica, tradicional, carente de debate ideolóxico e cultural, que nos constrúe e identifica desde unha concepción etnográfica. A opción de Plácido Castro era ben distinta. Placido Castro foi un home culto, aberto ao seu tempo, que durante toda a súa vida loitou por situar a Galicia no mundo, interpretando ese mundo desde Galicia e desde os parámetros da nosa propia cultura. A de Plácido Castro é aínda unha figura moi necesaria para nós; hoxe, por exemplo, seguen existindo no país columnistas que aplauden o galego como lingua de uso interno pero descalifícano como instrumento de relación e acceso á cultura exterior. Plácido Castro (Corcubión 1092 - Cambados 1967) estivo fortemente vencellado á cultura británica (estudiou en Glasgow desde neno) e realizou diversas traduccións de poesía inglesa ao galego (incluídas as Rubáiyat de Khayyám na versión de E. Fitzgerald); colaborou na prensa internacional (galega, portuguesa, española, inglesa e arxentina) e na BBC, desde posicións claramente progresistas; foi secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, presidente das Irmandades da Fala de A Coruña, ensaísta e poeta. Logo da guerra exiliouse en Portugal e, finalmente, en Londres. O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), que impulsou a Fundación Plácido Castro, vai homenaxear o vindeiro 18 de setembro a este galego esquecido, rememorando a importante e iniciática participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas (adscrito á Sociedade das Nacións) hai, exactamente, 70 anos, evento capital no que, en galego e inglés, e da man de Plácido Castro, Galicia reivindica por primeira vez o seu dereito a decidir o futuro. |
|
Fran Alonso. |
|
|
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/09/2003
|