Logotipo, obra de Pepe Carreiro
-Fundación Plácido Castro
VolverVolver a Titulares
 
   
Exposición fotobiográfica
Documentos gráficos sobre a vida e obra de Plácido Castro agrupados en dez paneis temáticos en orde cronolóxica
Infancia (1902-1908)
Plácido Ramón Castro del Río naceu en Corcubión, no seo dunha familia acomodada e culta o día 25 de xaneiro de 1902. O seu pai, Plácido Castro Rivas, empresario de minas e armador de buques, foi vicecónsul de Suecia e Noruega en Corcubión, deputado liberal por A Coruña e un filántropo que dedicou unha grande parte da súa fortuna á realización de obras benéficas.
 
Primeira etapa británica (1908-1930)
Plácido R. Castro foi enviado a estudiar a Glasgow (Escocia) cando tiña seis anos e alí continuou ata licenciarse en Filoloxía Inglesa na prestixiosa Universidade desta cidade. Foi no tempo de universitario cando comezou facer traduccións. Viaxou polas illas interesándose polo “celtismo” e realizando reportaxes fotográficas; así, no exterior foi nacendo a súa simpatía polo galeguismo. Nas súas visitas a Galicia pasou tempadas en Cambados, onde colaborou en actividades culturais.
 
Correspondente en Londres
Vivíu en Londres, desde onde comezou a colaborar, en 1927, nos xornais “El Pueblo Gallego” e “Informaciones” con artigos sobre a sociedade, a cultura e a política na Gran Bretaña. Tamén publicou en medios vinculados ás “Irmandades da Fala” como “A Nosa Terra” e “Céltiga”. En 1927 publica o seu primeiro libro: “La Saudade y el Arte en los pueblos célticos”, con prólogo de Manuel Portela Valladares.
 
Compromiso galeguista
En 1930 retorna a Galicia. Moi pronto comeza a colaborar coas “Irmandades da Fala” e, en decembro de 1931, participa na Asamblea fundacional do Partido Galeguista, onde resultou elexido para o Consello Permanente. Desde ese momento e durante todo o período republicano Plácido Castro será un importante dirixente do galeguismo. Na III Asemblea do Partido Galeguista (1933) foi o membro máis votado para a executiva con 1.654 votos.
 
Galicia na Sociedade de Nacións
O máis importante cargo desempeñado por Plácido Castro no seo do galeguismo foi o de secretario de Relacións Internacionais, representando a Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas en setembro de 1933. Meses despois participa no Pacto de Compostela, onde se xesta “Galeuzca”. Durante este período, Plácido non deixa o seu labor intelectual, publicando artigos en diversos xornais e traducindo, en colaboración cos irmáns Vilar Ponte, ó Nobel W.B. Yeats. En 1936 participa moi intensamente na campaña a prol do Estatuto de Galicia.
 
No desterro en Coruxo (1940-1949)
A resultas do golpe de estado de 1936 foi peocesado e condenado a inhabilitación absoluta e desterro a máis de cen quilómetros de Muxía, onde fora detido, coa imposión dunha cuantiosa multa. Instalouse en Coruxo (Vigo) onde vivíu anos difíciles. Dedica moito tempo ás traduccións de poesía inglesa, algunhas premiadas e publicadas na Arxentina, colabora en “La Noche” de Santiago e practica a pintura á acuarela. En 1944 casou en Cambados con Jesusa Sineiro, con quen tivo oito fillos.
 
Segunda etapa británica (1949-1955)
Múltiples insatisfaccións e a asfixia política do franquismo fan que Pácido Castro tome a decisión de exiliarse, primeiro en Portugal e despois en Inglaterra. Durante seis anos exercerá como locutor-redactor da BBC (seccións de linguas galega, española e portuguesa) e colaborador do “Jornal de Noticias” de Porto, “La Nación” de Buenos Aires e “Galicia Emigrante”. Participou no “Galician Programme”, o primeiro espacio estable en lingua galega na radiodifusión.
 
Retorno a Galicia
Cumprida a condena de inhabilitación, retorna a Galicia, vive en Cambados e incorpórase ó Instituto Laboral de Vilagarcía de Arousa como profesor de Inglés, investigando novos métodos de ensino e elaborando materiais didácticos. Así mesmo retoma a actividade xornalística e comeza a publicar colaboracións en “Diario de Pontevedra”, “El Pueblo Gallego”, e sobre todo, en “Faro de Vigo”. Participou nas actividades de difusión cultural das Festas do Albariño de Cambados e no Ateneo do Ullán.
 
Traductor e xornalista
Os primeiros anos sesenta foron moi fecundos para Plácido Castro. Nos seus artigos xornalísticos trataba das máis variadas temáticas, con moi especial atención ás cuestións pedagóxicas, a promoción turística de Galicia e a difusión da cultura anglosaxona. En 1961 participou na xestación da Romería Vikinga de Catoira. En 1964 foi nomeado polo Ministerio de Educación como representante español na V Conferencia de Ministros Europeos de Educación, dedicada á ensinanza das linguas vivas, celebrada en Baden (Viena). A súa sensibilidade poética aflora en numerosas traduccións, destacando, entre moitas, as de Christina Rossetti.
 
Os derradeiros anos
En 1965 a revista “Grial” publica a traducción de “Os Rubáyiát” de Omar Khayyám, a partir da versión inglesa de Edward Fitzgerald. Nesa mesma publicación aparece en 1967, a título póstumo, un ensaio sobre o poeta e Nobel irlandés W.B. Yeats. En 2001 créase a “Fundación Plácido Castro” para aglutinar os esfozos por recuperar a súa figura e obra, e un pensamento que habilmente combina galeguismo, universalismo e un fondo humanismo.
 
 

VolverVolver a Titulares


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2003
Fernando Pol