·Fundación Plácido Castro
Volver


Xustificación do nacionalismo


Plácido Ramón Castro del Río
“Justificación del nacionalismo”. El Pueblo Gallego, domingo, 10 de abril de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


O recente movemento galego en defensa do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, a parte de calquera aspecto político e de toda consideración técnica verbo da citada vía, ten un profundo interese desde o punto de vista galeguista. Estimo, coincidindo coa opinión exposta hai poucos días nesta columna por Jesús Bal, que o movemento en si ten moita máis importancia que a cuestión que o provocou; e creo que os seus efectos perdurarán na nosa visa política aínda despois de resolverse o problema da construcción do ferrocarril.

Porque non pode pasar sen deixar unha fonda pegada na conciencia de Galicia, unha ocasión na que, por primeira vez en tempos recentes, a nosa terra adquiriu, impulsada polos seus propios sentimentos, unha unidade e un sentido de solidariedade que revelaron unha cohesión insospeitada. Non só se derrubaron as barreiras de clase, senón que algunhas aldeas que non tiñan interese directo na construcción do ferrocarril, e mesmo varios que podían considerarse prexudicados pola nova vía, sumáronse ó movemento, facendo que este excedese tódolos límites do localismo e do provincialismo para adquirir o carácter dun levantamento de Galicia en defensa do que estimaba o seu dereito. Foi un verdadeiro plebiscito, quizais o máis auténtico que se realizou en España, e aqueles que ocupan cargos representativos e non lle prestaron a súa adhesión, deixaron de ser, en esencia, representantes xenuínos da vontade popular.

Ó meu entender, este fenómeno do espertar galego é o máis valioso reforzo e argumento máis irrebatible que recibiron os defensores da autonomía de Galicia. Porque se a protesta transcendeu os límites locais, isto débese á existencia dunha conciencia galega, dun sentimento de galeguidade nos habitantes da nosa terra. Algúns homes representativos que militan en partidos ata hoxe opostos a toda forma de descentralización fixeron, con motivo do referido movemento, declaracións favorables á autonomía. É dicir, que os feitos os convenceron e espertaron os seu sentimento de patriotismo galego. Por outra parte, o simpático e emocionante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia desafiando a toda a burocracia madrileña, demostra plenamente que Galicia é algo máis ca unha división xeográfica, que ten os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación, sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúe.

Sen embargo, os que queren a todo transo buscar argumentos para combater o galeguismo, afirman que esta solidariedade de Galicia só se conseguiu por motivos económicos, o que dá a entender que tódolos demais aspectos do ideario galeguista son ineficaces e non interesan a ninguén. Mais eu atrévome a afirmar que se consideramos tódolos aspectos do movemento en defensa do ferrocarril, teremos que recoñecer que a súa extensión e a súa importancia foron debidas á existencia dunha forte emoción galega –latente nuns, consciente noutros–. A protesta foi transcendental e foi eficaz porque os galegos se sentiron galegos antes que españois. E así sucedeu, non só queda plenamente xustificada a tese nacionalista , senón que se demostra o valor de todo o labor do galeguismo na súa pasada actuación, aínda nas súas fases máis románticas e líricas, que a moitos se lle antollaban un mero xogo inútil e sen aplicación práctica. Sen o labor do nacionalismo galego Galicia seguiría tan insensible coma antes e tería que soportar con resignación o despoxo de que querían facela víctima. Pero desde agora Galicia sabe que existe e Madrid sábeo tamén.

E non é só na nosa terra onde a conciencia nacional, conservada en tempos difíciles polos nacionalistas, rexorde como un potente factor político. O recente triunfo de De Valera en Irlanda é unha proba máis de que o sentimento patriótico é máis potente e perdurable que as razóns materiais e económicas. Nun próximo artigo falarei deste feito tan significativo na historia dos movementos nacionalistas.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro