|
Verán, beleza, festas
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, 16 de agosto de 1956.
É curioso que Galicia teña a fama de
ser menos alegre ca outras terras de España. Sería interesante –malia que non sexa esta a ocasión
de facelo– especular sobre os motivos de que así suceda. En todo caso, eu penso que estas xeneralizacións
verbo da forma de ser dos pobos resultan ser case sempre enganosas. Calquera verán galego, coa súa
serie ininterrompida de festexos bastaría para desmentir semellante tópico. En realidade, os galegos
estamos saturados de festas nesta época do ano, tan rodeados en calquera lugar da ledicia, o rebumbio, as
bombas e as músicas das festas locais e veciñais que non caemos totalmente na conta da súa
importancia. Noutros lugares e terras máis tristes, de monotonía gris o resto do ano, o fugaz brillo
das festas ten que destacarse con moita intensidade que entre nós...
Esta concentración na nosa festa galega
da devoción relixiosa e a tradición, a ledicia popular, músicas e gaitas, luces e fogos, verbenas
e espectáculos, o gustoso gozo de saborosas comidas e bos viños, a sociabilidade do contacto coas
xentes vidas de pobos veciños, é ó meu entender, unha sinalada manifestación da nosa
esencial alegría de vivir, algo que está en contradicción, como dixen antes, co tópico
da nosa melancolía. En realidade, a nosa festa, máis que unha pausa na actividade, un descanso, unha
vacación, supón unha intensificación do ritmo da nosa vida. Nestes meses estivais, sobre todo,
os festexos sinalados no calendario non veñen ser senón unha acentuación da festa de permanente
ledicia que é o noso verán –o veraneo dos galegos na súa propia terra. Eu penso que no fondo
os galegos, sobre todo os galegos destas costas atlánticas, non comprendemos que formamos parte dunha categoría
de seres privilexiados. Somos as persoas afortunadas –e non son moitas no mundo– que non teñen necesidade
verdadeira de ir a ningures para gozar desta época, a máis apreciada do ano, pois ¿qué
outra cousa mellor íamos buscar?
Quizais neste terreo nos suceda algo semellante
ó que nos pasa coa beleza que nos rodea por todas partes na nosa Galicia. É tanta e tan rica na súa
variedade, en terra e mar, costa e montaña, celaxes e reflexos, que pode ser que o seu propio exceso lle
quite o gume á nosa sensibilidade. Estamos, por así dicilo, saturados de impresións constantes
de beleza, e só en certos momentos, cando nos paramos un anaco a mirar e pensar, somos totalmente conscientes
da súa intensidade e das súas insuperables características.
E por riba de todo isto –inmersión en suprema
e permanente beleza, verán que xa é en si unha festa constante– ¡Aínda se nos brindan
festexos! ¿Que máis se pode pedir? É xa case un abuso...
Ó face-lo encargo de escribir unhas liñas
para este número de El pueblo gallego dedicado ás festas vilagarciás, eu debín tal
vez falar da historia, os encantos, o porvir, as actividades, o programa festivo destes días –calquera asunto
concretamente relacionado con Vilagarcía– pero outras colaboracións, seguramente, se dedicarán
a eses temas. De tódolos xeitos a min non me pareceu fóra de lugar trazar estas divagacións
estivais, galegas e xerais, posto que na sinfonía de suxestións que Galicia esperta no noso espírito
os acordes vilagarciáns, intensificados nestes días festivos, han ter sempre unha especial e bela
resonancia.
P. R. Castro.
|