·Fundación Plácido Castro
Volver


Urxencia da Autonomía


Plácido Ramón Castro del Río
“Urgencia de la Autonomía”. El Pueblo Gallego, domingo, 15 de maio de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


A loita pola autonomía de Galicia entrou nunha nova fase. Non se trata xa da aspiración sentimental duns cantos idealistas senón dunha urxente necesidade material da nosa terra. Necesaria, neste sentido, foino sempre, e así o estimamos os que a defendemos en tempos pasados por razóns tanto prácticas como sentimentais, pero non debemos despreza-lo reforzo de aqueles que acoden agora ás filas autonomistas, impulsados por razóns prácticas, ó comprende-la triste situación en que quedaría unha Galicia sometida ó Poder central, dentro dunha nación na cal gozarían de autonomía rexións como Vasconia e Cataluña.

Non pode esaxerarse, neste aspecto, a gravidade do momento actual, nin se pode insistir demasiado sobre a necesidade de esquece-las diferencias partidistas e as liortas localistas. Nos editoriais deste xornal escribiuse repetidamente sobre o asunto. Pero trátase de algo tan transcendental que é preciso insistir sobre el.

Vasconia e Cataluña autónomas defenderán, e a isto teñen perfecto dereito, os seus intereses económicos peculiares. A Autonomía beneficiaralles, facéndoas máis prosperas e eficientes, no terreo espiritual como no económico. No Parlamento actuaron os seus deputados cunha unión case absoluta ó defende-las súas conveniencias rexionais, calquera que sexan as diverxencias que os separen dentro das súas respectivas rexións. Entre os representantes parlamentarios do resto de España, que serán os que na práctica gobernarán toda a España non autónoma, dominarán aínda máis que agora os deputados casteláns e madrileños. Teremos pois fronte a Galicia, con intereses contrarios ós nosos, dúas fortes rexións autónomas e unha confederación central, animada polo espírito imperialista que revela a actual campaña contra o Estatuto catalán –especie de novo “upetismo” castelán, dirixido polos máis diversos caudillos; Unamuno, Emiliano Iglesias, “agrarios” e ocultadores de trigo, cavernícolas, “albiñanistas” e intelectuais madrileños–. Xentes que empregan nas súas campañas unha fraseoloxía que nos recorda ós mellores tempos de Primo de Rivera, e que se acollen a unha serie de conceptos combinados e ocos, que nos demostran que son eles, e non os autonomistas, os verdadeiros nacionalistas reaccionarios. Ese é o espírito do centralismo, que será máis forte que nunca dentro da infortunada España que quede baixo o seu imperio. E dentro dese residuo de España, Galicia será, como sempre, a sacrificada. Non padecerá Valencia, que se aliará a Cataluña, nin Andalucía que saberá ameazar e asustar ó Goberno, senón Galicia indefensa. Outras rexións como Aragón e Andalucía xa empezan a pensar na conveniencia da Autonomía, aínda sen sentir o nacionalismo. Pero Galicia estará indefensa porque os seus representantes en Cortes, pertencentes a diversos partidos nacionais, alleos a Galicia, non saberán unirse para defendela e expresar con unanimidade o criterio da nosa terra, como non souberon facelo ata agora.

E este momento, transcendental na existencia de Galicia, é o que escollen os dirixentes dun partido que se chamou autónomo, e que foi con este carácter á loita electoral, para tratar de alianzas con partidos nacionais, correndo o risco de verse despois complicados no xogo político nacional, con prexuízo para os intereses que prometeran defender. Terían que calar cando un ministro agravie a Galicia, votarán, como xa o fixeron algúns, contra a desgravación da pequena propiedade rural, obedecendo as ordes dos seus xefes.

Se ós galeguistas nos movese un novo interese partidista aledariámonos da decadencia e das equivocacións doutros partidos galegos. Pero os que pertencemos a un partido que só existe para logra-la liberdade de Galicia, temos que lamenta-los erros dos nosos adversarios cando supoñen a debilitación da unidade galega, hoxe máis urxente e necesaria que nunca.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro