·Fundación Plácido Castro
Volver


Universidades españolistas


Plácido Ramón Castro del Río
“Universidades españolistas”. El Pueblo Gallego, mércores, 15 de xuño de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Épouco case seguro que a parte do Estatuto catalán que ha de suscitar un debate máis movido é a que se refire ó Ensino e especialmente á Universidade. O catalanismo, como tódolos nacionalismos, xorde de pulos sentimentais, non materialistas, e os seus defensores no Parlamento, que se mostran transixentes en canto se relaciona con cuestións materiais, xa non o serán se se lles quere obrigar a renunciar á creación dunha Universidade que sexa o núcleo da vida espiritual de Cataluña. Por outra parte, entre os defensores máis enérxicos e intransixentes do “españolismo”, atópanse numerosos catedráticos e intelectuais, puco dispostos a facer concesións que vaian contra o imperialismo da cultura e do idioma de Castela que vén a substituír, como símbolo do reaccionarismo español, ó antigo imperialismo militar e monárquico, derrotado xa en tantos campos de batalla. Como xa non se pode conta-la Marcha de Cádiz, entóanse cánticos a Cervantes. E o señor Unamuno, nunha recente entrevista, móstrase disposto a gasta-lo último home e a última peseta, empregando a forza para evitar que o pobo catalán se “suicide”...

A batalla, pois, será ruda, pero sen ningunha dúbida xurdirá a solución máis cordial, sexa esta a Universidade bilingüe ou a creación dunha Universidade catalana ó lado da española. O indispensable, e o que defenderán con tesón os deputados cataláns, é que se catalanice o ensino para que estea de acordo coas características e cos desexos da rexión –única solución liberal e democrática–. Só así poderán se-las Universidades algo máis ca unhas fábricas de licenciados, feitos en serie polo Estado español, converténdose en núcleos de culturas rexionais, cunha integración que leve a España a un nivel espiritual máis elevado que o que demostrou nas actuais Cortes, fronte ó problema catalán, moitas das figuras máis destacadas da intelectualidade española.

Pero calquera que sexa a solución definitiva, é preciso insistir sobre un aspecto da cuestión. Se a Universidade –catalana ou galega– non pasa a depender exclusivamente do Poder rexional, as rexións precisarán garantías de que non será empregada ningunha das súas cátedras como centro de propaganda “españolista”, ou base de operacións para ataques contra a cultura e o sentimento da rexión. En Santiago de Compostela, por exemplo, dáse o caso –comentado xa nestas columnas por Víctor Casas– de que un catedrático natural de Ciudad Real, emprenda desde o seu posto oficial unha campaña contra unha institución como o Seminario de Estudos Galegos, que é a máis alta expresión da cultura galega. Institución que realiza un labor abandonado pola Universidade e que goza no estranxeiro dun prestixio que desgraciadamente non alcanza o noso primeiro centro de ensino oficial. Non hai que darlle demasiada importancia ó feito de que este mesmo catedrático prexudique na súa carreira, cun trato inxusto, ós membros do Seminario que teñen a desgracia de verse obrigados a escoita-las súas leccións. Eles serán os primeiros en considerarse honrados pola circunstancia de que un antigaleguista os trata como inimigos. Pero de ningunha maneira se pode tolerar que un funcionario do Estado español ofenda os máis fondos sentimentos de Galicia, nin que un inimigo declarado da nosa terra explique na nosa Universidade –supoño que da forma máis tendenciosa– unha materia como a Historia de España. Isto non debe consentirse nin aínda baixo un réxime unitario. E nunha rexión autónoma unha Universidade con catedráticos semellantes ó citado –ou ó señor Royo Villanova, por exemplo– sería un foco de discordia que fomentaría a desmembración da patria “con moita máis eficacia ca unha Universidade completamente autónoma...

E vaian unhas advertencias finais para o catedrático aludido. Ocorréuselle dicir que o emblema do Seminario debía ser un carro de bois. É posible que como para o citado señor, Galicia é no fondo un país estranxeiro para nós, non se decate ben durante a súa estancia na nosa terra, que desexamos sexa o máis breve posible, do verdadeiro carácter do noso pobo. Pero eu permitiríame asegurarlles, aínda que pareza estraño, que en último termo non teriamos por qué avergoñarnos do símbolo que nos adxudica.

Observe o señor catedrático que o carro, tirado por bois, foi trazando, a través dos séculos, os camiños que o Estado español aínda non construíu en Galicia; lea, ou faga que lle traduzan un poema de Cabanillas, “Meu carriño”; fíxese na talla de Asorey “O Tesouro”; medite sobre aquel debuxo de Castelao, no que un paisano galego, ante un cartel de touros, exclama “Lástima de bois”. E pense, finalmente, sobre este “feito diferencial”: en Santiago de Compostela circulan polas rúas carros de bois; en Ciudad Real hai praza de touros...

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro