·Fundación Plácido Castro
Volver


Unha razón máis


Plácido Ramón Castro del Río
“Una razón más”. El Pueblo Gallego, martes, 31 de maio de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Non se pode negar que o ambiente en torno á autonomía de Galicia está transformándose rapidamente. A opinión é cada día máis favorable á súa implantación na nosa terra. A transformación obedece a unha serie de causas –a discusión do Estatuto catalán, a admirable oposición da situación tributaria de Galicia que se fai repetidamente nas columnas de El Pueblo Gallego, e a evidente diferencia de trato que o Goberno establece para diversas rexións, reveladora da verdadeira postergación da nosa rexión. Conflictos como o do ferrocarril Zamora-A Coruña, ou o formulado en Ferrol ó escribir estas liñas, transcenden inmediatamente os límites locais para converterse en problemas galegos que espertan a conciencia colectiva de Galicia. Xa non reaccionan agora unicamente os galeguistas. Fronte ó conflicto ferrolán, por exemplo, os comentarios publicados nos xornais –aínda naqueles que non viron nunca con simpatía as ideas autonomistas– teñen un marcado acento galeguista, e incluso formulan o problema dunha forma que fai resalta-la incompatibilidade entre os intereses de Galicia e o punto de vista dos Gobernos nacionais.

¿Cal é, en resumo, a posición do Goberno neste caso? Os amigos “gobernamentais”, dos que puiden escoita-la súa opinión, non negan que o Goberno dedica máis atención ás crises de Andalucía ou de Bilbao cá de Ferrol. Pero sosteñen que se isto sucede é porque os conflictos formulados en Biscaia e en Andalucía son de maior extensión, ofrecen maior perigo para a seguridade pública e requiren máis urxente solución.

Pero observemos o contraste entre o caso de Andalucía e o de Galicia. O Goberno preocupouse asiduamente de Andalucía; os ministros visitan con frecuencia aquela rexión e fan nela prolongadas estancias; destínanse continuamente enormes cantidades para alivia-la súa situación. Sen embargo o conflicto segue en pé. Non abonda que a colleita sexa magnífica, nin que as bases de traballo fosen establecidas despois dun detido estudio. As loitas sociais –non as dificultades económicas– impiden a recolección dunha enorme riqueza, hoxe ameazada. É evidente que un crecido número de andaluces dedican máis atención ás bombas ca á colleita. Seguirán as explosións e as agresións a pacíficos traballadores e seguirá tamén o constante envío de millóns de pesetas e a concentración da atención dos ministros sobre un conflicto, que non depende xa de factores económicos senón que foi formulado por algúns dos habitantes da rexión.

Ferrol tamén sofre unha crise. Reducida, porque se trata unicamente dunha cidade, pero para ela total, angustiosa. Nótese ben que da crise non é responsable o pobo ferrolán e que, dadas as circunstancias da industria afectada, o Goberno tiña a obrigación terminante de resolvela. Despois de longas negociacións Ferrol require a atención dos poderes públicos cunha folga pacífica e unánime, demostrando os seus habitantes unha unanimidade admirable e un civismo digno de todo eloxio. E aínda que a actitude do pobo fora dunha sorprendente serenidade, o Goberno trata ós cidadáns de Ferrol como rebeldes, cos cales non se pode nin parlamentar ata que depoñan a súa actitude. Sen embargo, saben moi ben os nosos gobernantes que en Ferrol, unha vez asegurado o benestar económico, ninguén cometería actos de “sabotaxe”, nin interrompería a marcha normal do traballo...

Todo o cal fainos pensar que se ben Galicia é pobre –díxoo o ministro de Obras Públicas– non chega a ser pobre para merecer atención. Hai que chegar á miseria. E tamén nos demostra que se a actitude de Ferrol é rebelde, non o é en grao suficiente para preocupar ós ministros como o fai Andalucía. Por iso non se resolveu a crise ferrolá, nin ningún problema da nosa terra.

¿Non ten Galicia dereito, dentro do réxime unitario español, cando menos, a un trato de igualdade e incluso de preferencia, posto que os seus habitantes se mostran máis pacíficos e respectuosos cos doutras rexións?¿Convennos seguir unidos na forma actual nunha nación cun Goberno que ten tantas preocupacións, alleas á nosa terra, que non pode atendernos?¿Non estaría máis asegurado o noso benestar se puidesemos soluciona-lo noso problema cos nosos propios medios, libres da sombra tráxica, de conflictos como o de Andalucía que non ten ningunha relación con nós?¿Non é, evidentemente, a nosa absoluta dependencia do Poder Central un obstáculo para o noso modesto benestar actual?

Velaí as preguntas que debe facerse a si mesmo cada cidadán galego. E que non perderán actualidade calquera que sexa a solución definitiva da angustiosa crise ferrolá.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro