| ·Fundación Plácido Castro |
Un referendo e unhas eleccións
Plácido Ramón Castro
del Río
“Un referéndum y unas elecciones”.
El Pueblo Gallego, sábado 29 de abril de 1933.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Celebrouse hai unhas semanas un referendo cun carácter
e uns resultados que merecen a atención de cantos se interesan polas cuestións autonomistas. Os habitantes
da Australia Occidental acaban de votar a favor da separación do seu país da Federación Australiana,
por un número de sufraxios que duplica o emitido en pro da continuación da actual situación.
A Australia Occidental –extenso territorio habitado tan só por medio millón de persoas– goza xa da dobre autonomía que supón o seu carácter de estado compoñente do Dominio Australiano, que é á súa vez virtualmente independente dentro do Imperio Británico. E sen embargo os seus electores creron conveniente decidirse pola independencia, e separarse da Federación Australiana, na cal ingresaron voluntariamente, e dispóñense a converte-lo seu país en novo Dominio, afiliado á Comunidade de Nacións Británicas.
Non existe conflicto de raza, de ideais, de idioma ou de cultura. Tan só razóns de orde material orixinan este novo movemento separatista. Os habitantes da Australia Occidental quéixanse do abandono en que vive o seu país e da postergación constante dos seus intereses, debido á grande distancia que os separa da capital federal e á incomprensión do Goberno central fronte ós seus problemas peculiares. Os cinco membros que teñen entre os 76 que forman a Cámara de Representantes non logran facer prevalece-lo seu criterio. As conveniencias das grandes cidades inflúen decisivamente na política do Goberno central, existe unha incompatibilidade entre a súa economía agrícola e o industrialismo das rexións australianas que exercen unha influencia predominante na vida política da nación, influencia que utilizaron para establecer un arancel prexudicial para o benestar da Australia Occidental. Os artigos manufacturados e as materias primas esenciais para a agricultura alcanzan elevados prezos baixo a protección arancelaria, en tanto que os productos agrícolas desamparados e desprovistos actualmente de mercados exteriores non obteñen un prezo remunerador...
Velaí como un país sen ningún dos pulos sentimentais que adoitan inspira-los movementos nacionalistas, vese obrigado a reclamar, non a autonomía senón a independencia por razóns puramente prácticas. Galicia podería subscribir integramente o memorial de agravios dos separatistas australianos, engadíndolle moitas razóns máis no terreo material. Posúe ademais, para defende-lo seu dereito á liberdade, argumentos decisivos na orde espiritual, racial, cultural e xeográfica ademais do recordo de múltiples inxustizas seculares. E, sen embargo, é probable que os habitantes de Australia Occidental sexan libres antes cos galegos. Pero este exemplo ha de te-la virtude de fortalece-la fe de cantos desexan a autonomía de Galicia porque serve para demostrárno-la inevitabilidade do desenvolvemento e do triunfo dos principios autonomistas, mesmo cando se presentan nun lugar tan pouco propicio, tan inesperado, como Australia, e cando se fundan exclusivamente sobre razóns materiais. Moito maior ha de se-la forza do nacionalismo, e igualmente segura será a súa victoria final, a pesar de tódalas traizóns e pequenas miserias da nosa política, cando como no caso de Galicia, xorde dun fondo pulo espiritual ademais de ter ó seu favor tódalas razóns prácticas imaxinables.
Debe facerse constar que o triunfo dos separatistas australianos coincidiu cunha victoria decisiva dos socialistas nas eleccións xerais que se celebraron ó mesmo tempo que o referendo. E non deixa de ter certa relación con esta cuestión en canto á autonomía de Galicia se refire a limitada consulta ó corpo electoral que acaba de ter lugar en España. Non hai que concederlle unha excesiva importancia ás etiquetas políticas, nin se pode saber se as eleccións foron realmente democráticas ou non o foron máis que en teoría. Pero son a única realidade política, a única medida das tendencias actuais da opinión española e os seus resultados nos revelan que nunha provincia netamente española, Burgos, os partidos dereitistas e republicanos moderados (entre os que se inclúe ós radicais) conseguiron 623 postos fronte a 104 dos partidos de esquerda. Nunha provincia galega, Pontevedra, as cifras correspondentes foron 35 contra 84...
Nin en Australia nin en España resulta se-lo centralismo unha garantía de esquerdismo, nin existe a afinidade, que algúns pretenden, entre o nacionalismo e a reacción. Os que sinalaron o perigo de que unha Galicia autónoma fose reaccionaria deben recoñecer, se son homes de boa fe, que a continuación do réxime centralista, lonxe de ser unha garantía de democracia e de fidelidade ás liberdades constitucionais, entraña o risco, tal vez non moi afastado, de que unha Galicia que non demostrou a menor tendencia dereitista se vexa subordinada enteiramente a un Parlamento no cal predominen deputados reaccionarios elixidos por provincias como Burgos, típico baluarte da tradicional España unitaria. Os resultados electorais proban que España é moito menos esquerdista que Galicia. Se non hai autonomía a política española dominará por completo á galega.
Han de darse de conta os galegos que sexan sinceramente demócratas da responsabilidade que contraen se non colaboran con entusiasmo no labor autonomista, e se pola súa indiferencia condenan a Galicia a atoparse, algún día, indefensa, sometida ós dictados dunhas Cortes españolas reaccionarias.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001