·Fundación Plácido Castro
Volver


Un momento decisivo


Plácido Ramón Castro del Río
“Un momento decisivo”. El Pueblo Gallego, domingo 23 de abril de 1933.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Ó cumpri-la República Española dous anos de existencia fixéronse nestas columnas diversos balances do que o novo réxime representou para Galicia –balances adversos para nós en case tódolos aspectos–. Tres cousas fundamentais agardaba Galicia da España republicana. Un trato de igualdade respecto a outras rexións, a autonomía e o arranxamento da vida política, coa destrucción definitiva do caciquismo. Por desgracia, despois de dous anos de República, ningunha destas esperanzas se realizou. Deixando a un lado a primeira, sobre a cal tanto se dixo xa en El Pueblo Gallego, é interesante observar que o segundo aniversario da proclamación da República coincide con dous acontecementos de grande significación na vida de Galicia, que han de considerarse sen perder de vista a relación que teñen entre si e a súa influencia sobre o porvir da autonomía. Refírome á aparente concesión dun decreto para a concesión dun decreto para a celebración do plebiscito e á etapa decisiva no proceso de descomposición do Partido Republicano Galego.

Non creo que se demostre unha inxustificada suspicacia ó falar da “aparente concesión” do decreto solicitado, porque o que respecto á autonomía vén acontecendo durante os dous últimos xustifica toda desconfianza e aconsella o maior escepticismo. Non podemos esquecer que hai preto de dous anos celebrouse na Coruña unha asemblea na que se redactou un estatuto, sen ningún resultado eficaz. Seis meses máis tarde reuniuse a Asemblea de Parlamentarios, con carácter oficial, presidida precisamente pola persoa que agora vén a representar ó ministro da Gobernación ante o Comité Central Pro Estatuto. Alí aprobouse un modesto estatuto, apoiado por deputados de tódolos partidos, pero o único resultado daquela reunión “histórica” foi a entrega dun rolo de papel polo señor Paratcha ó presidente da Deputación da Coruña. Despois daquelas palabras emocionantes, promesas abundantes e compromisos solemnes non sucedeu absolutamente nada. Un misterio rodea á desaparición do Estatuto de Parlamentarios. Nin un mitin de propaganda –salvo os do Partido Galeguista– nin unha palabra de explicación. Logo tras un ano de silencio celébrase a Asemblea de Santiago, convocada non polos que estaban obrigados a facelo senón polo municipio compostelán. Máis discursos, promesas e compromisos. Despois traizóns e deslealdades duns, indiferencia doutros e pasividade absoluta do P.R.G. e do seu representante no Goberno. E tras catro meses de silencio, durante os cales non tiveron resposta as preguntas dos representantes de Galicia, no mesmo día de remata-lo prazo sinalado polo Comité Central ó Goberno, dásenos unha contestación que é necesario cualificar de ambigua, tendo en conta de onde procede. Non vén o decreto solicitado, nin se sabe a data do plebiscito. Dise que xa redactará normas o Comité e a data queda, por agora, sen determinar...¿Está ou non xustificada a desconfianza?¿Non chegou o momento de falar con toda claridade para que quede disipada dunha vez a confusión que se creou en torno á autonomía?

E non esquezamos que a confusión aumenta aínda máis se se observa o actual estado do partido que ha de ser, co galeguista, principal instrumento da campaña autonomista. A descomposición do P.R.G., motivada en parte pola infiltración nas súas filas de elementos procedentes do máis desprezable caciquismo, e en parte tamén por encontradas ambicións persoais, culminou recentemente na disolución de importantes grupos do partido, a separación de numerosos afiliados, entre eles algúns deputados, e toda unha serie de recíprocas inhabilitacións, desautorizacións e emprazamentos. Todo isto sen que por desgracia obedeza a unha loita de nobres ideais políticos, nin a opostas tendencias de grandes sectores de opinión. Trátase, todo o máis, de cen señores que discuten acaloradamente con outros cen –se ben a algúns, moi poucos, non debemos negalo, que combaten por algo máis decente, máis democrático e máis republicano que o que actualmente impera no seu partido–. Mais o feito é que Galicia vive sometida a un novo caciquismo, ou máis ben ó antigo caciquismo adaptado ó novo réxime, en medio de rancorosas rivalidades persoais e nun ambiente de maquiavelismo rural. Os demais partidos hispano-galaicos non superan ó P.R.G. en cohesión, en ideais ou en galeguidade. O espectáculo é ben lamentable pero nada se gaña con pecha-los ollos ante el. Esta non é Galicia, esta non é a auténtica realidade galega, pero é a triste realidade política de hoxe.

¿Non é este un momento no cal, ante a gravidade da situación, e a súa influencia decisiva na vida futura de Galicia, é necesario que o galeguismo medite serenamente cál ha de se-la súa actitude? Lembremos que o Partido Galeguista viuse durante ano e medio, privado de loitar sen tregua contra todo o que ten que combater en Galicia, obrigado a limita-la súa actuación e a restrinxi-lo ton da súa propaganda pola feble esperanza de que se puidera conseguir para o noso país un mínimo de autonomía, que está lonxe de satisface-las nosas aspiracións. Pénsese que os nosos aliados na campaña plebiscitaria deron probas de indiferencia e ata de deslealdade na cuestión autonomista e que aínda hoxe non quixeron fixar definitivamente as normas que han de rexe-lo acto plebiscitario. Medítese sobre a actual ineficacia política do Partido Republicano Galego, sen esquecer que unha campaña conxunta podería representa-lo descrédito ante a opinión dos galeguistas que se visen obrigados a actuar en mitins con elementos ós que por tódolos conceptos teñen que combater e que son completamente incompatibles con toda política sa e democrática. E obsérvese, finalmente, que despois de todo isto pode fracasa-la campaña plebiscitaria, non porque a opinión galega deixe de ser favorable á autonomía, senón porque non podemos ter plena confianza en quen non deu ata agora probas da lealdade e entusiasmo necesarios para cumpri-las condicións, excepcionalmente e intencionadamente difíciles, que a Constitución impón. Nesta hora, unha das máis tristes da historia de Galicia, vale a pena que os galeguistas pensen ben o que deben facer e se sintan plenamente seguros de que non van ser defraudados unha vez máis, aínda que a decisión que resulte da súa meditación supoña o recoñecemento dunha equivocación pasada. É posible que chegara o momento de enfrontarse dunha maneira nova co problema da liberación de Galicia. Noutro artigo tratarei de expresar, con toda sinceridade, cál é, ó meu xuízo, a posición que o galeguismo debe adoptar.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro