|
Un drama de Galsworthy
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, martes 29 de marzo
de 1927.
Aínda que sexa algo tardía esta
reseña do drama “Escape” (Fuga), de Galsworthy, que acaba de retirarse do cartel do Ambassadors Theatre
despois de máis de duascentas representacións, creo que será interesante comentalo, pola súa
especial significación. O drama é unha forma episódica. No prólogo, o capitán
Matt Denant, “gentleman” e valente militar que se evadíu de Alemaña durante a guerra, ten a mala
sorte de matar nunha disputa un detective cando está interrogando a unha muller en Hyde Park. Condénano
a cinco anos de presidio. Un ano despois fúgase da prisión un día de néboa.
No terceiro episodio vemos un cuarto de hotel,
trinta horas despois da fuga. Denant ocultouse debaixo da cama. Cando a señora que o ocupaba se levanta,
unha vez reposta da natural sorpresa, auxilia ó evadido. Dálle cartos e proporciónalle o impermeable,
sombreiro e cana de pescar do seu marido ausente. Fai isto porque Denant é un “gentleman”, compañeiro
de colexio do seu irmán, campeón das tres millas, e porque o capitán é un “sportman”.
(“Sportman” en inglés non significa tanto un que se adica ós deportes coma un home que aplica os
ideais deportivos á vida, que acomete con valentía unha empresa arriscada, seguindo no seu curso
tódalas regras do xogo da vida. Ser un “sportman” neste senso é unha ambición de todo inglés
educado).
Denant pesca ó lado dun rio. Aparece un
ancián que resulta ser un xuíz retirado. Adiviña que ten diante un presidiario, pero lonxe
de denuncialo, dálle cigarros e segue o seu camiño.
Episodio quinto. Denant encontra os seus primeiros
inimigos. Un capitán mercante e un tendeiro coa súa familia están comendo ó aire libre.
Pasa o evadido e parola con eles acerca da súa
fuga. Como non son persoas de boa sociedade desexan a súa pronta captura: non aprecian a calidade do “gentleman”
nin o deportivismo da evasión. Denant aproveita un momento de descoido para roubar un pedazo de pan e escapar
no Ford do tendeiro.
Episodio sexto. O capitán encontra a un
señor que pasea coa súa muller, e pide que lle indiquen o camiño que desexa seguir. Lógo
danse conta por un axente que estiveron falando co presidiario. Regresa Denant fuxindo da policiía e o señor
pretende detelo. É a primeira persoa educada que se opón ós seus plans, pero acobárdase
enseguida. A súa muller axuda ó evadido e indícalle o camiño.
Episodio sétimo. O capitán dorme
nunha canteira. Aparecen dous obreiros que sospeitan del e chaman ó seu amo. O granxeiro quere dete-lo presidiario
pero este logra escapar.
Episodio oitavo. Dúas irmás toman
o té e comentan a fuga. Miss Grace, moi relixiosa, condena o criminal; Miss Dora, deportista, cazadora,
deséxalle boa sorte. Nisto aparece Denant, perseguido pola policía e polos aldeáns. Escóndese
detrás dunha cortina. Os perseguidores preguntan por onde foi e Miss Dora dilles que saíu por riba
da parede da horta. A súa irmá repróchalle a súa conduta, e o capitán non podendo
soportar esta disputa porque é un “gentleman”, marcha outra vez. Volve a policía e Miss Dora nega
que o capitán estivera na casa. Miss Grace, baixo a mirada imperiosa da súa irmá, minte tamén.
Episodio noveno. Denant refúxiase na sancristía
dunha igrexa. Pide asilo a un pastor, quen llo nega porque a igrexa é do Estado, pero ofrécelle unha
cadeira para descansar e “brandy” para reanimarse. Nisto aparecen os perseguidores. O capitán ocúltase.
Xa se adiviña a mentira nos beizos do pastor cando, na escea máis dramática da obra, Denant
se entrega, para que o sacerdote non teña que mentir pola súa causa. E marcha dicindo que do que
un non se pode fugar é de si mesmo. Comportouse ata o fin coma un “sportman” e coma un “gentleman”.
Non falo deste drama para comentalo no seu aspecto
teatral. O curioso é adiviñar cal é a actitude do dramaturgo. Se escribise prólogos
para as súas obras, como o fai Shaw, non teríamos dúbidas. Pero é difícil saber
se Galsworthy, quixo satiriza-la actitude da xente "ben"”inglesa, presentándoa como inimiga da
lei, e enxalzando a xente do pobo que auxilia a policía, ou se simpatiza el tamén co punto de vista
aristocrático “deportivo”. O certo é que só dúas persoas educadas tratan de entorpece-la
fuga, un señor cobarde, e unha señora dunha relixiosidade algo ridícula. E tódolos
plebeos, sen excepción, perseguen con saña o presidario. Os amigos de Denant son simpáticos,
os seus inimigos todo o contrario.
O público dá a entender que acepta
o drama na súa interpretación máis sinxela e menos democrática. Simpatiza tamén
co presidiario. Sería curioso ver como recibía a obra un público plebeo.
A propósito deste drama o ministro do Interior
chegou a demostrarse como crítico teatral, advertindo que o traballo da policía era difícil,
e delicado, e que o público debía prestarlle a súa axuda en toda ocasión.
Eu creo que Galsworthy se trabucou ó separa-los
personaxes da súa obra. Moita xente do pobo obraría da mesma forma que os seus aristócratas.
O sentido deportivo inglés non é patrimonio dunha clase social, aínda que sexa na aristocracia
onde se revela con máis claridade.
De todos modos paréceme de interese falar
de “Escape” aínda que non sexa máis que para axudar a desvanece-la idea española do inglés
coma un home frio, flegmático e fiel observador da lei. A lei que o inglés respecta sempre é
o regulamento non escrito do xogo da vida e non a lexislación dos tribunais. Así demóstranolo
Galsworthy, un dos escritores máis excelentes e veraces da Inglaterra actual.
P. R. Castro.
|