|
Un cidadán admirable
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, domingo
5 de febreiro de 1928.
As recentes eleccións non tiveron un
gran interese político, senón é o ter demostrado que o partido conservador non perdeu tanto
terreo no país como se cría. O realmente sensacional desas eleccións foi a revelación
dun novo persoeiro na política inglesa. Desde hoxe en diante hai que contar nos só cos partidos conservador,
liberal e laborista, senón tamén con Mr. E. A. Hailwood. Porque este señor é, el só,
todo un partido. Mr. Hailwood é un excelente conservador que disinte da política do goberno do seu
partido. Non é partidario de concesión do voto ás mulleres de 21 anos, quere que se practique
unha política de economía, e cre que para salva-las industrias británicas é necesario
protexe-los seus productos con elevadas tarifas aduaneiras.
Opina Mr. Hailwood que se o goberno non segue
os seus consellos sufrirá unha terrible derrota nas próximas eleccións xerais. E non ve outra
maneira de salvalo que combatindo ós candidatos ministeriais en tódalas eleccións parciais
que se celebren no país. Por desgracia, o Goberno non agradece esta forma de auxilio, pero Mr. Hailwood
está decidido a perseverar a pesar da ingratitude de Mr. Baldwin. O seu papel é acaso único
na política mundial. Descubriu unha nova profesión, a de candidato a deputado. Porque en realidade
o que lle interesa non é tantoser elexido como asegura-la derrota dos candidatos ministeriais. Fracasou
na súa tentativa en Southend e en Faversham, pero triunfou en Northampton. Restou ó candidato conservador
os votos suficientes para que fose elexido o laborista. E agora disponse a segui-la súa heroica campaña
presentándose en Lancaster.
Non é esaxeración chamar heroe a
Mr. Hailwood, se temos en conta o esforzo físico e mental que teñen que realiza-los candidatos nunha
elección inglesa –tres semanas de loita e dez ou doce discursos diarios. Unha soa elección é
suficiente para cansar ó candidado normal. Pero mesmo Hailwood leva tres meses seguidos pronunciando discursos
e disponse a seguir facéndoo indefinidamente. Non é menor o seu sacrificio no aspecto económico.
Cada elección cóstalle máis de mil libras e perde ademais en cada ocasión o seu depósito
de cento cincuenta libras, por non conseguir unha oitava parte dos votos emitidos. Mais o seu triunfo en Northampton
recompensou tódolos seus esforzos; causoulle unha gran ledicia. “Conseguin o que desexaba”, dixo, “a derrota
dun Goberno que non cumple as súas promesas”. E desde agora en diante será a sombra de tódolos
candidatos conservadores “ata que o Goberno aprenda a súa lección”. Declara que “o partido oficial
conservador ten un medo horrible de que eu entre na Cámara. Eu son o único candidato libre”. Pero
un dos maiores méritos de Mr. Hailwood é o de ser un home transixente. Falando dos seus futuros propósitos,
dixo: “Aínda non me decidín definitivamente a presentarme en Lancaster. Algúns conservadores
rogáronme que me absteña para ver como se porta o Goberno. Acaso conviña darlle outra ocasión
de reformarse”. Nestas palabras vése toda a importancia e toda a magnitude de Mr. Hailwood. Compréndese
ademais que non o impulsa ningunha ambición persoal. El só, enfróntase con un gran partido,
pero está sempre disposto a perdoarlle os seus erros pasados se dá mostras de se ter arrepentido,
e a retirarse entón da vida política. En realidade, o Goberno ten que tomalo en serio, porque Mr.
Hailwood conta con mil votos en cada distrito e en moitos casos, cando a maioría do antigo deputado conservador
non pasa de mil votos, a súa intervención provocaría a derrota do candidato ministerial, como
sucedeu en Northampton. O mellor para o Goberno sería que este correlixionario tan singular resultara elixido.
Só así, ou dándolle un título, poderán verse libres del. E confeso que me agradaría
sobremaneira o seu triunfo. Ben o merece quen amosa tal entusiasmo por unha causa. É unha contradicción
vivinte da afirmación de que a política xa non apasiona ós homes, e demostra que os cidadáns
xa non estan sometidos ós grandes partidos como se di. Calquera que teña o diñeiro suficiente
pode en Inglaterra convertirse en partido político, e desafiar a tódalas organizacións. Baixo
un sistema de representación proporcional Mr. Hailwood ocuparía sen dúbida un posto na Cámara.
Se conseguiu máis de tres mil votos en tres distritos é lóxico deducir que representa a opinión
duns seiscentos mil electores británicos.
Se non vence nalgunha elección, ou se o
Goberno non segue os seus consellos, permitíndolle retirarse á vida privada, é terrible pensar
no porvir que lle espera –a ruína económica, talvez a morte, extenuado pola súa loita sen
tregua. Porque o seu entusiasmo chega ata o estremo de atoparse disposto a combatir en varias circunscripcións
á vez, se é necesario, valéndose dun aeroplano para trasladarse con rapidez dun distrito a
outro. Sen embargo, o verdadeiro problema non se lle presentará ata que cheguen as eleccións xerais.
Entón xa non bastará un aeroplano para recorrer os seiscentos distritos da nación. Pero talvez
lle proporcione a ciencia unha solución satisfactoria. A combinación da radio coa televisión
permitiralle ser visto e oído en tódolos distritos á vez. Non poderá emprega-lo “fonofilm”
porque o partido conservador xa adquiriu o monopolio desta invención. Ese si que sería o momento
decisivo da carreira política de Mr. Hailwood. Exporíase a gastar unhas setecentas mil libras, pero
se triunfaba nuns centos de distritos, ¡Sería o dictador de Inglaterra!...
Ó atoparnos cun personaxe tan singular
como Mr. Hailwood o máis natural é que riamos, como se riron os seus compatriotas. Pero no fondo
a súa actuación ten un aspecto moi serio. E a nos talvez debera inspirarnos envexa máis ben
que risa. O só feito de que mister Hailwood exista xa é un motivo de orgullo para o país en
que vive. Porque a súa actuación política só é posible nunha nación onde
reina a tolerancia e a liberdade. Cando un cidadán pode enfrontarse con tódalas organizacións
políticas da súa patria é tan digna de admiración a tolerancia desa nación como
a valentía do cidadán. E se Mr. Hailwood ten algo de tolo, tamén é verdade que alí
onde se permite a excentricidade non se corre o perigo de afoga-lo individualismo. A posición de Mr. Hailwood,
o ultraconservador, ten no fondo moito de liberal. E é unha posición netamente inglesa. Non podemos
chamarlle un inglés representativo en canto encarna nunha forma extremada a rebeldía e o individualismo
que son as bases principais da vitalidade do pobo inglés, aínda que a maioría dos ingleses
fagan compatible o seu individualismo coa organización... Onde existen homes como Mr. Hailwood, hai liberdade,
e hai opinión individual... ¿Non é verdade que non fan moita falla en España uns cantos
Hailwoods?
P. R. Castro.
|