| ·Fundación Plácido Castro |
Tregua ou loita
Plácido Ramón Castro
del Río
“Tregua o lucha”. El Pueblo Gallego,
sábado 10 de xuño de 1933.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Dous recentes editoriais de El Pueblo Gallego sinalaron
ós partidos políticos que en Galicia actúan cál é o seu deber nos actuais momentos
ó invitalos a declarar unha tregua política que asegure o resultado favorable do plebiscito galego.
Se eses partidos son algo máis que bandas contrarias de caciques, grupos de persoas que contenden unicamente
por ansia de poder, se teñen algún contido ideolóxico, non deben desatender calquera invitación
á cordialidade. Non significará a tregua que renuncien no máis mínimo a futuras loitas
en política nacional ou rexional. Pero tratándose da autonomía sería verdadeiramente
absurdo que se establecese unha contenda política partidista. En primeiro lugar non se trata dun Estatuto
de partido. Colaboraron na súa formación e aprobación personalidades e Concellos de tódalas
ideoloxías. O proxecto axústase ós límites que a Constitución española
sinala para as autonomías rexionais. En tales circunstancias é difícil comprender qué
razóns podían alegar para opoñerse á autonomía de Galicia os partidos que nas
Cortes votaron primeiro a Constitución e despois o Estatuto de Cataluña, e que ademais se comprometeron
na Asemblea de Santiago a colaborar no labor autonomista. Neste caso áchanse os principais partidos nacionais
que en Galicia actúan –e entre eles son varios os que defenden nos seus programas as reivindicacións
autonomistas. Os partidos rexionais, dado o carácter autónomo que é un dos fundamentos da
súa existencia e por estar inspirado o seu programa en ideais galeguistas, teñen a obrigación
ineludible de traballar con todo entusiasmo polo éxito do plebiscito. Polo tanto se se dá o caso
de que algún partido se negue a aceptar unha tregua política e a prestar a súa axuda á
campaña autonomista, saberá a opinión que a súa actitude non pode responder a nobres
pulos ideolóxicos, sempre respectables. Obedecerá, se tal posición adopta, a móbiles
moito máis mesquiños –envexas e rivalidades persoais, afáns de crearse unha plataforma política,
aínda que sexa a costa do benestar de Galicia.móbiles cunha pequenez que non lograrán encubrir
coa bandeira do patrioterismo, porque é evidente que non pode ser anti-español un Estado que a propia
Constitución autoriza. Nin lles servirá suscita-la controversia entre dereitas e esquerdas, xa que
o Estatuto, froito da Constitución e por esta limitado, non é nin máis dereitista nin máis
esquerdista que a Constitución mesma. E tampouco é probable que logren convencer á opinión
galega de que a Galicia non lle convén unha autonomía que outras rexións, máis educadas
política e economicamente que a nosa, reclamaron enerxicamente.
Convén certamente que cada un se defina, que saibamos quen son os defensores e quen os inimigos da autonomía de Galicia. Para isto nada máis oportuno que a invitación á tregua. Non é de esperar que a iniciativa xurda de ningún partido político. Existe, sen embargo, por virtude da Asemblea de Santiago e do recente decreto sobre o plebiscito, un organismo sen carácter político que é superior ós partidos –o Comité Central, recoñecido polo propio Estado como director da vida de Galicia neste aspecto e encarnación da súa vontade autonomista. Só do Comité pode vir o chamamento á cordialidade, sen que sexa tan sequera necesario que o faga explicitamente. É suficiente que pida a colaboración de cada un dos partidos que en Galicia actúen e que lles pida que indiquen cál será a súa achega á propaganda oral e escrita a favor do Estatuto. Quen se negue a atender tal requirimento declararase francamente inimigo da autonomía. E se algún partido adopta semellante actitude, a consecuencia só pode ser unha –a unión contra ese partido, cando menos ata a data do plebiscito, de tódalas organizacións políticas que defenden a autonomía, unha coalición de partidos autonomistas e republicanos de esquerda, rexionais ou nacionais, contra aqueles, esencialmente reaccionarios, que se dispoñan a loitar pola continuación do centralismo, o que equivale a imposibilita-la republicanización de Galicia, o seu progreso material e a súa incorporación á vida democrática e cidadá.
Benvida sexa a tregua se é posible conseguila. Pero se non o é tampouco debemos renunciar á empresa. Tal vez non poida sen ela alcanzarse a votación que a Constitución esixe. Pero lograrase, cando menos, libra-la batalla contra os inimigos da autonomía no terreo máis favorable, onde máis difícil lles será realiza-la súa propaganda, facendo fronte cunha forte coalición de partidos. Na confusión inevitable dunhas eleccións non será tan doado organiza-la fronte autonomista.
Estou plenamente convencido de que calquera partido que, nestas condicións, se atreva a emprender unha ofensiva contra o Estatuto, aseguraría a súa propia eliminación da vida política de Galicia. Conseguiríase unha considerable votación a favor do Estatuto fronte unha cifra ridiculamente reducida de votos adversos –un resultado que aínda que non chegase a satisface-las esixencias da Constitución, sería unha afirmación democrática, maioritaria, da vontade de Galicia de ser dona dos seus propios destinos. E en todo caso nada estaría perdido. Porque se ben sería preciso un intervalo de cinco anos antes de consultar novamente á opinión, moito máis longa será a espera se Galicia deixa pasar esta oportunidade de consegui-la súa autonomía.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001