|
Temperamento e prosperidade
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, mércores
25 de xaneiro de 1928.
A Conferencia de patróns e obreiros para ver
se é posible a cooperación entre eles en lugar dunha loita constante pode se-lo primeiro paso cara
a paz industrial e a prosperidade. Ou pode acontecer que os feitos sexan máis potentes que as boas intencións
e que fracase unha tentativa tan digna de aplauso. O tempo dirá. Pero esta conferencia invítanos
a meditar sobre as causas fundamentais da crise industrial británica. Ben coñecidas son as súas
causas económicas e materiais. Pero existe un factor, acaso tan importante como calquera outro, ó
que non se adoita concederlle a debida influencia –o temperamento do pobo inglés.
Poderiamos comparar a Inglaterra cunha persoa
que se dedica a unha profesión pola que non sinte gran afección. Por boa que sexa a súa vontade,
por grande que sexa a súa actividade, nunca alcanzará o éxito coa mesma facilidade que a persoa
que sinte entusiasmo polo seu traballo. A un español talvez lle pareza Inglaterra un país espiritualmente
industrializado. En realidade non o é; basta comparala con Norteamérica para comprendelo. Os americanos
tenden a identifica-la felicidade coa prosperidade, coa adquicisión de diñeiro, e en consecuencia
ven á civilización industrial como unha cousa desexable porque é a máis adecuada para
a creación de riqueza material. Ata chegan a darlle un valor artístico. Só recentemente se
iniciou entre os escritores americanos unha reacción contra o comercialismo. Moitos deles aínda atopan
a súa inspiración no rebumbio da moderna vida norteamericana. E o presidente Coolidge dixo hai pouco
tempo: “O ruído das segadoras, o zumbido das serras, o estrépito da forxa e o estruendo do tráfico
son parte dunha gran sinfonía, que expresa non só o progreso material, senón tamén
o progreso espiritual”. Está é a absoluta identificación do espírito co traballo que
leva a unha nación ó éxito material. Pode parecernos un tanto bárbaro o concepto americano
da súa sinfonía, pero non cabe dúbida de que é práctico.
¡Que distinto é o caso de Inglaterra!
Os seus poetas, como tódolos seus habitantes, miran con certo horror o “país negro da industria”,
que sería en Norteamérica motivo de orgullo. En lugar da “sinfonía industrial” de Coolidge
cantan a sinfonía da natureza. Para eles a industria é máis ben un mal inevitable ó
que hai que resignarse. Esperan con impaciencia a chegada das vacacións, non tanto para descansar como para
fuxir dos grises centros industriais ás praias e ós campos. Non é que os ingleses se avergoñen
de ser un pobo industrial. Polo contrario a súa potencia industrial e sobre todo a calidade dos seus productos
son un motivo de orgullo. Pero teñen plena conciencia dos inconvenientes materiais e espirituais do industrialismo;
non atopan na simple prosperidade a satisfacción das súas aspiracións nacionais e persoais.
A maior parte dos homes de negocios ingleses non
traballan impulsados principalmente polo afán de riqueza e de poder. A súa gran ambición é
acumular diñeiro para poder adquirir grandes propiedades onde poder cazar e pescar e vivir como un “country
gentleman” –un señor rural. E se consegue un título, mellor. Pero a súa finalidade é
sempre máis ben social que económica. E os obreiros, pola súa parte, tamén anhelan
algo máis que o salario suficiente para vivir comodamente. Ramsay Macdonald díxolles moitas veces
que non deben contentarse con ter que comer e roupa coa que abrigarse, senón que deben aspirar a unha vida
chea de beleza e alegría, que deben expresa-lo seu espírito resucitando os antigos bailes populares,
“bailando cos corazóns e non só cos pés”, que a próxima xeración necesita “unha
delicada apreciación do fermoso, do que é de bo gusto”. Segundo o xefe laborista, as condicións
actuais non permiten “mira-lo traballo con afecto como algo fermoso, atractivo, algo que comunica ó corazón
e á alma a satisfacción de sentirse en afectuosa harmonía con él”. Di que o sistema
actual “vai exprimindo as almas e os corazóns dos nosos traballadores... Os nosos corazóns vanse
mecanizando... Cada día será máis difícil levanta-la vista ó ciclo e recibi-la
súa inspiración...”. O “Observer”, periódico conservador, ó comentar un discurso de
Lord Balfour, expresa unha opinión parecida. “É esencial –di- que os homes e as mulleres cesen de
ser considerados como brazos... Isto é unha ofensa á dignidade humana”. O sistema industrial de hoxe
“cansa o corpo e atrofia a alma... O cansancio é un resultado de traballar a disgusto”.
Comparemos agora as opinións de Mr. Baldwin,
coas de Mr. Coolidge. O primeiro ministro inglés, poucas veces fala da grandeza industrial do seu país.
Pero non perde ocasión de lembra-las belezas dos seus campos, de falar das lembranzas da súa nenez,
da súa xeración polas lendas e as tradicións de Inglaterra. Durante a súa recente visita
ó Canada dixo que lle parecía moi envexable a vida dos agricultores canadienses, “o seu contacto
coa natureza, a súa liberdade das constantes preocupacións do home de negocios”. “O cambio das estacións
–díxolles- proporciónavos un espectáculo sempre interesante. A saída e a posta do sol,
os ceos estrelados, a aurora boreal, todos contribúen a facer feliz a vida do habitante das chairas canadienses”.
Os elementos compoñentes da sinfonía espiritual, son para este inglés tan típico, moi
distinto dos que escollería Mr. Coolidge.
O espírito inglés, como se verá
por estas citas e observacións, segue anhelando sempre o contacto coa natureza, o “romántico”, unha
felicidade que sexa algo máis que a sinxela prosperidade. E en consecuencia encóntrase a disgusto
no ambiente industrial que as circunstancias lle impuxeron. Cen anos de industrialización lograron cambia-lo
seu temperamento. E hoxe experiméntase unha sensación contra o industrialismo. Realízanse
constantes esforzos para salva-las comarcas rurais dos avances da industria. Procúrase por tódolos
medios facer máis amena a vida nas aldeas, creando sociedades teatrais, resucitando os bailes e as cancións
tradicionais. Como dixo Lord Salisbury: “Queremos que Inglaterra volva a ser “Merry England”, a Inglaterra doutros
tempos”.
¿Cómo non vai a influir adversamente
no desenrolo económico dunha nación esta loita constante entre o espírito e o ambiente, este
disgusto coas condicións da súa vida? Tódalas circunstancias empurran a Inglaterra cara a
“americanización”. Pero a americanización parécelle a moitos ingleses, como dixo Chesterton,
“peor que a invasión dun exército estranxeiro”. O conflicto será motivo de moitas dificultades
que se evitarían se Inglaterra se rendira ante o avance da civilización industrial. Mais ¿Quen
poderá negar que a supervivencia do tradicional espírito inglés promete a longo tempo para
a Gran Bretaña grandezas que nunca poderá alcanzar unha nación identificada coa civilización
materialista? ¡Feliz o país no que os xefes políticos falan de “ceos estrelados” e queren que
“bailen os corazóns”!
P. R. Castro.
|