![]() |
|
| -Fundación Plácido Castro | |
|
Suspensos
Pero non van estas liñas encamiñadas a glosar este bando encantador, aínda ben merecería un máis extenso comentario, dedicado a examina-la mentalidade dos que redactan tales bandos, e dos que os alentan co seu aplauso; estes buscadores de pecados, con espírito envolvido en tebras ancestrais que son, no fondo, as únicas persoas realmente inmorais que acoden as nosas praias. Porque hai algo que supera ó bando do alcalde de Oleiros e lle arrebata a primacia do humorismo inconsciente -un artigo publicado nun dos nosos máis importantes rotativos rexionais acerca das vacacións parlamentarias. “Tamén Galicia, declara este diario, identificado coa ideoloxía da maioría dos deputados galegos, debe aproveitar estas vacacións. Os deputados voltarán todos a súa terra e poderán dedicarse con asiduidade ó estudio dos nosos problemas. A eles importalles antes que a ninguén chegar a conclusións unánimemente aceptadas para defender no Parlamento os intereses da rexión... É moi conveniente que a preparación permita toma-la ofensiva para logra-la debida producción a nosa gandeiría, ós nosos bosques, as nosas industrias, sobre todo a pesqueira... O Goberno, resolvendo os problemas máis urxentes, e os políticos e as organizacións que lles seguen, preparando a solución dos que se presentarán para o outono, poden preparar unha gran mellora na nosa vida pública”. ¡Pobres estudiantes políticos que non acadaron aprobar nin ante os tribunais que lles son máis afectos! Resulta que perderon todo o pasado curso. A maior parte deles, e iso que algúns levan máis dun cuarto de século de “carreira política”, non conseguiron nin abri-la boca para dicir unha soa palabra. Non son poucos os que nin por fóra coñecen o libro de texto Galicia. Resulta agora, segundo confesión dos seus propios amigos, case poideramos dicir que os pais dos alumnos, que eliximos -é un dicir- para representarnos, a uns señores que non sabían nada acerca dos problemas galegos, e que durante os sete meses de labor parlamentaria tampouco aprenderon nada. Só lles queda o recurso dos malos estudiantes, traballar durante as vacacións. Madrid é unha cidade tan alegre, é tan difícil estudiar alí, hai tantas cousas en que distraerse. E Galicia queda... para as vacacións. Sen embargo, temos que aplaudi-la iniciativa do citado diario. Cando menos aqueles deputados forasteiros, con nomes que se pode dicir que descoñecemos e que seguramente teñen unha idea moi vaga de Galicia, deben visitarnos para pasar no noso admirable clima uns meses de veraneo. Sempre se enterarían de algo. Daríanse de conta, tal vez, de que aquí a “industria pesqueira” non se limita á pesca, ás veces con artes prohibitivas, das actas que ostentan. Verían que, ademais do "pucheirazo", existe en Galicia algo máis importante, que é o "pucheiro". Observarían que esa gandeiría galega da cal oíron falar, non a constitúen soamente os rabaños de electores, que aparecen teóricamente votándoos, e que despois fan xeme-las máquinas calculadoras nos escrutinios ata alcanzar cifras asombrosas e inexplicables. ¡Que veñan! Ó fin de contas, a viaxe pagaremoslla entre todos. É de temer, sen embargo, que estes deputados que terán que “presentarse para o outono”, voltan a facelo non mesmo estado de ignorancia que agora -salvo algúns dos indíxenas que xa saben máis do que lle convén. Se algo fan será estudia-las matemáticas do cambio e suma de votos e a historia natural da fauna caciquil que tan ben se cría no noso agro. E, despois de todo, ¿por qué terán que molestarse? ¡Saben que é tan fácil consegui-lo título sen estudiar, sen contestar a ningunha pregunta!
P. R. Castro. |
|
|
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/01/2003
|