|
Saudade e Arte (III)
Plácido Ramón Castro
del Río
“Saudade y Arte”. El Pueblo Gallego,
15 de novembro de 1927 (Os anteriores publicáronse os días 5 e 19 de outubro de 1927).
Se pasamos a examinar a literatura dramática
de Irlanda, verémola dominada, como a súa poesía, pola ansia de maxia, de países de
lenda, onde todo pode ser verdade, da idade heroica de Erín na que os heroes, princesas e fadas vivían
nun mundo de marabillas e de encantamento. E aínda nas ocasións en que a acción se desenvolve
no mundo real é o tema máis frecuente a arela dese inalcanzable mundo ideal, a loita entre o real
e o soñado, a saudade de beleza ou a traxedia do que se creou ilusións, do que quixo facer da súa
vida unha lenda. Os dramaturgos irlandeses trataron a saudade de moi diversas maneiras. Uns abandónanse
a ela, outros sorrín, outros búrlanse ou a atacan con dureza. Pero é case sempre o motivo
fundamental da súa obra, ata no caso dos escritores novos, como O`Casey, que máis realistas semellan.
Non pretendo que as características que
enumerei sexan propiedade exclusiva da arte céltica. Pero en ningunha outra literatura ten tanta preponderancia
a saudade, no sentido máis amplo da palabra. Pode dicirse que tódalas súas modalidades están
dominadas e inspiradas por ela. Saudade da terra, da xuventude, da patria libre, da dor da beleza do imposible,
da ilusión: todas son facetas distintas dun mesmo sentimento, tanto máis puro e intenso canto máis
inalcanzable o seu ideal. Na arte doutros pobos pode ser a ilusión, o desexo, calidade incidental. Na arte
dos celtas son inspiración dominante. Havellock Ellis, no seu estudio arredor do "Espírito céltico
na literatura", ve como característica distintiva desa literatura ó amor ó "afastado
no afastamento" -"the remote as remote"-. Di Ellis: "Aínda que o poeta romántico
emprega con frecuencia o elemento do afastamento é xeralmente o seu desexo conseguir o que ó espírito
céltico lle resulta intensamente repugnante, o remoto no presente... Necesita a ilusión, ten que
buscar a visión dun mundo invisible...".
Abonda dicir que a arte céltica non se
preocupa do ben e do mal, da posibilidade da felicidade en vida. O seu ideal, para satisfacela, ten que manterse
afastado, o que lle importa non é o ideal senón o desexo do ideal. E ese eterno afastamento do ideal,
esa esixencia dun pasado dunha magnificencia imposible, ¿como non van ser unha eterna fonte de saudades?
Velaí cómo Ellis vén de facer da saudade, do desexo do ideal, a clave para entender a literatura
céltica.
A consideración do carácter da saudade
non pode separarse da nosa ledicia e a nosa tristeza. É evidente que do ideal "afastado no afastamento"
ten que nacer certa tristeza. Desde logo se ese ideal é típico da máis antiga literatura céltica,
e é dela que Ellis fala, demostra que tanto a saudade como a tristeza dos celtas non son producto de condicións
históricas modernas, pois esa literatura escribiuse nunha época gloriosa para os celtas do Norte.
Un sentimento que así domina tódalas manifestacións da arte celta ten raíces demasiado
fondas para poder ser motivado polas desventuras dun pobo. Tal vez se atope a solución do enigma da nosa
ledicia e da nosa tristeza nesa "visión cos ollos da mente" da que nos fala Arnold, visión
indirecta que lle saca algo da súa intensidade tanto á tristeza como á ledicia. Pero en todo
caso sería aventurado afirmar que a saudade é un sentimento enteiramente triste. Posúe un
carácter demasiado artístico para selo. É complexa como tódolos nosos sentimentos.
Non sabemos se somos tristes ou ledos, non sabemos o que desexamos. Rosalía sentía "unha sede
D`un non sei qué que me falta". Di "quero e non sei o que quero", e "Tan so acordarme
d`elas, Non sei o que me fai; Nin sei s`e ben, Nin sei s`e mal".
Pondal tamén tiña "Suidades
de non sei que... Suspiros por non sei quen E por non sei que suspiros". A melancolía que se ve nos
ollos celtas é segundo Yeats "unha melancolía que case é unha parte da súa ledicia".
E o mesmo poeta ó oír tocar unha máxica frauta di que "nunca se oíu música
tan triste, e nunca se oíu música tan leda".
"Este barro mortal qu`envolve o esprito ¡Quen
o entenderá Señor!".
Hai que resignarse a non comprenderse, e case
hai que aledarse. A persoa ou o pobo que non se comprendan a si mesmos deben ter moi pouco que comprender.
É un empeño inútil tratar
de dictarlle a un pobo as normas que debe seguir, dicirlle que sexa ledo, que non teña saudades. Felizmente
os pobos son como son e non como se quere que sexan. E o empeño é aínda máis inútil
se se pretende definir a alma de Galicia excluíndo un dos seus sentimentos máis fundamentais. ¿Por
que se somos complexos, esforzarnos en ser sinxelos? Hai lugar na nosa vida para as tendencias máis variadas,
para a arte da saudade, e para a "arte nova". Cantas máis tendencias mellor. Pero non debe pretenderse
que ningunha delas teña unha hexemonía absoluta. Nin é razoable iniciar unha reacción
contra a saudade, cando aínda non extraemos dela todo o froito que pode darnos. A nosa arte, a excepción
da poesía lírica, aínda non empregou a riqueza da inspiración saudosa. Non debemos
adoptar novas tendencias antes de terlle dado expresión artística ás tendencias antigas. Para
ver o que aínda nos falta por facer nesta arte de saudade abonda comparar a nosa literatura coa de Irlanda.
Non é razoable dicir que porque en Irlanda parece iniciarse unha reacción, debe igualmente iniciarse
en Galicia. Alí conseguiuse tanto seguindo esta tendencia que a reacción vén a ser unha cousa
desexable. En Galicia sería prematura. Polo momento preséntansenos dúas alternativas: Seguir
a ruta que o pobo nos marca, inspirándonos na tradición, na lenda e na saudade; ou crear unha arte
fría, intelectual, que podería ser moi europea pero que non terá ningún contacto co
espírito da raza. Non semella difícil decidir cál posúe os maiores atractivos nin cál
está máis en consonancia co verdadeiro nacionalismo.
Desde logo, desterrar a saudade, a inspiración
fundamental da arte céltica, paréceme algo así como unha forma de suicidio.
Preténdese que a saudade é incompatible
co progreso de Galicia e co éxito na súa vida práctica. Con só estudiar o caso de Escocia,
veremos o equivocada que é esa opinión. Escocia é a terra do saudoso Burns, a nación
que nos nosos días deu ó mundo un talento tan delicado como o de Barrie, coa súa "Mary
Rose", e o seu "Peter Pan" e as súas illas encantadas. E sen embargo, é Escocia o
pobo máis práctico e un dos máis prósperos do planeta. O Clyde era hai cen anos un
regato que se atravesaba a pé en marea baixa. Hoxe é un río enorme, nas marxes do cal xurdiu
a grande cidade de Glasgow. A trinta quilómetros da súa boca constrúense os maiores acoirazados
e transatlánticos do mundo. E isto fixérono os escoceses sen axuda de ninguén... Irlanda,
outra terra de saudades, loitou pola súa liberdade nos campos de batalla durante oitocentos anos e agora
enfróntase valentemente coas realidades para consolidar a súa nova situación. ¿Unha
contradicción máis do temperamento céltico? Se cadra o sexa. Non pretendo explicala, pero
o feito é innegable. A saudade paréceme unha calidade cunhas vantaxes que compensan amplamente os
inconvenientes que puidera ter. A parte da súa importancia como inspiración artística, a saudade
implica a imposibilidade do estancamento, a constante aspiración cara a un ideal. O pobo que a sinta desexará
sempre algo que non ten, non estará nunca satisfeito. ¿E non é preferible o descontento do
idealista á vaidade do que está satisfeito? En todo caso paréceme equivocado culpar á
saudade dos males de Galicia. Tal vez nos faga falta máis saudade aínda, sobre todo a saudade dunha
nova Galicia, que sexa como en Irlanda o distante ideal que ó fin nos leve a unha leda realidade. Deixarnos
dominar enteiramente pola saudade podería ter os seus inconvenientes. Pero desterrala do noso espírito
tería consecuencias aínda máis indesexables. Vexamos nos ataques á saudade un intento
de lograr o equilibrio entre o sentimento saudoso de Galicia e o seu sentido práctico, máis ben que
un desexo de facela desaparecer.
P. R. Castro.
|