·Fundación Plácido Castro
Volver


¿Que agarda o señor Azaña?


Plácido Ramón Castro del Río
“¿Que espera el señor Azaña?”. El Pueblo Gallego, martes 11 de abril de 1933.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Nos discursos pronunciados no mitin gobernamental de Bilbao fixéronse algunhas afirmacións que non deben pasar sen comentario en Galicia. As palabras pronunciadas polo señor Prieto ían seguramente dirixidas exclusivamente ós seus oíntes vascos e non son aplicables á nosa terra. Pero as observacións do señor Azaña tiveron maior significación. É verdade que o presidente do Consello se dirixía a un público vasco, mais ó falar da autonomía en xeral, como política republicana, as súas palabras teñen relación con tódolos movementos autonomistas da nación.

Vexamos pois en qué consistiron as afirmacións do presidente do Consello. Despois de insistir sobre as vantaxes da política autonomista do Goberno, pasou a dicir que a concesión da autonomía a unha rexión só se subordinaba a dúas condicións: “A primeira que esta política autonomista...xamais pode ser unha iniciativa do Goberno nin unha obra dirixida polo Goberno, que se sobrepoña, nun sentido ou noutro, á vontade das rexións interesadas...E a segunda condición...é que a autonomía dos países sexa polo menos unha garantía e un remache da liberdade xa adquirida; nunca unha mingua das liberdades xa adquiridas...Con estas dúas condicións o Goberno debe prosegui-la súa política autonomista e debe acoller no parlamento, coa sanción legal correspondente, todas aquelas expresións de vontade autonomista que veñan dos países que espontaneamente e organicamente a formulen e a reclamen”.

Xusto é que os gobernos impoñan semellantes condicións fronte ás peticións de autonomía. Pero non é menos xusta a pretensión das rexións de que, cando as condicións se observen, se lles trate con equidade e ata con cortesía. Porque a actitude do Goberno da República fronte a Galicia non foi, na cuestión da autonomía, nin cortés nin equitativa. Galicia afirmou a súa vontade autonomista, nunha histórica asemblea celebrada hai catro meses en Santiago, por medio dos representantes dos seus municipios, os cales aprobaron un Estatuto por unha maioría superior á que a Constitución require. Nada do que ese Estatuto contén representa un retroceso en canto ás liberdades consignadas na Constitución, e en todo caso ha de ser sometido á vontade das Cortes da nación. Cumprida desta forma a primeira condición imposta pola Constitución, unha comisión de deputados galegos en nome da Asemblea de Municipios, entrevistouse hai tres meses co presidente do Consello para pedirlle que dese normas para a celebración do plebiscito. En igual sentido requiriuse, creo que máis dunha vez, ó deputado galego que desempeña a carteira de Gobernación. Pero as peticións xustas e legais de Galicia foron, como de costume, desatendidas. E deuse o caso de que cando se reuniu o 26 de marzo o Comité Rexional da Autonomía, aínda non se recibira ningunha resolución, nin tan sequera unha cortés contestación acerca das demandas feitas polos representantes de Galicia. E o Comité citado viuse obrigado a toma-la extraordinaria resolución de conceder un prazo de tres semanas ó Goberno para que declarase se estaba ou non disposto a publica-lo decreto necesario para que se celebrase o plebiscito galego. É dicir, que houbo necesidade de preguntar ó Goberno se pensaba ou non cumpri-la Constitución.

Como se ve, Galicia cumpriu as condicións que as Cortes lle impuxeron, como o fará tamén coa máis difícil de todas, ou sexa, a absurda esixencia de que os dous tercios dos electores, non dos votantes, han de aproba-lo Estatuto. Ata admitirá a invasión de notarios coa que ameazou tan patrioticamente o Sr. Casares. (Condicións que se rexesen para unhas eleccións xerais deixarían completamente despoboado o Parlamento). Tampouco pretenden os autonomistas que o prazo de propaganda sexa curto. Cantas máis oportunidades se ofrezan de propaga-las ideas autonomistas máis satisfeitos estaremos.

¿Non é suficiente o que Galicia fixo?¿Que máis agarda o señor Azaña?¿Haberá ou non haberá decreto antes da reunión do Comité de Autonomía, o día 16 do mes actual?¿Pode estar unha rexión enteira pendente da conveniencia, ou do caprichoso humorismo do Sr. Casares, que sentiría seguramente unha grande satisfacción en publica-lo decreto o día 17?

Suceda o que suceda, quedará en Galicia, despois de catro meses de espera paciente, un resentimento contra o Goberno que a tratou con tan escasa cortesía e xustiza. Afianzarase o convencemento de que para Galicia ten pouca importancia que España sexa unha monarquía ou unha república, porque en ambos réximes se postergan os seus intereses e se lle trata como unha colonia.

Do Sr. Casares, sobradamente coñecida a súa actitude displicente fronte a Galicia, podemos agardar unicamente, en ben da nosa terra, que a súa influencia política sexa o máis efémera posible. Non nos estraña que pretenda novamente toma-lo pelo á rexión que lle serviu como base para adquiri-la significación política que ten –ben escasa xa en Galicia pero cotizable aínda en Madrid, como nos vellos tempos–. Pero do señor Azaña cabe agardar algo máis. É unha das contadas esperanzas que o réxime republicano nos ofrece. Representou algo serio, sólido, novo na política española. Poucos son os que dubidan da súa capacidade ou da súa boa fe. Por iso é sorprendente que se está informado, como é de supor, do estado da cuestión autonomista en Galicia, preste a complicidade do seu silencio ó agravio que para a nosa terra entraña a actitude do ministro da Gobernación. Galicia cumpriu os seus deberes respecto á petición da autonomía e solicita que se lle permita somete-lo Estatuto a un plebiscito. Non pode pois denega-la nosa petición o Sr. Azaña baseándose na súa ilegalidade. ¿Farao entón, porque supón que somos reaccionarios?¿Recordará o célebre discurso pronunciado en Lugo polo Sr. Casares, no cal tachou de reaccionarios a cantos autonomistas non formaban parte do seu propio partido? É a única forma de explicarnos a actitude actual do presidente do Consello. En todo caso, novamente, despois das declaracións de Bilbao, debe Galicia preguntarlle ó Sr. Azaña: “¿Que agarda o Goberno para contesta-las peticións que os representantes de Galicia lle dirixiron hai tres meses?”

Pouco tempo falta para que a cuestión se resolva –acaso xa estea solucionada cando estas liñas se publiquen–. Se Galicia non é atendida quebrantarase a fe que aínda puidera ter en España e no home que hoxe dirixe os seus destinos. E se os galegos teñen dignidade veranse obrigados a buscar por outros medios o recoñecemento dos dereitos que se lle negan cando legalmente os afirma.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro