| ·Fundación Plácido Castro |
Programas e realidades
Plácido Ramón Castro
del Río
“Programas y realidades”. El Pueblo
Gallego, mércores, 18 de maio de 1932.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
A Asemblea da Federación Republicana Galega,
celebrada recentemente na Coruña, acaba de toma-los acordos xa coñecidos pola prensa, ningún
dos cales, salvo o que se refire a posibles alianzas con partidos nacionais, pode en teoría merecer censuras.
Se nalgún aspecto se ha de criticar adversamente a actuación da citada Asemblea será non tanto
polo que se fixo como polo que se deixou de facer –pola súa falta de comprensión da transcendencia
do momento político actual na vida de Galicia.
É verdade que o partido reafirmou en credo autonomista xa consignado, e tal vez con maior enerxía, no antigo programa da ORGA.
A actuación práctica da F.R.G. respecto á autonomía non é como para inclinarnos a crer na súa eficacia neste sentido. Pero poderían esquecer pasados erros ou neglixencias se se observasen no partido reorganizado mostras palpables dun verdadeiro interese e entusiasmo por converter en realidades as aspiracións autonomistas.
Desgraciadamente do que non se falou na Asemblea, aínda que fose precisamente do que debía tratarse, foi dos medios prácticos e inmediatos de consegui-la autonomía de Galicia.
Porque non é suficiente unha expresión de aspiracións, por nobres que estas sexan. Nun momento como o actual, cando a cuestión das autonomías rexionais é dunha palpitante actualidade, cando o silencio en torno ás reivindicacións de Galicia pode dar lugar a que quedemos sen Estatuto, é preciso mostra-la vontade de cumpri-los programas autonomistas e non perder oportunidade de facelo.
¿E que ocasión puido ser máis propicia que a Asemblea da F.R.G.? O novo partido ten vantaxes enormes para emprender unha campaña a favor do Estatuto –medios dos que tal vez non volva nunca a dispoñer– un ministro, varios altos cargos, gobernadores civís, o grupo máis numeroso de deputados en Cortes, dos das deputacións provinciais e a maioría en grande número de concellos. Non se trata pois dun partido de opinión, que non ten obrigación de cumpri-lo seu programa, senón dun verdadeiro partido gobernamental. (Eu sempre crin, en tempos da monarquía, que a existencia dos nos galegos, lonxe de beneficiar a Galicia representaba un pequeno moral e material. Sería lamentable que sucedese o mesmo no réxime republicano).
¿Que menos pode facer un partido nestas condicións –debeu facelo xa, pero aínda non é tarde– que utilizar tódolos seus recursos políticos e especialmente toda a súa influencia sobre os concellos galegos, para asegurar que a proxectada Asemblea de Santiago sexa un éxito e abra o camiño para a celebración do plebiscito galego? Se con todo o seu predominio político non pode conseguir nin isto ¿para que deberá ser nin a súa Asemblea nin a súa fervente declaración de autonomismo? Porque se fracasa a acertada iniciativa do concello santiagués, con incalculable prexuízo para Galicia, a responsabilidade corresponderá case integramente ó Partido Republicano Galego, que non terá despois dereito a pedirlle a ninguén que crea na súa sinceridade e na súa eficacia.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001