| ·Fundación Plácido Castro |
Porvir do galeguismo
Plácido Ramón Castro
del Río
“Porvenir del galleguismo”. El Pueblo
Gallego, martes, 15 de novembro de 1932.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Pódese afirmar, con toda seguridade, que non
existiu ningún partido en Galicia que se vise tan constantemente combatido desde os máis diversos
puntos de vista, como o galeguista, a pesar de que non participou xamais na Gobernación do país.
Os ataques que contra o citado partido se dirixen deben producir no ánimo dos galeguistas unha grande satisfacción,
xa que como non pode xurdir dun temor ó noso actual poder político nin de resentimentos respecto
á nosa actuación pasada, veñen sendo un recoñecemento da potencialidade e da forza
íntima do ideal galeguista.
Agora que parece próxima a Autonomía de Galicia, triunfo parcial do galeguismo, é interesante observar que contra o Partido Galeguista se lanzan dúas insinuacións que se contradín entre si. Porque mentres uns pretenden que ó galeguismo lle chegará coa Autonomía a hora da victoria e que seguindo precedentes ben próximos, esa victoria traduciríase na implantación dun novo caciquismo, outros aseguran que a autonomía suporía a morte do Partido Galeguista, ó verse realizado o punto fundamental do seu programa, posto que outros partidos máis fortes apropiaranse do éxito e apoderaranse do Poder rexional galego.
Á primeira acusación case non vale a pena contestar. O galeguismo non tivo xamais o menor contacto co caciquismo; e aínda nas súas manifestacións literarias e artísticas foi sempre inimigo inescusable dos caciques. Ó debe-la súa existencia a un profundo amor a Galicia ten necesariamente que enfrontarse coa maior praga que existe na nosa terra. E, en último termo, todos sabemos que non vai vir o Poder ás mans do Partido Galeguista, porque se ben é certo que a el, e ós grupos que o precederon, débese o pulo autonómico e o mantemento do ideal da liberdade galega, tamén é verdade que a obra de face-lo Estatuto será un labor conxunto de tódolos partidos. Non representará unha victoria do Partido Galeguista sobre os demais nin vai destruír de súpeto os caciquismos xa establecidos.
¿Quere isto dicir que o Partido Galeguista non vai ter misión que cumprir nunha Galicia Autónoma? De ningunha maneira. A Autonomía suporá para o galeguismo a iniciación dunha etapa aínda máis activa cá actual. Nestes momentos ten que supedita-la súa actuación á necesidade de consegui-lo Estatuto, pero o día de mañá, partido de oposición dentro do Parlamento galego, poderá desenvolver libremente toda a súa actividade política. E esta afirmación de que sería un partido de oposición merece unhas breves observacións. Que o diga eu non ten ningunha importancia, pero que o declaren constantemente os propagandistas do partido si a ten. Porque demostra que o noso espírito é diametralmente oposto á mentalidade caciquil. Sómo-lo bastante sinceros para non prometer ós que nos escoitan un sinxelo e completo triunfo e ós que nos sigan o réxime do favoritismo que gozan os vencedores. Non prometémo-la victoria ós que se adhiran a nós. Ofrecémoslles unicamente un posto na loita que será longa e que proseguirá unha vez conseguida a Autonomía. Porque, como en todas partes afirmamos, é para nós un medio, non un fin –en primeiro lugar porque non vai ser o que nós quixeramos.
Despois virá o labor formidable de combate-lo caciquismo, que non vai desaparecer de súpeto, pero que será moito máis vulnerable unha vez que perda algúns dos resortes que lle proporciona o centralismo, e que sexa unha cousa próxima e visible en todo momento. Misión do galeguismo será vixiar e fiscalizar, desde a súa posición independente, os actos e as disposicións do Poder rexional, orienta-lo labor lexislativo coa autoridade e os coñecementos que lle proporciona o seu contacto íntimo e constante cos problemas de Galicia. Tarefa súa será a galeguización de Galicia –é dicir, a volta da nosa terras ás súas realidades– en tódolos aspectos, culturais, espirituais e económicos; galeguización que a Autonomía facilitará pero non imporá dun golpe, e que se reflicte no amplo programa do partido. E non será a menor das preocupacións do galeguismo a democratización auténtica da nosa vida política, tan descoidada polos demais, que non consiste na promulgación de leis democráticas, senón no constante contacto coa opinión e o afán de estimular á cidadanía. A sinceridade do Partido Galeguista neste aspecto queda ben confirmada coa proba que dan os cento setenta mitins celebrados durante o último ano, número que será seguramente superior ó dos comicios organizados por tódolos demais partidos xuntos.
Agora ben, se o que se quere dicir é que o Partido Galeguista non ten ningún porvir como partido nacional, estariamos de completo acordo coa afirmación. Iso non é un perigo que nos ameaza senón un propósito e un desexo que nós mesmos temos. E vai ser precisamente o que dará en Galicia máis autoridade e máis forza ó Partido Galeguista esta circunstancia de acharse completamente desligado da política nacional, cunhas complicacións que, con Autonomía ou sen ela, perturbarán constantemente a vida interna de Galicia e entorpecerán o labor que en defensa dos nosos intereses queiran realiza-los partidos que estean limitados na súa actuación polos compromisos e as conveniencias da política nacional. A conducta de diversos partidos nas actuais Cortes revélao claramente.
Creo que basta co dito para demostrar que a vida do Partido Galeguista non vai remata-lo día en que Galicia sexa autónoma. Pero hai algo máis. E é que ser “galeguista” é algo moi distinto de ser “autonomista”. Non faltarán ocasións futuras de facer resalta-la diferencia.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001