|
Política galesa
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, venres
20 de abril de 1928.
Mr. R. Hopkin Morris, deputado liberal polo
condado de Cardigan, acaba de publicar un interesante folleto titulado “A Política Galesa”. Segundo Mr.
Morris, se ben non existiu nunca en Gales un partido nacionalista forte e aínda que a maioría das
circunstancias galesas estiveron representadas polos liberais de 1868 ata 1922, e na actualidade por algúns
deputados laboristas, non se debe deducir que o pobo galés fose conservador, liberal ou laborista durante
estas épocas. A opinión galesa apoiou ó partido inglés cun programa co cal simpatizaba
nun momento dado pero nunca se identificou con el. Gales foi sempre un país fondamente relixioso, chegando
a veces ata o fanatismo. E a súa relixión foi o protestantismo “Nonconformist”, moito máis
protestante que a igrexa anglicana. Os “Nonconformist” opuxéronse sempre á existencia de relixións
oficiais, e os electores galeses votaron ós candidatos liberais en 1868 porque Gladstone era partidario
da separación do Estado e da Igrexa en Irlanda. Pero cando o xefe liberal se negou a tratar do mesmo xeito
á Igrexa Anglicana de Inglaterra e á Presbiterana de Escocia, perdeu o apoio dos galeses e non o
recobrou ata que se declarou partidario da separación da Igrexa e do Estado en Gales e ata que condeou a
opresión dos cristiáns de Bosnia e Herzegovina polo goberno turco.
Desde entón ata 1922, outras cuestións
parecidas motivaron a adhesión de Gales ó liberalismo inglés pero non a súa identificación
co partido liberal.
Mr. Morris cre que o partido laborista tampouco
poderá conseguir que a opinión galesa acepte a súa ideoloxía. Opina que o concepto
centralista do Estado non pode serlle simpático ós galeses porque os socialistas non teñen
en conta as diferencias esenciais entre Gales e Inglaterra e porque o pobo galés cre na xustiza e non na
eficiencia como valor supremo. Ademais, considera Mister Morris que o individualismo dos galeses e o seu amor á
liberdade non son compatibles cos ideais socialistas.
En 1898 fundouse o primer “Partido Galés”,
de carácter similar ó do antigo partido nacionalista irlandés, tan poderoso naquel tempo.
Pero non progresou. Gales non era un pobo oprimido e faltaba a longa tradición de rebeldía que existía
en Irlanda. E ademais atopouse o partido galés coa oposición dos “Nonconformist”, os cales non simpatizaban
con el, debido ás súas afinidades co nacionalismo católico de Irlanda. Pero, desde 1898 ata
hoxe, cambiou a mentalidade do pobo galés. O industrialismo modificou o carácter do sur de Gales.
Gracias ó labor da Universidade galesa, o énfase relixioso dos “Nonconformists” foi substituido por
un “racionalismo moderado”. E, ademais de debilitarse a influencia relixiosa, cambiou por completo a actitude dos
protestantes respecto a Irlanda. A cuestión irlandesa perdeu o seu carácter relixioso e hoxe só
se ve o excelente exemplo da prosperidade dunha Irlanda independente. E, en consecuencia, os “Nonconformists” galeses
atópanse agora entre os membros máis entusiastas do novo partido Nacionalista Galés, fundado
hai dous anos. Este partido é, segundo Mr. Morris, esencialmente conservador e a súa creación
foi posible gracias á educación do pobo, que agora está capacitado intelectualmente para aprecia-la
importancia dos estudios literarios e históricos de compatriotas seus como sir Jhon Morris Jones. Estes
estudios e descubrimentos, que amosan a antigüidade, a cultura e a personalidade definida da civilización
galesa crearon, ó difundirse entre a opinión do país, un novo rexurdimento do sentimento nacionalista.
Esta é a interesante análise da
política galesa que fai Mr. Morris, e parece ter razón ó crer que se inicia unha fase de grande
actividade nacionalista. Un comité, no cal están representadas as autoridades municipais e os organismos
de ensinanza, está considerando na actualidade a forma de estimula-lo estudio do idioma galés, e
talvez recomende que se faga obrigatoria a súa ensinanza nas escolas oficiais. A Federación Liberal
do País de Gales, presidida por Mr. Williams George, irmán de Mr. Lloyd George, aprobou unha moción,
na cal se pide o “Home Rule” para Gales. Os estudiantes do colexio de Bangor –que forma parte da Universidade de
Gales- celebraron recentemente unha elección na cal obtivo 131 votos o candidato nacionalista, en tanto
que o liberal acadou 107, o socialista 91 e o conservador 81.
O nacionalismo ten ó seu favor o feito
de que os galeses conservaron moitos dos seus costumes e tradicións, agás nas cidades industriais.
O idioma aínda se fala en case tódalas rexións do país. A única influencia poderosa
que se lles opón é a forza do laborismo no sur de Gales. O laborismo pode ser máis compatible
co espírito galés do que cre Mr. Morris, precisamente porque o laborismo inglés é algo
moi distinto do socialismo teórico e centralista. Pero a predominancia do socialismo en Gales débese
en gran parte á crise mineira. Os obreiros desempregados e os que reciben salarios reducidos simpatizan,
naturalmente cos partidos máis avanzados. E cando volva a reina-la prosperidade nas cuncas mineiras, talvez
perda parte da súa forza o socialismo. Pero esta cuestión do “Home Rule” galés, e a consideración
do nacionalismo na Gran Bretaña, ten outros aspectos interesantes, que merecen comentarse en outro artigo.
P. R. Castro.
|