| ·Fundación Plácido Castro |
¿Outra Cataluña?
Plácido Ramón Castro
del Río
“¿Otra Cataluña?”. El
Pueblo Gallego, domingo 30 de xullo de 1933.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
A protesta galega ante o Convenio con Uruguai
tivo a consecuencia –que non debemos lamentar os que situamos os intereses de Galicia por riba de calquera outra
consideración– de suscita-la indignación de algúns políticos españois que cualifican
de imposición e rebeldía o noso xusto desexo de que se respecte o dereito á vida dos habitantes
de Galicia. Esta e anteriores afirmacións de galeguidade foron sen dúbida as que levaron a un dos
nosos gobernantes a dicir, cando se opuña a algunha das nosas reivindicacións espirituais, “¡No
queremos otra Cataluña en España...!”
A frase, polo temor que revela, pola hostilidade que reflicte, comprácenos e adúlanos. Pero pode ter o político aludido a seguridade de que, como é costume cando de Galicia se trata, está completamente equivocado. Se estivese ben informado diría, aínda que fose co mesmo acento de inimizade “Non queremos unha Irlanda en España...”
O erro dos que se identifican co espírito da meseta, por natureza ou por adaptación, consiste en supor que os nacionalismos ibéricos son iguais –o cal non é certo, aínda sendo todos producto de parecidos pulos sentimentais; pero do contrario sería nacionalismo, posúe a de un, un carácter propio. O caso de Galicia, singularmente nestes momentos, seméllase moito máis ó de Irlanda que ó de Cataluña. E é posible tamén que a solución que Galicia precisa se aproxime máis ben á que Irlanda conquistou de feito que a fórmula descentralizadora coa que intentaron os gobernantes centralistas resolve-lo problema catalán.
A diferencia en canto a Cataluña é evidente. Gracias ó seu propio esforzo e ó seu sentimento nacional non tivo o pobo catalán que sufrir, como o galego, os prexuízos materiais causados por un réxime centralista ignorante e hostil. Cataluña soubo impoñerse e defende-la súa prosperidade, se ben non se contentou co material e seguiu defendendo as súas reivindicacións espirituais. Pero (...............................................) non só tivo que padece-la persecución e o intento de aniquila-la súa personalidade, senón que viu constantemente ameazada a súa vida económica pola política desacertada e ás veces claramente hostil que seguían os Gobernos centrais, ata o punto de sementar moitas veces a miseria en ambos países.
Lembremos, para demostrar estas semellanzas entre Galicia e Irlanda, un acontecemento xa distante na historia da illa Céltica pero pleno aínda de ensinanza para nós nestes momentos. A política de Inglaterra durante longo tempo tendeu a arruinar as industrias irlandesas para evita-la competencia e asegurarse ó mesmo tempo un mercado. Irlanda quedou reducida, como consecuencia de leis alleas, a unha vida baseada exclusivamente sobre a agricultura e principalmente sobre o cultivo da pataca, alimento básico dos irlandeses, que non podían comer pan porque os aranceis ingleses impedían a importación de trigo e mantiñan o prezo dos cereais, en beneficio dos británicos, a un prezo alcanzable para os modestos paisanos de Irlanda. E así viviron os irlandeses ata que sobreveu a traxedia. Un ano de incesantes choivas orixinou a perda completa da colleita de patacas. Os habitantes de Irlanda –sen productos propios para alimentarse, sen poder mercar cereais porque a Inglaterra interesáballe mante-lo seu elevado prezo– morreron de fame, sucumbiron de enfermidades provocadas pola falla de sustento, emigrou... E nun curto espacio de tempo diminuíu en dous millóns de habitantes a poboación daquela illa.
Foi esta traxedia irlandesa a base da victoria dos partidarios do librecambio, conseguida poucos anos máis tarde.
Pero con ser transcendental este triunfo aínda conseguiron os mártires irlandeses outro máis resoante. Oitenta anos máis tarde a súa patria era libre para decidi-los seus propios destinos espirituais e materiais. E foi o recordo destas inocentes víctimas da dominación estraña un dos máis vitais pulos que levaron á victoria á causa irlandesa.
Pasaron 90 anos e Galicia atópanse ante un perigo moi parecido ó que ameazaba entón a Irlanda –acaso menos tráxico pero similar en esencia. Pola política desacertada ou antigalega de Gobernos españois perdeu Galicia mercados exteriores que antes tiña –como no caso da súa gandería. Idénticas tendencias obrigan ó labrador galego a mercar a elevados prezos os cereais que precisa para manterse a si mesmo e ó seu gando. As actividades de Galicia, por efecto da orientación oficial da economía española, víronse tamén restrinxidas. Pero aquí vén a diferencia entre o noso caso e o de Irlanda. Alí podían, cando menos, defenderse os políticos ingleses, ó dicir que a perda da colleita de patacas non foi obra súa senón da inclemencia do tempo. En Galicia, polo contrario, a ruína que ameaza ós nosos paisanos porque pon en perigo a industria máis fundamental da nosa terra, non é obra dos elementos, senón dunha disposición deliberada dos gobernantes españois. Neste aspecto é aínda máis grave, máis indignante o que lle acontece a Galicia que o que lle pasou a Irlanda. E está perfectamente xustificada a nosa protesta, así como calquera actitude que Galicia adopte en defensa propia para evitar que, en menor ou maior grao, se repita aquí en 1933 a traxedia irlandesa de 1843, ó arruinarse a industria básica da nosa economía. Protesta e defensa nas que deben coincidir tódolos que merezan ser considerados como galegos sen distinción de ideoloxías nin de crenzas. Democrática e humanamente a vida e o benestar dos seres humanos máis próximos a nós están por riba de todo partidismo político ou relixioso e de calquera sistema de Goberno. Quen non actúe nestes momentos, sacrificándoo todo ós intereses da nosa terra, calquera que sexa a forma en que se traten logo de ocultar ou desfigura-los seus actos, serán, para os galegos conscientes, traidores a Galicia. A esta Galicia que se ten sentido político non só lembrará os sucesos de 1843 en Irlanda, senón que terá presente o remedio que os irlandeses atoparon para as súas desditas.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001