|
Os estatistas e a paz mundial
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, mércores 10
de xuño de 1927.
Se examinámo-la actual situación
internacional chegaremos forzosamente á conclusión, por desagradable que sexa, de que a gran guerra
non tivo a influencia sobre a mentalidade das grandes nacións que era de esperar de tan tráxico acontecemento.
Os políticos seguen os mesmos procedementos de antes, divírtense coma nos outros tempos cos seus
perigosos xogos diplomáticos, sen pensar que poidan rematar outra vez nunha enorme traxedia.
Nove anos despois dun conflito terrible, anos
durante os que estes políticos fixeron constantes profesións de paz en termos conmovedores e idealistas,
o ambiente no que se moven eles e os círculos xornalísticos que os rodean é espiritualmente
idéntico ó de 1914. A mesma desconfianza, a mesma táctica, ata as mesmas enfermidades diplomáticas.
Vivimos agora como vivíamos entón nun constante perigo de guerra. A nosa sorte está en mans
duns cantos estatistas que non parecen ter aprendido nada durante estos tráxicos anos. Se somos extremadamente
benévolos con eles poderemos ó sumo concederlles que obran con inconsciencia, reflexión pouco
tranquilizadora. O único efecto da creación da Sociedade de Nacións foi que a partida se desenvolveu
agora en Xenebra, pero a forma de trata-los problemas mundiais non cambiou sensiblemente.
Sempre pretenden os políticos que un pequeno
incidente nunha fronteira balcánica, ou un asasinato nun remoto curruncho de Europa, produza fatalmente
unha serie de acontecementos que arrastren o mundo enteiro a unha coxuntura desastrosa. Cando apareza a próxima
guerra os estatistas disculparanse probablemente de igual forma.
Se fose esa a verdade non sería máis
ca unha proba da incompetencia dos directores da política internacional. Se non son capaces de solucionar
un pequeno conflito sen permitir que a guerra se propague a medio mundo é evidente que non sirven para ocupa-los
postos que ocupan. Despois de todo é ben pouca cousa a vida dun arquiduque para que se sacrifiquen as vidas
de millóns de homes. Entre xentes de boa vontade solucionaríase o conflito enterrando o morto e xulgando
o seu asasino. Pero non é ese o obxecto da diplomacia. A verdade é que os balcáns cargan con
moitas das culpas que non lle corresponden. Estas enormes guerras nunca serán causadas por un pequeno incidente
nun país lonxano. Son fruto do ambiente de sospeitas, de inimizade e de intrigas en que viven as grandes
potencias que poderían en calquera momento soluciona-la máis grave crise se puxeran niso un pouco
de boa vontade e de decisión.
É realmente curioso observar que ningún
dos homes que rexían os destinos de Europa en 1914 recibiron castigo ou sanción algunha. Só
o kaiser sofre un desterro, considerablemente dulcificado por cuantiosos millóns de marcos de ouro. A meirande
parte dos estatistas daquela época nin sequera tiveron que soporta-lo descrédito político.
É como se fosen vítimas da fatalidade, completamente irresponsables da traxedia que ensombreceu a
existencia dunha xeración enteira. Hoxe coma antes non está o perigo en Albania, nin na agresividade
rusa, nin nas ambicións de Mussolini, que aspira a oculta-la luz do sol coas ás dos aeroplanos italianos.
¡Pensar que se poden dicir estas cousas
en 1927! Aínda sendo Italia unha nación importante, non é tanta a súa grandeza que
poida desafia-la opinión dunha Europa decidida a impedi-la guerra. Pero as grandes potencias seguen utilizando
a Italia, a Albania, tódolos incidentes da vida internacional, como pezas do seu gran xogo.
Que o espírito que actúa nas diversas
nacións e nos pequenos sectores de cada país que interveñen nos asuntos internacionais é
o mesmo de sempre, demóstrano os acontecementos dos últimos anos. Basta examinar algúns dos
feitos máis recentes. Cando Mr. Doumergue e Mr. Briand fixeron a súa visita a Londres estaba chea
a prensa alemana de suposicións acerca do que se tramaba contra o seu país. Brian e Chamberlain non
podían estar sós ningún instante sen que á súa entrevista se lle dese visos
de complot contra Alemaña. No último da Sociedade de Nacións había unha cuestión
realmente importante que discutir -a redución dos efectivos franceses na Renania e a evacuación eventual
da rexión-. No momento preciso no que debía comeza-la discusión deste tópico Mr. Briand
enfermou repentinamente e marchou a Paris. Asegúrasenos que a súa enfermidade foi auténtica
–pero aínda supoñendo que non o fose.- ¿É tan indispensable Mr.Briand, e é tan
pouco importante o problema que non podía resolverse sen a presencia do eminente estatista francés,
se as potencias desexaran sinceramente resolvelo? Mr. Poincaré aproveitou “diplomaticamente” a enfermidade
do seu colega para pronunciar un dos seus coñecidos discursos contra Alemaña, dun espírito
completamente antagónico á política estranxeira que Mr. Briand seguíu, polo menos en
aparencia.
Sir Austen Chamberlain e Herr Stressemann aproveitaron
tamén a oportunidade para charlar particularmente en Xenebra durante unhas horas, sementando unha extraordinaria
alarma nos circuítos políticos e xornalísticos de Francia, onde non se sabe que diabólicas
ideas discutirían os dous eminentes homes de Estado, pero sospéitase que non terán nada favorable
para Francia. Como se verá segue a comedia de sempre.
¿Son inconscientes, son maquiavélicos
ou son sinxelamente demasiado pequenos estes grandes homes? En todo caso non se poderá negar que son perigosos.
Se nun momento dado non poden domina-las forzas con que xogan e surxe outra vez a guerra, xa están preparados
os microbios que nos infecten, os gases que nos asfixien e os “súper-cañóns” que nos fagan
anacos. Os poucos que sobrevivan arrastrarán unha existencia miserable nun mundo desfeito. ¿Pódense
tratar con tanta lixeireza e falta de boa vontade problemas que poden te-las máis terribles consecuencias
para a humanidade enteira?
Parecerán excesivamentente pesimistas estas
apreciacións no momento en que se encontran reunidos en Xenebra os representantes das tres maiores potencias
do mundo para discuti-la limitación dos seus efectivos navais. ¿Pero, cal é o verdadeiro motivo
da limitación? ¿É acaso o desexo de paz? De ningunha maneira. As potencias non desexan outra
cousa que limita-los seus gastos navais en tempo de paz. Os fins da conferencia son tan só económicos
e non pacifistas. Mr. Coolidge quere ter un forte argumento contra o sector “navalista” da opinión norteamericana
limitando o número de buques, pero conservando a súa potencia naval igual á de Inglaterra
e superior á de Xapón. E como tódolos gobernos teñen intereses en facer economías,
chegarase sen dúbida a un acordo amistoso e realmente convinte para todos.
¿Pero pode chamarse pacifista a un convenio
que permitirá a Inglaterra e ós Estados Unidos ter máis dun millón de toneladas de
barcos de guerra e a Xapón maís de seiscentas cincuentamil toneladas? Paréceme que aínda
con eses efectivos “limitados” se poderían organizar uns combates regulares. E aínda dentro deses
amplos límites é seguro que cada potencia tratará de burla-lo espírito do convenio
aínda respectando a letra como sucedeu co Convenio de Wáshington.
Temos outro exemplo da falta de sinceridade no
caso da conferencia económica celebrada fai pouco. Os delegados reunidos en Xenebra condenaron con palabras
ben claras o actual sistema aduaneiro de Europa e expresaron a súa opinión de que a redución
das tarifas era unha necesidade absoluta. Todos sabemos que as altas tarifas aduaneiras son unha das principais
causas do desequilibrio económico de Europa. Poden ser en moitas ocasións un motivo de grandes inimizades
entre as nacións. Os economistas máis eminentes do mundo recomendaron a redución, a súa
reducción a límites razoables. Aínda así non existe a máis remota posibilidade
de que ningunha nación se dispoña a poñer en práctica as recomendacións da conferencia.
É dicir, que aínda nas ocasións en que unha destas reunións internacionais teñen
un resultado beneficioso, as consecuencias prácticas son nulas.
Tendo presentes todos estes feitos só poderemos
chegar a unha conclusión: que a paz do mundo non se pode esperar de ningunha conferencia das nacións
dominadas por persoas da mesma mentalidade dos estatistas de antes da guerra, e que utilizan idénticos métodos.
Algunha mellora se conseguiría na situación se os electores de cada nación se interesaran
tanto nas cuestións internacionais como o fan nas de política interna. Os asuntos internacionais,
tan vitais en realidade coma os nacionais, aínda se miran como se fosen campo exclusivo dos profesionais,
como se non se puidesen discutir á luz do día. Crese que só os expertos poden comprender os
seus misterios cando, en realidade, non son máis difíciles de entender que o dos asuntos internos
e a súa complicación é precisamente froito dos métodos dos diplomáticos. Dos
estatistas e das súas conferencias parece que non cabe esperar nada. Non escarmentaron. A paz só
se conseguirá cando o pobo, que é a víctima, se decida a fiscaliza-la política estranxeira
e cando naza en cada nación unha verdadeira repugnancia cara á guerra.
Para iso é necesaria unha rexeneración
nacional, rexeneración que só poderá ser unha realidade cando evolucione a mentalidade de
cada cidadán que a compón. Neste senso preséntanse síntomas que permiten ter algunha
esperanza. Noutro artigo considerarémo-lo aspecto máis agradable desta triste cuestión.
P. R. Castro.
|