|
Orden e Autoridade
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego.
Sobre o carácter pacífico dos habitantes
da nosa costa insistiuse tantas veces que case constitúe un tópico. A violencia, incluso cando se
trata do epílogo semideportivo dunha festa aldeá, é indubidablemente máis frecuente
na montaña que nas zonas influenciadas polo ambiente marítimo. ¿Influencia do clima e da paisaxe?
¿Resultado de verse diariamente fronte ó perigo e a morte, eliminando a necesidade de arrisca-la
vida, deportivamente, por unha disputa sen transcendencia, para demostrar unha valía xa ben probaba na existencia
cotiá e normal? O tema é interesante, pero non é obxecto desta liñas ocuparse del.
Trátase agora de averiguar se o pacifismo das nosas zonas marítimas é un ben ou un mal. Quizais
o espírito combativo estea máis preto do que Galicia precisa e puidera encouzarse con proveito para
a nosa terra. Convennos máis, seguramente, un pouco de barbarie rebelde que un exceso de submisión.
Máis o indubidable é que ese carácter
pacífico dos nosos mariñeiros non procede da ríxida aplicación das leis, nin sequera
da constante presencia das forzas armadas que impoñen a orde con rigor. Trátase de algo natural,
espontáneo. Non se pode explicar doutro xeito a tranquila existencia dos pobos costeiros nos que non hai
un so axente da autoridade, sen que varios millares de habitantes precisen para vivir en boas relacións
uns con outros a presencia de ningún uniforme nin a ameaza de ningún arma esgrimada por unha man
oficial. Paradoxalmente, se algunha vez acontece algo grave, como acaba de acontecer nun pobo pesqueiro próximo
á Coruña, cabe non xa a sospeita senón o convencemento, fortalecido polas manifestacións
de numerosas testemuñas, de que os responsables verdadeiros non foron os habitantes, que teñen ben
probado o seu amor á paz e á tranquila convivencia social. Adquirimos a absoluta seguridade de que
non acontecería nada se previamente non se atoparan no pobo axentes encargados de velar pola orde. Unha
discusión sen importancia, entre dous amigos algo intoxicados pola festa e o viño, sobre se un deles
debía ou non retirarse a súa casa, non tería maior transcendencia nin resultados lamentables.
Non esixía, certamente, a intervención da forza pública, nin tiña por que rematar,
ante un xesto inofensivo de defensa, cun home tendido no chan, ensanguentado, esfolado pola culata dun mauser –máis
propio para a loita contra un invasor que para o mantemento da orde nas rúas dun pobo-, e que, despois de
loitar coa morte varios días, terá que comparecer, acusado dun grave delicto, ante un tribunal, tal
vez aínda máis implacable que a propia morte.
No pobo, honrado e pacífico, pero movido
por aqueles instantes por unha xusta indignación, ó mirar desde as bocarúas o brillo siniestro
das armas que o ameazaban, sentiría sen dúbida un odio ós que teñen a misión
oficial de mante-la orde. E unha intranquilidade que so desaparecerá cando o último axente da autoridade
deixe a vila, unha vez máis baleira de uniformes e de correaxes e de armas mortíferas. Teoricamente,
abandonada e indefensa. Practicamente, gozando unha vez máis da paz e da tranquilidade habituais, producto
do seu propio carácter que non precisa sentir a coacción do mauser e do sabre.
Agardemos que quen poida facelo contribúa,
aínda que xa non teña remedio o pasado, a evitar males futuros. Sería lamentable que o pobo
de Corme adquirise o convencemento de que a autoridade e a lei son inimigos implacables e arbitrarios. Se neste
caso faise estricta xustiza, pensando en que o prestixio da autoridade non dependen da defensa de actos arbitrarios
senón do imperio absoluto da razón, aquela típica bondade dos nosos mariñeiros non
se irá tornando, por efecto da incompresión allea, en odio e rencor. Axúdennos a conservar,
nun mundo rexido pola forza, o espírito destes pobos, que ata agora non precisaron senti-lo temor ó
castigo para vivir tranquilos e sosegados.
P. R. Castro.
|