| ·Fundación Plácido Castro |
Optimismo nacionalista
Plácido Ramón Castro
del Río
“Optimismo nacionalista”. El Pueblo
Gallego, sábado, 5 de decembro de 1931.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Aínda os máis dispostos a ver con simpatía
e tolerancia á nova España republicana, temos que recoñecer que non se operou na mentalidade
política e na vida cidadá da nación aquela fonda transformación que esperabamos como
resultado do cambio de réxime. Pasado o momento de intensa emoción popular que coincidiu coa implantación
da República, apagáronse os entusiasmos das masas e os fervores ideolóxicos. E hoxe observamos
con tristeza que nos vemos ameazados por un sistema moi semellante á “vella política” –un sistema
de oligarquías e indiferencia cidadá, coa inevitable consecuencia da persistencia do caciquismo.
O ambiente político dános a impresión de que a mentalidade española segue sendo a mesma.
Non hai espírito de colaboración: subsiste un individualismo que non provén dun plausible
amor á liberdade individual, senón da intransixencia, da hostilidade, da desconfianza, tras da cal
se amuralla cada cidadán. Un momento de unión para derrubar un réxime opresor e envilecido
non xustifica a afirmación de que en España naceu un novo espírito de solidariedade, xa que
aquela unión obedeceu máis ben a un pulo destructor que a unha idea constructiva. España segue
pois, ó meu entender, sen unha idea fundamental, creadora de solidariedade, é dicir sen patriotismo
español. Só existen, cando máis, solidariedades de intereses ou de clases. E isto non obedece
ós desacertos do Goberno da República, que realizou unha obra merecedora de aplauso. As causas son
moito maís fondas e é preciso buscalas na estructura mesma do Estado, no feito de que o Estado oficial
non coincide cos patriotismos sentimentais que senten grande parte dos habitantes da nación.
Ós que somos nacionalistas non nos sorprende todo isto, porque xamais cremos na posibilidade da existencia dun patriotismo español. Desde o momento en que advertimos que a República abandonaba os principios federalistas, que propugnaron os seus xefes durante a propaganda antimonárquica, comezamos a desconfiar da rexeneración cívica de España. E vén a confirma-la nosa tese a circunstancia de que a única emoción nobre e fonda que hoxe existe en España é a emoción nacionalista de Cataluña. ¿Pode alguén afirmar que vibre actualmente na nación algún sentimento español comparable en intensidade e en potencialidade creadora ó patriotismo catalán? Un Goberno español verdadeiramente intelixente aprendería a ensinanza que ofrece Cataluña e, en ben de España, faría todo o posible por alenta-los sentimentos nacionalistas ou autonomistas das rexións.
Se nos limitamos a considera-lo caso de Galicia, observaremos un fenómeno paralelo. Aínda que, por desgracia, non poidamos compara-la forza do noso nacionalismo á do catalán, notaremos, sen embargo, que a única organización que se preocupa con entusiasmo dos problemas galegos, da futura estructuración da nosa terra, das súas aspiracións culturais e espirituais, é a nacionalista. Só nela se nota a existencia dunha emoción galega. Ningún sector político, salvo o nacionalista, considera a Galicia como algo máis ca un campo de manobras políticas ou de futuros triunfos electorais. Precisamente por iso, porque leva en si unha esencia nobre e elevada, pódese confiar en que ó fin vencerá, como adoita acontecer con tódalas causas nobres.
Pero temos outro motivo para sentirnos optimistas. A Monarquía e o centralismo deixaron a Galicia, como a España, apática, indiferente, semianalfabeta. E, aínda que pareza estraño, isto favorece en certo modo a Galicia e ó galeguismo. Porque, se ben debemos recoñecer que non hai un ambiente nacionalista, activo e consciente, na maioría do pobo –principalmente porque non se realizou unha ampla campaña neste sentido– é igualmente certo que non existe tampouco un ambiente españolista. Proba disto é o feito de que aínda os mesmos galegos castelanizados que combaten a autonomía fano sempre empequenecendo e desprestixiando a Galicia, non enaltecendo a España. A Monarquía ó manter a Galicia no analfabetismo, ó tratala, en tódalas ordes, como un pobo inferior, como unha colonia, fíxolle o enorme favor de non españolizala –salvo superficialmente–, de non substituír o sentimento galego do pobo por un sentimento español. E agora, a medida que o pobo vaia adquirindo instrucción e cultura cívica, espertará co seu galeguismo case intacto –como acontece cos galegos que emigran a América e que alí empezan a sentir conscientemente a emoción galega que xa levaban latente na súa alma. A esta nova opinión galega abondaralle atopar un grupo de nacionalistas arredor do cal poida agruparse para facer do nacionalismo, unha vez realizada a unión do galeguismo latente co galeguismo consciente, a máis potente forza política da nosa terra.
O dilema actual de Galicia é ou galeguismo ou morte. Porque sería morte de Galicia seguir sendo un país sen emoción propia, un país de imitadores, de europeos de segunda man, unha terra habitada por persoas con esa mentalidade colonial, verdadeiramente aterradora, que revelan os que din con satisfacción que en Galicia “non hai ambiente autonomista”. E os que non podemos crer na morte de Galicia enfrontándonos cos “españolistas” –que son os verdadeiros separatistas, porque nos unirían a España, pero nos separarían do mundo– e con certos “universalistas” que non pasan moitas veces de ser vulgares caciques rurais, temos o dereito a afirmar que a idea nacionalista é a única verdadeiramente creadora e constructiva, e polo tanto avanzada, no máis amplo sentido da palabra, que na actualidade vibra no ambiente da nosa terra.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001