|
O “Rei Mártir”
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, venres
17 de febreiro de 1928.
Un estranxeiro que atravesara Trafalgar Square
na mañá do día trinta de xaneiro tería ocasión de amplia-los seus coñecementos
de carácter británico. Vería un grupo duns centos de persoas rodeando a uns sacerdotes que
celebraban un oficio relixioso ó pé dunha estatua adornada con coroa de flores. E compréndese
que o curioso estranxeiro experimentara certa sorpresa ó ler o nome gravado no pedestal da estatua –King
Charles I. “!Que raros son estes ingleses!” pensaría. ¿A que outra vila se lle ocurriría conmemorar
con devoción relixiosa a morte dun rei tirano, executado hai douscentos oitenta anos?
En calquera outro país se celebrarían
solemnes funcións no aniversario do nacemento ou da morte de Oliver Cromwell. Carlos I sería unha
vaga figura historica. Triunfaron os ideais de Cromwell –a soberanía do pobo, a sumisión da coroa
á vontade popular, a autoridade inalienable do parlamento en cuestións tributarias. Desapareceron
para sempre os ideais polos cales deu a súa vida Carlos Estuardo –o dereito divino dos reis, o absotulismo,
o seu dereito a impoñer contribucións segundo o seu capricho. Debía ser pois Oliver Cromwell
o festexado e Carlos I o olvidado. Pero sucede todo o contrario. Non se pode predicir en ningunha época
os que gozarán do afecto das xeracións vindeiras. Non son sempre os méritos, senón
outras cualidades persoais as que aseguran o afectuoso recordo. E así acontece que ninguén deposita
coroas na estatua do gran estadista Cromwell, que liberou ó pobo inglés do absolutismo, mentres que
tódolos anos reúnense para rezar devotamente ó pé do seu monumento os admiradores de
Carlos I, membros de sociedades como a “Unión da Igrexa do Real Mártir”, o “Clube Monárquico”
e a “Royal Stuart Society”.
¿A que obedece este culto a un rei morto
hai tres séculos, dun rei que sufriu a morte a mans dun pobo en rebelión contra o seu absolutismo?
Porque estes admiradores de Carlos Stuart, non pensan, naturalmente, na restauración dos Estuardos. Non
piden máis que a reposición do nome de “Rei Mártir” no calendario anglicano, e a autorización
para colocar no pedestal da súa estatua unha placa cunha nova inscripción. Pero Carlos I é
para eles un símbolo dunha idade pasada, e como di o “Times”: unha figura que representa “os costumes aristocráticos
e a pompa repousada dunha xeración morta, a gracia e a dignidade dun retrato de Van Dyck” –e tantas, cousas
nas que a súa falta se sinten na nosa vida moderna. A loita entre Carlos I e Cromwell foi algo máis
que unha loita política. Foi o conflicto entre “Cavaliers” e “Ronndheads”, entre os cavaleiros elegantes,
aristocráticos, de pelo rizado e traxes suntuosos e os “cabezas redondas”, os puritanos de cabeza rapada
e sinxeleza de costumes. É unha loita que prosegue no espírito do pobo británico, e en moitos
detalles nótase aínda esta dualidade de temperamento, esta oscilación entre a sociedade puritana
e a extravagancia dos “Cavaliers”. Na morriña que sinten moitos ingleses pola mellores cualidades da vida
dos “Cavaliers” atópase un dos motivos de culto de Carlos Estuardo, símbolo do pasado, que tanto
atrae ós ingleses. E tamén contribúe a que se sinta máis afecto por Carlos que por
Cromwell o feito de ser Carlos o vencido e Cromwell o vencedor. Os ingleses sempre admiran ó vencido, sobre
todo se “sabe perder”, como o soubo Carlos. As “causas perdidas” teñen para eles unha gran atracción...
A familia dos Estuardos foi talvez a casa real
con máis mala sorte que existiu. Inspiraron sempre ós seus partidarios a devoción máis
intensa, que causou traxedias sanguentas, ata o último intento de restauración no ano 1745. pero
hoxe esta devoción xa exenta de perigo, ten algo de simpático. Despois de oir tódolos domingos
ós comunistas que gritan os seus discursos ó redor da veciña “columna de Nelson”, é
un contraste agradable presenciar estes actos de devoción ó representante dunha “causa perdida”,
dunha era aristocrática e elegante que pasou para non volver máis. O ideal do pasado e o ideal dun
posible porvir atopan libre expresión en Trafalgar Square. E iso é o realmente importante –a tolerancia
para os devotos, e ata para os fanáticos, de tódolos ideais, por moi estraños que nos parezan.
P. R. Castro.
|