|
O recordo inmortal
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, venres 11 de marzo
de 1927.
O pobo revela moito do seu carácter
na súa elección da figura nacional que ten que se-la personificación do seu espírito
e o centro da súa emoción colectiva. Vexámo-lo caso de Escocia. Ten Escocia unha festa nacional
oficial, o día de santo André. Pero non é neste día cando se emociona, cando sente
vibrar na súa alma os sentimentos radicais e patrióticos, non é santo André a figura
central da súa historia. Escolleu para o posto de honra, para concentrar nel toda a súa admiración
e todo o seu afecto, a Robert Burns, o seu poeta nacional. Non lle faltaban grandes figuras históricas,
heroes da loita pola independencia como Wallace e Bruce. Non obstante, aínda que se califican a si mesmos
de xentes prácticas e “hard-heads” (de cabeza dura), os escoceses, impulsados polo espírito latente
da súa raza, prefiren o poeta, humilde agricultor e empleado de consumos, cuxa vida non foi de todo exemplar
dende o punto de vista ético da maioría dos seus compatriotas. (Como dixo recentemente o Dr. Devon
“non foi o santo representativo senón o pecador representativo).
O 23 de xaneiro, aniversario do nacemento de Burns,
en 1759, reúnense tódolos escoceses en tódalas rexións do mundo para honra-lo seu “Recordo
Inmortal”, porque foi Burns quen resumíu na súa obra a alma do pobo escocés. Como todo gran
poeta nacional revelou ós seus compatriotas moitas cousas íntimas que eles sentían latir no
seu espírito pero que non acertaban a expresar en palabras.
Ten a poesía de Burns moitos puntos de
contacto coa de Curros; a súa rebeldía, o seu odio á hipocresía, o seu gran sentido
democrático moderno. Foi, segundo J. R. Robertson, “o primeiro poeta que se puxo en contacto co sentimento
democrático moderno”. En particular o seu poema a un ratonciño, cuxo nido desfixo co arado, ten un
paralelo moi curioso na obra de Curros Enríquez.
Noutros aspectos da súa poesía recórdanos
a Rosalía de Castro. Inspirouse coma ela na forma da poesía popular e a súa obra encóntrase
igualmente saturada de dozura e de melancolía. Escribíu poemas para os aires populares escoceses,
e un deles é hoxe o himno nacional. “Auld Lang Syne”. Tan representativa do espírito do pobo era
a súa poesía que se convertíu na verdadeira poesía popular, en parte do “Folclore”
do país. Creo que non pode facerse maior eloxio dun poeta.
Algún día espero poder escribir
máis detalladamente acerca da obra de Burns e das súas semellanzas coa poesía galega. Quixera
hoxe limitarme a facer algunhas consideracións sobre o “culto de Burns” que pode ser de interese para os
galegos. Tamén entre nós se vai dibuxando unha tendencia análoga. Cada día vaise concentrando
máis emoción nacional de Galicia na figura de Rosalía de Castro, precisamente porque a súa
poesía se atopa na mesma situación con respecto a Galicia que a de Burns con relación a Escocia.
Temos xa un día de Galicia, a festa de Santiago, pero é forzoso recoñecer que existe unha
gran diferencia entre o Santiago dos galeguistas e o que se conmemora oficialmente. Por iso creo que no futuro
será o día de Santiago unha festa simplemete relixiosa e que o galeguismo buscará para personificación
do seu espírito unha figura puramente galega. De ser así non creo que exista unha personalidade galega
cuxo “Recordo Inmortal” sexa tan digno da nosa veneración e do noso afecto coma o de Rosalía de Castro.
A adquisición da súa casa será
un gran paso neste senso. Recordo a miña visita á casiña de Burns, enclavada na rexión
que inmortalizou nos seus cantos e que se coñece hoxe por “o país de Burns”. Consérvase tal
como estaba cando el a habitou, cos libros que leu e os mobles que o rodeaban, é un verdadeiro santuario
ó que acoden en peregrinación os admiradores do gran poeta. Esperemos que pronto haberá tamén
en Galicia unha casa que sexa un recordo material da vida da nosa maior gloria literaria.
Se algunha vez chega o “Día de Rosalía”
a se-lo “Día de Galicia” o que debemos aprender do exemplo escocés é a conveniencia de celebralo
en tódalas partes. A “Noite de Burns” conmemórase en tódolos pobos de Escocia e en tódalas
cidades do mundo onde existe un número considerable de escoceses. Ó meu parecer é a súa
difusión o seu principal mérito. Aínda nos lugares máis remotos se recorda nesa noite
o gran poeta que é o lazo de unión entre tódolos escoceses, o espírito da patria feito
palabra.
Se os actos conmemorativos están en consonancia
co espírito de Rosalía, e se coidamos de que sirvan como pretexto para o lucimento das persoas que
tomen parte neles, creo que pode chegar a se-lo “Día de Rosalía” o día da máxima emoción
galega, o verdadeiro “Día de Galicia”.
P. R. Castro.
|