|
O patriotismo dos millonarios
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, domingo
19 de febreiro de 1928.
Non hai moitos días tiven a ocasión
de comenta-lo xeneroso trazo do primeiro ministro inglés, ó regalar ó Tesouro unha quinta
parte da súa fortuna. Non é o seu un caso aillado neste país, aínda que lle daba un
especial interese o feito de ser Mr. Baldwin o doante. Precisamente nestes días fíxose público
outro donativo que chama a atención pola súa cuantía. Un cidadán regalou ó Estado
inglés a suma de cincocentas mil libras, co obxeto de que se invirta esta cantidade e se utilice a suma
acumulada ó cabo dun longo número de anos para reduci-la débeda nacional. Ignórase
quen pode se-lo xeneroso doante, pois non quereu dar a coñece-lo seu nome.
En torno a este magnífico regalo fixéronse
os máis fantásticos comentarios. Calcúlase que dentro de douscentos corenta e cinco anos a
suma acumulada será suficiente para anula-la totalidade da débeda nacional, que ascende na actualidade
a sete mil cincocentos millóns de libras. Non falta quen insinúe que mellor sería emplear
agora o medio millón que preocuparse da situación económica da Facenda pública no século
vintedous. Os que así opinan aplaudirían a frase dun célebre deputado irlandés, que
exclamou un día no Parlamento: “¿Por que temos que sacrificarnos pola posteridade? ¿Qué
fixo a posteridade por nos?”. E, ademais, para facer estes cálculos acerca do porvir, non bastan as cifras
nin os tantos por cento. ¿Quen sabe as catástrofes, as transformacións radicais da economía
mundial que poden ter lugar neses douscentos corenta e cinco anos? Podemos estar seguros de que a Mr. Churchill
agradaríalle moito máis dispor do medio millón que iniciar con el unha espléndida herdanza
para o seu sucesor no ano 2173.
Pero en realidade, o de menos é o emprego
que se dea á suma e o significativo é o feito de que un millonario, un home que xa paga enormes impostos
e cunha fortuna que quedará reducida á metade en canto morra, non considere que estas aportacións
ó Tesouro nacional son suficientes, e sinta que ten o deber de regalarlle ademais a súa patria medio
millón de libras. Isto indica un novo concepto dos deberes cidadáns no ánimo dos ricos, ou
dun rico cando menos. Espiritualmente, vale moito máis, ese medio millón voluntariamente doado á
patria, que moitos millóns de impostos pagados á forza. E tamén é unha magnífica
proba de confianza no Goberno da súa nación. ¿En cantos países inspira o Estado a confianza
suficiente para facer posible donativos desta clase?
O millonario anónimo quere que o seu medio
millón sexa o núcleo dun fondo para a extinción da débeda nacional, que vaia pouco
a pouco acrecentándose con futuros donativos. Polo de pronto hoxe mesmo anúnciase outro regalo dun
señor que desexa permanecer no anonimato. Este señor non pode dar centos de miles de libras para
anula-la débeda, pero quixo aporta-lo seu cento de libras. E este donativo modesto, despois do donativo
magnífico, ten unha importancia moito maior da que a súa cantidade representa. Amosa que no ánimo
dos que non dispoñen de fortunas fabulosas existe tamén o desexo de auxiliar á patria desta
maneira admirable. Mr. Churchill expresa na prensa “o agradecemento do Goberno de Súa Maxestade por este
regalo á nación e a súa admiración polo espírito que o inspirou”, dándolle
ó donativo modesto toda a significación que merece. En xeral, a xenerosidade inglesa ocúpase
máis ben de auxiliar financieiramente ás institucións non oficiais que de regalar diñeiro
ó Tesouro público. Os ingleses cren que cantas máis actividades nacionais dependan do apoio
voluntario do pobo, mellor será para a nación. O excelente servicio de salvamento de naúfragos,
por exemplo, sostense enteiramente das suscripcións do público. Os hospitais dependen case por completo
dos donativos. As universidades están no mesmo caso. A de Bristol, por exemplo, foi creada case exclusivamente
pola familia Wills; a de Nottingham por Sir Jesse Boot. Un señor acaba de deixar un legado de cento trinta
mil libras ó seu antigo colexio da Universidade de Cambridge. En Escocia os estudiantes pobres reciben a
cantidade necesaria para paga-la metade das súas matrículas gracias á xenerosidade do millonario
Carnegie, escocés de nacemento.
Se se fixera un cálculo do orzamento inglés
incluíndo nel as sumas que aportan voluntariamente os cidadáns para soster institucións que
noutras nacións dependerían do Estado, chegaríase a unha cifra realmente asombrosa. E esta
xenerosidade dos ingleses obedece a súa crenza de que debe restrinxirse todo o posible a intervención
oficial. Sinten que as institucións voluntarias son máis “humanas”, e que pertencen ó pobo
máis efectivamente que as oficiais. Isto é especialmente importante no caso das universidades, que
gozan dunha completa autonomía, libres en absoluto da intervención do goberno, e que poden por esa
razón desenrolar unha utilísima actividade intelectual e política, imposible nunha universidade
oficial. Claro é, que en compensación o Estado abstense de intervir, non ten o afán de regulamentar
tódalas actividades da vida nacional.
Hai poucos meses Lord Iveagh legou a nación
a súa colección de cadros, valorada en medio millón de libras. Tamén recentemente inaugurouse
na Galería Nacional que contén os cadros regalados porlo doutor Mond, cun valor aproximadamente igual.
Estes magníficos donativos, e o que sinalamos ó comezo destas liñas, non son senón
exemplos sobresaíntes dunha tendencia típica dos ingleses, que poderiamos chamar o patriotismo voluntario
e efectivo, e que constitúe unha das bases máis sólidas da grandeza da nación inglesa.
P. R. Castro.
|