| ·Fundación Plácido Castro |
O patriota na súa patria
Plácido Ramón Castro
del Río
“El patriota en su patria”. El Pueblo
Gallego, venres, 27 de maio de 1932.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Só un fino humorista, como Heliófilo,
podería facer xustiza ó tema que ofreceu as iradas protestas do doutor Albiñana e dos seus
amigos contra o confinamento do Hitler español na aldea de Martilandrán. A circunstancia de que un
home que noutros tempos propugnou a deportación a Guinea de tódolos republicanos españois
–é dicir case tódolos habitantes da nación– se queixe agora do seu confinamento nunha aldea
da península, onde di que se ve obrigado a durmir, ou no chan, entre inmundicias, ou no medio do campo,
trato que segundo el non merecen nin os senegaleses; ten, ademais de certa xustiza histórica, unha indubidable
comicidade. E non é menos cómica a actitude dalgúns avogados madrileños que protestan
contra o confinamento do líder monárquico en condicións que declaran incompatibles “coa hixiene
e as comodidades que necesita un home do relevo social do doutor Albiñana”.
Mais as protestas fanse en serio, e en serio habémolas considerar, xa que non proceden unicamente de elementos irresponsables senón que como o ABC representan nestes momentos a mentalidade do patriotismo centralista español. E o citado diario, cunha incomprensible falta de tacto, atrévese a dicir: –“Intentouse resucitar o precedente dos peores tempos de Narváez, coas remesas a Guinea, pero son pouco menos que inhumanos os confinamentos a Río de Oro e ás Hurdes”.
¿Que clase de patriotismo español é este?¿Non é Martilandrán unha aldea de España? E xustamente desa España patriótica, sen apetencias desmembradoras da unidade e da soberanía, bastante semellante en espírito, seguramente, a outros pobos con protestas contra o Estatuto catalán que atopan unha acollida tan cariñosa nas columnas do ABC. Unha aldea plena de agradecementos ós reis de España, desde Isabel a Católica ata Alfonso xiii, que tanto fixeron polo seu benestar formando padroados, cheos de nomes ilustres, para remedia-los seus males. Unha aldea que non careceu ademais do consolo espiritual subministrado polo venerable cardeal Segura...
O inhumano, o verdadeiro refinamento da crueldade que censura o ABC, sería confinar ó doutor Albiñana nunha cidade “antiespañola” como Barcelona, non nunha aldea típica da España monárquica e patriótica. E é sumamente antipatriótica e antimonárquica a conducta do ABC ó revelarnos que a obra secular da monarquía consistiu en deixar que as aldeas seguisen vivindo na inmundicia e a miseria e a barbarie. Porque as aldeas como Martilandrán –e como Castilblanco– son exemplos da herdanza recollida pola República da monarquía española, que estendeu os seus dominios ata que neles non se puña o sol, e creou en Madrid unha das Cortes máis fastosas do mundo, pero que cimentaba o seu poderío sobre a ignorancia e a barbarie, xa que un pobo culto e civilizado non toleraría o seu despotismo nin lle permitiría falsea-la democracia.
Agradezamos ó ABC a súa confesión reveladora dos méritos da monarquía. Aínda que, claro está, cómo ía a monarquía preocuparse do centenar de habitantes de Martilandrán, “punto de tormento”, se non eran persoas de “relevo social”...En todo caso debemos aledarnos de que o distinguido e eminente doutor, obrigado a abandonar temporalmente a tarefa de cura-los males do seu confinamento, en meditacións solitarias acerca da grandeza da monarquía, que verá reflectida ó seu redor –meditacións das que agardamos froito nun futuro volume procedente da súa ilustre pluma.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001