|
O nacionalismo escocés
Plácido Ramón Castro
del Río
“El nacionalismo escocés”. El
Pueblo Gallego, 14 de febreiro de 1929.
Por vez primeira presentaron os nacionalistas escoceses
un candidato a deputado na recente elección parcial de Mid Lothian. A votación obtida polo nacionalista
Mr. Spence, que só conseguiu oitocentos vintecatro votos, ficando no último lugar entre catro candidatos,
semella significar a primeira vista, que o nacionalismo escocés non ten ningunha forza política,
pero tal crenza estaría completamente errada. A realidade é que o programa do partido de Mr. Spence
non representa o punto de vista da maioría dos partidarios da autonomía escocesa.
O Partido Nacionalista Escocés non existe
senón dende hai poucos meses e a súa actividade política só se iniciou en outubro do
pasado ano a raíz do inesperado éxito do seu candidato e xefe, Mister R. B. Cunninghame Graham, na
elección de “Lord Rector” da Universidade de Glasgow polos estudiantes da devandita universidade. Triunfou
o actual Primeiro Ministro, Mr. Baldwin, que obtivo 1.044 votos fronte ós 978 do candidato nacionalista.
Os liberais só conseguiron 396 votos e os laboristas 226. Polo tanto, Mr. Cunninghame Graham, aínda
que derrotado, conseguiu unha votación fronte a un candidato tan eminente como Mr. Baldwin, que revelou
a forza insospeitada do nacionalismo entre a xuventude culta do país. Este éxito animou ós
nacionalistas a presentaren máis de vinte candidatos nas seguintes eleccións xerais e a loitaren
na elección parcial de Mid Lothian.
Como é natural nun partido de tan recente
formación, o nacionalismo escocés aínda non ten un programa definido, nin están de
acordo tódolos seus membros en canto ó grao de autonomía que Escocia debe reclamar. E un partido
constituído principalmente por xente nova e literatos tende a un programa máis ben idealista que
práctico, pouco axeitado para a loita contra os grandes partidos políticos. Os nacionalistas máis
avanzados, e entre eles Mr. Spence, solicitan o “dominion status”. Ou sexa, a completa independencia baixo a coroa
británica como no caso de Irlanda, que permita reconstituír a vida nacional de Escocia.
Piden o control de tódolos servicios públicos,
da facenda e da parte da débeda nacional que corresponde a Escocia. Desexan que os rexementos escoceses
formen o núcleo dun exército nacional que coopere coas forzas imperiais. Algúns deles queren
establecer unha barreira alfandegueira entre a súa patria e Inglaterra. Un punto interesante do seu programa
é o que se refire ó control da emigración e da inmigración. En Escocia, país
protestante, hai un grande número de Irlandeses, que son case todos católicos. Cada ano entran no
país grandes continxentes de obreiros Irlandeses. Sobre esta cuestión non están de acordo
tódolos nacionalistas escoceses, posto que algúns; por motivos relixiosos, desexan que se poña
fin a esa invasión católica, mentres que outros solicitan o apoio dos irlandeses que viven en Escocia
para combater a influencia anglosaxona.
O programa político inmediato do nacionalismo
consiste en presentar no parlamento de Westminster un proxecto de lei anulando a Unión de 1707. De non aceptarse
a proposta dos deputados nacionalistas, estes retiraríanse do parlamento británico.
Non é fácil esclarecer se o extremismo
dos nacionalistas escoceses reflexa as súas verdadeiras opinións ou se é un movemento táctico
para conseguir unha forma de autonomía máis limitada. É moi dubidoso que a maioría
dos seus compatriotas simpaticen co seu programa actual. Os escoceses son homes moi prácticos e quererán
conservar tódolos beneficios que supón a unión con Inglaterra e obter ó mesmo tempo
as vantaxes da autonomía.
É tan íntima a unión das
dúas nacións e están tan ligados os seus intereses económicos, que unha separación
absoluta sería desastrosa para Escocia. Os escoceses non poden seguir o exemplo de Irlanda. En primeiro
lugar porque non hai motivos que xustifiquen un nacionalismo extremo, e en segundo lugar porque son moi importantes
os intereses escoceses en Inglaterra e no mundo enteiro, e o predominio dos nacionais de Escocia na vida de Inglaterra.
Non existe opresión nin dominio inglés.
Precisamente son os ingleses quen se queixan do predominio escocés en tódalas actividades da vida
inglesa. Non hai ningún odio entre os dous países, tan só certa dificultade en entenderse
que xorde das diferencias de temperamento. Os escoceses desprezan un tanto ós ingleses como seres sentimentais
e pouco prácticos. Os ingleses que ollan o seu país “invadido” polos escoceses, superiores a eles
cando menos na súa aptitude para conseguir o éxito na vida práctica, non deixan de pensar
que Chesterton ten algunha razón ó pedir o “Home Rule” para Inglaterra. Escocia ten certos privilexios
que Inglaterra non goza. O seu sistema de instrucción pública é independente e superior ó
inglés. Ten moitos departamentos ministeriais autónomos, un sistema xudicial propio e unha igrexa
oficial distinta da inglesa. Moitas das leis que se aproban no parlamento teñen seccións especiais
dedicadas a Escocia. A pesar de douscentos anos de unión con Inglaterra, Escocia conservou unha identidade
nacional perfectamente definida. Quizais poida chamarse nación con máis dereito que moitos estados
independentes. E a unión, sen privarse da súa densidade nacional, proporcionoulle grandes beneficios
económicos. Os seus fillos ocupan os máis altos postos políticos e comerciais no Imperio Británico
e no mundo enteiro. É dicir que non existe ningunha xustificación do nacionalismo escocés
como un movemento contra Inglaterra, e poucas persoas se aventuran a dicir que a unión das dúas nacións,
a desaparición de tradicións e costumes nacionais, e outros fenómenos dos que se queixan os
membros do Partido Nacionalista poden atribuírse á influencia inglesa. E a crise industrial que tamén
lamentan é tan grave en Inglaterra ou en Gales coma na mesma Escocia. A única base razoable do nacionalismo
escocés atópase nas evidentes vantaxes da descentralización. Cun parlamento propio Escocia
estará mellor gobernada. Os deputados ingleses non posúen o coñecemento preciso dos problemas
especiais de Escocia, nin ten tempo o parlamento de Londres para dedicar a atención debida ós asuntos
escoceses. A “devolución” de poderes a un parlamento escocés, e a outro galés, é tan
conveniente para desconxestionar o parlamento británico como para asegurar o mellor goberno de Escocia e
de Gales.
Os liberais e os laboristas están de acordo
cos nacionalistas escoceses no tocante á conveniencia desta “Devolución”, e a candidatura de Mr.
Spence tivo cando menos a vantaxe de conseguir que os dous citados partidos reafirmaran oficialmente a súa
adhesión ó programa de Home Rule para Escocia. Tan decidida foi a adhesión dos liberais que
moitos significados nacionalistas, entre eles o duque de Montrose, apoiaron ó candidato liberal por considerar
que nestas condicións a candidatura nacionalista era superflua.
De aí resultou o fracaso de Mr. Spence,
que non significa de ningún xeito o fracaso do nacionalismo escocés, porque en realidade pode considerarse
un éxito o feito de que tres dos catro candidatos na elección de Mid Lothlan, e entre eles o que
triunfou, se declararan partidarios da autonomía escocesa. O Partido Nacionalista sostén que a concesión
da autonomía debe anteporse a tódalas demais cuestións políticas. Os laboristas e os
liberais estiman que é preciso resolver os urxentes problemas económicos e industriais da Gran Bretaña
antes de emprenderen unha reforma tan complexa. Pero están de acordo en opinar que se lle debe conceder
a Escocia un grao de autonomía. E como naquel país son pouco numerosos os conservadores, pode dicirse
que a maioría dos escoceses son partidarios do Home Rule e que contan co apoio de dous dos grandes partidos
británicos.
O caso do nacionalismo escocés é
sumamente interesante. Non atopa a súa inspiración no odio a un invasor ou na loita contra unha dominación
estraña, que neste caso non existe. O movemento nace dun fondo patriotismo, do desexo de conservar as tradicións
e o carácter da patria, sentimentos que non deixan de ser intensos en Escocia polo feito de non ser agresivos
ou violentos. E os escoceses cren que o mellor xeito de realizar os seus desexos é a creación dun
parlamento propio, crenza que non nace da súa oposición a Inglaterra senón do convencemento
de que baixo un parlamento escocés, no que correspondan a unidade administrativa coa unidade sentimental
ou racial, poderíase reconstituír a vida nacional de Escocia.
É un exemplo interesante do que poderíamos
chamar nacionalismo puro, un movemento que se inspira no amor ó propio e non no odio ó alleo.
P. R. Castro.
|