|
O nacionalismo e a paz
Plácido Ramón Castro
del Río
“El nacionalismo y la paz”. El Pueblo
Gallego, 8 de maio de 1927.
A colección e reunión nun museo de
tódolos exemplos da arte popular de Galicia é unha das actividades nacionalistas que requiren máis
urxente atención. Ven a recordarnos este deber, aínda incumprido, o volume do Dr. W. T. Bossert “A
Arte Popular de Europa”, luxosamente editado pola casa Benn de Londres, e publicado ó prezo de nove guineas
-unhas duascentas sesenta pesetas-. Contén máis de dúas mil fermosas reproduccións
en cor de exemplos da arte popular de tódolos países de Europa. Pero busquei de balde na sección
española algunha representación de Galicia. Sería inxusto culpar ó autor desta deficiencia.
O Dr. Bossert dirixiuse na busca de informes ós museos etnográficos dos diversos países e
das súas rexións. E por desgracia non atoparía en Galicia institución que puidera subministrarlle
os datos necesarios.
Non é unicamente en Galicia onde se descoidou
estudio tan esencial. Di Bosser: “O interese pola Arte popular soamente espertou cando xa estaba cesando de producirse...
A arte popular case desapareceu en Europa. É materia que pasou á rexión do estudiante e do
especialista. Pero aínda faltan museos que reúnan o conxunto do folc-art europeo”.
Mais o estudio da arte popular vai adquirir unha
nova significación. Ata agora foron os nacionalistas os apaixonados polo tema. Hoxe xa tomou estado internacional
e empeza a considerarse como un labor de europeísmo. A Sociedade de Nacións vai a convocar un congreso
internacional para o seu estudio e para considerar a posibilidade de fundar un museo da arte popular. Como di o
doutor Bossert: “Parécenos que este museo sería o monumento máis apropiado que os estados
participantes poderían erixirse a si mesmos. Porque se ben cada nación de Europea posúe -ou
mais ben posuía- unha arte popular distintiva e característica, e aínda sendo a arte popular
de cada país o que define á nación e rexistra a expresión da súa individualidade,
sen embargo, a arte popular -en contraste coas diversas áreas de “estilo”- posúe un espírito
europeo tan uniforme que proba claramente a irmandade dos pobos de Europa”.
Non ten nada de novo a idea do doutor Bossert.
Canto máis coñezan os pobos o típico e auténtico da vida doutros países, máis
motivos de aproximación atoparán. (Non acontece así coa arte “culta”, hai poucos meses un
afamado crítico musical francés cualificou de “arte boche” á música de Strauss). A
arte popular é un lazo de unión entre os pobos porque é o máis espontáneo e
o mais humano que cada un produce; xorde en tódalas nacións de motivos case idénticos.
O verdadeiro patriotismo soamente se sente cando
se ama o esencial da propia terra, e se identifica tan intimamente co carácter dun país como a súa
arte popular. Os que senten este verdadeiro patriotismo serán os primeiros en apreciar e respectar o patriotismo
dos demais. De forma que o nacionalismo lonxe de constituír un motivo de apartamento e de división,
vén a ser un axente de aproximación e de pacificación moito máis eficaz que as ideas
internacionalistas, vanas e inútiles porque ninguén as sente con convicción. Pero como dixen,
isto non é ningunha novidade.
A novidade consiste en que a arte popular vaia
ocupar un lugar oficial entre as actividades pacifistas de Xenebra. Agora máis que nunca é indispensable
levar a cabo o seu estudio inmediato en Galicia. Sería un verdadeiro fracaso para o noso nacionalismo non
poder ofrecer á Sociedade de Nacións unha colección representativa que honrará a Galicia
e que demostrará terminantemente ante o mundo o noso dereito a soster que posuímos unha individualidade
racial e característica. Presentaría ademais a constitución do Museo Internacional unha oportunidade
única para facer un estudio comparativo da arte popular dos pobos célticos e da posición de
Galicia dentro deste grupo. Temos, pois, un motivo máis para acometer o estudio da arte do noso pobo e unha
ocasión de facer un labor de afirmación nacionalista e ó mesmo tempo de auténtico pacifismo.
Se non abondan os esforzos individuais para levala a cabo ben merecedora é a causa do apoio das nosas corporacións
oficiais.
Insiste o Dr. Bossert na importancia de non limitar
o estudio da arte popular ó seu aspecto etnográfico. Considérao de enorme interese desde o
punto de vista artístico. Quizais puideramos en Galicia conseguir o renacemento da arte popular, ou mais
ben da arte rural seguindo o exemplo de Inglaterra. Existe aquí unha “Sociedade para a Protección
das Industrias Rurais”, cun desenvolvemento de actividades moi valiosas. Os ferreiros e moitos outros artífices
das aldeas inglesas viron que os seus servicios eran cada día menos necesarios. A Sociedade estimulounos
para dedicárense á producción individual de obxectos artísticos, coidando que as súas
obras resultasen de carácter popular ou orixinal, e non copia de cousas modernas. Proporciónalles
materiais e consellos técnicos e procura poñelos en relación con compradores particulares.
A experiencia tivo grande éxito. Moitos
artífices que se verían obrigados a buscar outra ocupación atoparon unha forma cómoda
e agradable de gañarse a vida, e ademais resucitáronse as antigas industrias rurais. Convén
dicir que en xeral non se trata de producir obxectos de adorno, senón cousas de utilidade práctica,
pero ó mesmo tempo de gusto artístico e dun espírito xenuinamente inglés.
Os ferreiros, por exemplo, se dedican a facer
rexas, chamadores e outros obxectos parecidos, que sexan a un tempo útiles, artísticos e tipicamente
ingleses.
¿Sería posible convencer ás
nosas clases ricas de que se enxalzarían a si mesmas estimulando a producción de obxectos de arte
popular galega e adornando con eles as súas vivendas, en lugar de mercar un exemplar da última serie
fabricada por calquera casa de París ou de Madrid? Así demostrarían mellor gusto e maior galeguismo.
E o beneficio económico, nacionalista e artístico sería considerable. Pero este é un
aspecto secundario e menos urxente. O esencial é procurar que cando a Sociedade de Nacións nos invite
a participar na creación do Museo Internacional da Arte Popular poidamos enviar unha colección representativa
da nosa arte e digna da tradición de Galicia. É un deber de bos galegos e de bos europeos.
P. R. Castro.
|