·Fundación Plácido Castro
Volver


O IX Congreso de Nacionalidades Europeas. O ingreso de Galicia


Plácido Ramón Castro del Río
“El IX Congreso de Nacionalidades Europeas. El ingreso de Galicia”. El Pueblo Gallego, sábado 30 de setembro de 1933.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Por primeira vez na súa historia Galicia concorreu con personalidade propia a un Congreso internacional. Someteu á consideración dun organismo adxunto á Sociedade das Nacións –formado por representantes de case tódolos pobos ou minorías que non atopan salvagardados os seus máis íntimos sentimentos e intereses baixo o réxime oficial do Estado en que viven– un documento no que se fan consta-las circunstancias que xustifican o dereito de Galicia a ser considerada como unha nacionalidade. Os informes recollidos previamente pola Secretaría do Congreso durante unha visita á nosa terra confirmaban a tese nacionalista e probaban a satisfacción do Congreso no que non se falaba dun movemento xurdido da imaxinación e o idealismo duns cantos soñadores, senón dun feito real e importante.

Por esa razón foi acollida Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas e admitiuse a declaración presentada pola súa delegación que di:

“O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no Parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente ó participar unha delegación galega no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, baseándose sobre o “RAPPORT” sometido á consideración do Secretario Xeral do citado Congreso, que o pobo de Galicia, que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galicia, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferencia dunha maneira absoluta”.

Ó facer constar ante a opinión pública estes feitos incontestables o partido nacional dos galegos proclama o dereito innegable do pobo galego a dispoñer de si mesmo. O pobo galego reclama a plena liberdade do emprego do seu idioma materno, especialmente na instrucción. Reivindica igualmente o respecto dos seus costumes e pide a implantación da máis ampla autonomía posible, por esixila os seus intereses económicos e culturais.

Galicia desexa vivir en boas relacións coas outras nacionalidades de España e quere colaborar con elas para a regulamentación de tódalas cuestións de interese común. É evidente que non opón ningún obstáculo á realización dun ideal federal, calquera que sexa a a súa amplitude.

O partido nota con satisfacción que unha unidade de apreciación se estableceu xa entre galegos, cataláns e vascos, que, por outra parte, xa se realizara coa fundación dunha organización chamada “Galeuzca”, que coordina os movementos nacionais de Galicia, Euskadi e Cataluña.

Sinalamos tamén a cordial benvida dispensada á delegación galega no discurso inaugural do presidente Doutor Josip Wilfan, eminente xurisconsulto de Trieste e ex-deputado esloveno no Parlamento italiano, que dedicou afectuosas palabras que foron recollidas na prensa europea. Diremos igualmente, antes de finalizar esta primeira crónica, que a delegación galega acompañou ó Comité Permanente do Congreso na súa visita a M.Mowinchel, presidente do Consello da Sociedade das Nacións, e escoitou de beizos do primeiro ministro noruegués, frases de simpatía cara os movementos que loitan por manter e salva-las culturas e o espírito das nacionalidades. Non podía ser outro o criterio do representante dunha pequena patria como Noruega, nin o do político que contribuíu sinaladamente á separación de Suecia e Noruega. Mágoa que esta admirable nación, defensora dos dereitos das nacionalidades, deixe este ano de pertencer ó Consello da Sociedade de Nacións.

E nada máis neste primeiro artigo que salienta a cordial acollida atopada en todas partes, o xenuíno interese que espertou a incorporación do nacionalismo galego á vida europea e o recoñecemento cara a nación Suíza, que puxo o edificio do seu Parlamento a disposición do Congreso, e ó seu presidente que recibiu con afectuosas palabras ós delegados.

Expostos estes feitos de fundamental interese para Galicia, noutras crónicas darase unha impresión do desenvolvemento das discusións do pasado Congreso e estudiarase a significación que para Galicia ten a adhesión do noso movemento nacionalista a unha das organizacións máis interesantes da vida internacional de Europa.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro