| ·Fundación Plácido Castro |
O accidental
Plácido Ramón Castro
del Río
“Lo accidental”. El Pueblo Gallego,
sábado, 25 de xuño de 1932.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Don Melquíades Álvarez acaba de expoñe-los
ideais do partido que dirixe, en varios discursos pronunciados en Galicia. É o señor Álvarez
un dos homes máis liberais e democráticos de cantos defenden o unitarismo. E sen embargo a súa
linguaxe revela un fondo de reaccionarismo e de antiliberalismo inseparables da mentalidade unitaria. Aínda
que é difícil xulgar un discurso a través dunha recensión, pode afirmarse que D. Melquíades
non baseou a súa defensa da unidade española sobre feitos e realidades. A súa oposición
á concesión dunha ampla autonomía ás rexións xorde máis ben dunha maneira
de pensar que se reflicte na súa alusión ás “glorias da patria grande”, á España
grande “grande e respectada como o foi nas épocas do seu esplendor máximo”, á nación
“cunha executoria de conquistas de empresas e de ideais”. Afirmou igualmente que a autoridade soberana do Estado
é sagrada e inatacable porque se trata dunha “nacionalidade que ten vida de séculos –xa dixera antes
en Oviedo que a unidade nacional non pode disolverse por ter “a consistencia pétrea das obras da natureza...”
Sen entrar a discutir os méritos ou defectos da pasada grandeza de España, basta estudiar estas frases pronunciadas por un xefe liberal do unitarismo para darse de conta de que os defensores da unidade española non actúan impulsados por un sentimento de unión ou de solidariedade, senón que os anima un afán de hexemonía, unha ansia de grandeza e de autoridade, unha veneración de glorias e conquistas pasadas, unha verdadeira adoración das cousas que duraron séculos. É dicir, que o unitarismo ten unha gran afinidade, en canto ós sentimentos que o inspiran, co imperialismo.
Se así se expresa un unitario liberal ¿como serán as ideas dun españolista realmente reaccionario?¡Que contraste entre os sentimentos do Sr. Álvarez e os de calquera nacionalista galego, cuns ideais que xorden dun fondo amor á súa terra –por pequena e feble que sexa–, unha terra que xamais se preocupou nin se preocupará de “grandezas”, “conquistas” e “autoridade soberana”!¿Cal dos dous representa un maior obstáculo para o reino da paternidade universal e da paz mundial?
(E posto que de contrastes se trata, obsérvese o que nos ofrece estes días a política alemana. A Baviera autónoma négase a acata-los decretos dictatoriais do imperialismo hitleriano da grande Prusia militarista, ávida de grandezas. Unha pequena nación fai o posible por defende-la avalancha fascista que ameaza Europa).
Don Melquíades Álvarez segue defendendo a accidentalidade da forma de goberno. Non quero discutir aquí se esta posición é xustificable en España, senón facer resaltar o feito de que o Sr. Álvarez, dun espírito flexible cando se trata de algo tan discutible como a accidentalidade da forma de goberno, é absolutamente ríxido nas súas opinións acerca da autoridade soberana e sagrada dos estados oficiais. A existencia secular da Monarquía –razón que aducen os monárquicos para defendela– non impediu ó Sr. Álvarez declararse republicano. Pero a existencia secular do Estado español é para el un motivo que xustifica a continuación do réxime unitario. E sen embargo, se estudiámo-la historia con ánimo imparcial, veremos que o realmente accidental, o máis variable, é a existencia e a distribución dos estados oficiais. Non é preciso, para demostralo, que nos remontemos a afastados períodos da historia –poderían chamarnos, unha vez máis, reaccionarios–. É suficiente recorda-lo acontecido durante o século actual.
O século xx comezou cunha guerra, na cal unha pequena colonia, África do Sur, logrou que triunfasen os seus ideais de liberdade fronte a todo o poderío do Imperio británico. Veu despois a separación de Suecia e Dinamarca. Máis tarde as guerras balcánicas iniciaron a descomposición final do imperio turco, liberando minorías oprimidas e dando orixe a unha nova nación, Albania. A guerra europea fixo varia-las fronteiras da maioría das nacións europeas e tivo como consecuencia o nacemento de sete nacións, producto da desintegración de tres imperios. Irlanda conquistou a súa liberdade despois de sete séculos de loita. E ó converterse o Imperio británico en Comunidade de Nacións, seis dominios transformáronse en verdadeiras nacións libres e soberanas con representación propia na Sociedade das Nacións e con facultades para separárense, cando o desexen, do conxunto de territorios británicos...
¿Pode afirmarse, con estes datos á vista, que os estados seculares, por grandes que sexan as súas glorias pasadas, son “sagrados”, “inatacables”, “obras da natureza”?¿Non se mostran máis ben fráxiles, artificiais, accidentais?¿E por que ha de ser España unha excepción?
Os sentimentos nacionalistas das pequenas nacións poden xulgarse beneficiosos e contraproducentes. E inxustificable, se non se pechan os ollos a tódalas realidades, é a pretensión de que os Estados oficiais, aínda que teñan unha gloriosa existencia secular, son sagrados e inatacables polo único feito de existir. O eterno, o inmortal, o que persiste a través da historia, a pesar de tódalas opresións e persecucións oficiais, é o sentimento autonomista das rexións que ó fin vence porque xorde do único patriotismo fondo e sincero que existe no mundo.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001