| ·Fundación Plácido Castro |
¿Nós sos?
Plácido Ramón Castro
del Río
“¿Nosotros solos?”. El Pueblo
Gallego, mércores 26 de abril de 1933.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Os nacionalistas galegos tiveron a esperanza de que,
unha vez implantada a República, se desenvolvería a vida política de Galicia nun ambiente
de cidadanía superior ó que coñeceran baixo o antigo réxime. Confiaron tamén
na sinceridade doutras agrupacións políticas que levaban a autonomía no seu programa e agardaban
destes partidos algo máis que a expresión dunha aspiración. Debemos recoñecer, sen
embargo, que en ambos aspecto sufrimos unha completa decepción, que se acrecenta ó observar o desprestixio
e a desorganización dos citados partidos, que están incapacitados para realizar unha obra autonomista
eficaz. En tales circunstancia, despois de dous anos de leal colaboración, de constante transixencia e dunha
propaganda desinteresada, ¿non chegaría o momento de que o nacionalismo galego se desligue de todo
compromiso e recobre a súa enteira liberdade de acción?
Quen deba facelo resolverá cál debe se-la actitude política do nacionalismo. Persoalmente estimo que ese momento chegou. A transixencia pasada resultou, ata agora, inútil. A situación de Estatuto segue sendo tan nebulosa coma antes. E o nacionalismo ten que decidir se para a Galicia do porvir vale máis a feble esperanza dunha próxima e limitada autonomía ou a absoluta integridade e supervivencia do auténtico contido separatista do galeguismo. Enténdase ben que non emprego a palabra separatista pensando no que se deu en chamar a “desmembración de España”, senón que me refiro á necesidade de apartarse de todo o que a política española significa hoxe en Galicia. Non se debe, ó meu entender, corre-lo risco de diluír o nacionalismo esencial do movemento galeguista colaborando na obra autonomista con ningún partido que actúe na política nacional. Isto supón perigo de vernos envoltos no descrédito en que viven eses partidos. Estariamos sempre a mercé de calquera manobra desleal, e non teriamos verdadeira fe na sinceridade e na eficacia dos nosos aliados nin no resultado do noso labor. Formar parte de comisións, participar en peticións ó Goberno e emprender unha campaña de propaganda mesturados con outros partidos pode resultar prexudicial, desde agora, para a pureza e o prestixio do nacionalismo. Se algún día se convoca o plebiscito o noso deber será o de procurar un resultado favorable, realizando, sos e independentes, todo o labor propagandista que sexa posible. Pero nada máis.
O problema das autonomías ha de volver a formularse en España. Debemos prepararnos para ese momento procurando ser tan fortes para entón que non precisémo-la colaboración de ninguén. O tempo está do noso lado. O Goberno central daráno-la razón con disposicións contrarias ós intereses de Galicia. Cando o pobo campesiño esperte á vida cidadá farao nun sentido galeguista e atopará no noso programa a interpretación da súas necesidades e dos seus sentimentos. En medio da actual podremia da política galega, un partido san nos seus ideais e os seus procedementos, conquistará pouco a pouco a simpatía da opinión pública. Non temos présa porque temos fe no triunfo e porque non nos move a ambición persoal.
Os nosos adversarios quizais rían de nós, e nos chamen ilusos, e nos acusen de falta de sentido político, e nos cualifiquen de soberbios. Pero no actual ambiente político de Galicia é unha honra non ser “políticos”, e un motivo lexítimo de orgullo se-lo que somos.
Dirixiranse contra nós outra acusación, en aparencia máis fundada, na que se di que rectificamos a nosa táctica porque sabemos que Galicia non é autononomista. Tampouco terán razón os nosos adversarios. Nós cremos que Galicia non só necesita a autonomía, senón que a desexa. Estimamos que unha votación realizada despois dun período de intensa propaganda conduciría a un resultado plebiscitario no cal os votos favorables á autonomía serían inmensamente superiores ós contrarios. A realidade galega é autonomista, e o democrático consiste en desexar que a opinión da maioría prevaleza. Pero a realidade política, a dos partidos que en Galicia actúan, non é autonomista. É unha cousa baleira de todo ideal nobre e democrático. E as nosas aspiracións autonómicas inmediatas teñen que subordinarse ás condicións impostas pola Constitución; é dicir á necesidade de consegui-lo voto favorable dos dous tercios do Censo, o cal é imposible se non se conta coa sincera colaboración de tódolos partidos, por forte que sexa no país a opinión favorable á autonomía.
Unha rectificación da nosa táctica non suporía, polo tanto, nin un recoñecemento de que Galicia non é autonomista nin un sinal do noso fracaso. Querería dicir, sinxelamente, que despois de dous anos de convivencia cos demais partidos viámonos obrigados, por un sentimento de dignidade e por unha razón de eficacia, a apartarnos de tódalas miserias e maquiavelismos da actual política hispano-galaica e a ser outra vez, sen posibilidade de confusión, “nós sos”. Non esquezamos o exemplo histórico de Irlanda, que só conseguiu a súa liberdade cando o nacionalismo que interviña na política británica foi aniquilado por un partido cunha conducta que estaba reflectida no seu nome, “Nós sos”–“Sinn Feim”.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2001