| ·Fundación Plácido Castro |
Nacionalismo universalista
Plácido Ramón Castro
del Río
“Nacionalismo universalista”. El Pueblo
Gallego, xoves, 29 de outubro de 1931.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Hai uns días lin con gran satisfacción,
seguramente compartida por tódolos galeguistas, que o Seminario de Estudos Galegos acordou encargar da explicación
dun curso de filoloxía a un eminente profesor do Romanesche Seminar de Berlín, co obxecto de preparar
debidamente ós membros do Seminario que _________________________ emprender os estudios de filoloxía
galega, tan esenciais nestes momentos.
Aínda que pareza incrible, unha iniciativa tan loable serviu de pretexto a un diario –que entre outras cousas se titula de rexionalista e que desapiadadamente se publica en Galicia– para atacar ós galeguistas por solicita-lo auxilio dun profesor alemán, dando a entender que será o citado profesor, e non os seus alumnos, o que realizará o labor de unificar e organizar cientificamente a lingua galega.
Non me refiro a este incidente co obxecto de facer unha defensa do Seminario de Estudos Galegos, que é completamente innecesaria. Aínda que non será inoportuno lembrar que no caso dun país tan nacionalista como Holanda, foron sabios alemáns os que iniciaron o estudio científico do idioma salélico e da súa literatura, obra na cal o profesor alemán Kuno Meyer foi un dos máis eficaces e activos colaboradores en época recente, sen que por iso se suscitasen xamais as protestas dos nacionalistas irlandeses máis exaltados.
E pode tamén sinalarse, referíndonos a outras actividades, que Irlanda, xa libre e independente, encarga ós técnicos alemáns a realización do “Shaunon Scheine”, o grande proxecto de electrificación que axiña colocará a Irlanda, neste aspecto, á cabeza de tódalas nacións.
O interesante é aproveita-la ocasión que nos ofrecen os universitarios para resaltar unha vez máis o feito de que os posuidores en Galicia dun espírito xenuinamente internacional, universalista, libre de supersticións patrióticas, son precisamente os galegos. Eles son os que viaxaron por Europa, os que trouxeron a Galicia ideas novas, máis amplas que as da España dos unitarios. Manteñen constante relación coas institucións culturais doutras nacións e gracias a eles e ó labor do Seminario de Estudos Galegos empézase a saber fóra de España que Galicia posúe unha cultura e unha personalidade propias. Agora desexan que sabios europeos de renome internacional colaboren no renacemento espiritual da súa terra, colaboración que sería moito máis extensa se os medios económicos o permitisen. Pero os unitarios, os partidarios da patria grande, os que proclaman constantemente que a autonomía é reaccionaria porque nos illaría do mundo, son os que queren excluír de Galicia todo o que veña de máis alá das fronteiras de España. Descobren con frecuencia “sabios” locais, rexionais, ou nacionais, sabios falsificados que logo resultan descoñecidos fóra da súa propia terra. Mais se se trata de sabios estranxeiros, queren establecer fronteiras ata para a filoloxía...
Xulgue, pois, cada cal quén é o verdadeiro separatista; se o unitario, opinión representada polo comentario aludido, o unitario que nos mantería eternamente moi ligados a España pero apartados por completo de resto do mundo, ou o nacionalista galego, do que é fiel reflexo da súa posición espiritual o acordo do Seminario de Estudos Galegos, que demostra a perfecta compatibilidade do universalismo co noso nacionalismo, tan alleo ó propósito de levantar fronteiras contra todo o estranxeiro.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001