| ·Fundación Plácido Castro |
Mal humor
Plácido Ramón Castro
del Río
“Malhumor”. El Pueblo Gallego, mércores,
10 de agosto de 1932.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Os momentos de mal humor son os máis reveladores
do carácter das persoas e dos pobos. Os españois unitarios atravesan agora unha crise de mal humor
–que ninguén personifica tan ben como o Sr. Maura– provocado pola formulación da cuestión
catalana, e de paso descóbrennos algúns dos aspectos menos atraentes do seu carácter. Sería
inxusto supoñer que a opinión española se atopa representada pola chulería madrileñista
de [Giménez.................................LECTURA.......................................] suposto humorismo
de Corpus Barja ou de Gutiérrez– asocio estes dous nomes pola semellanza dos seus comentarios acerca da
visita dos deputados galeguistas a Barcelona. En cidades como Zamora e Valladolid viuse recentemente que existen
fortes núcleos de opinión favorables ó Estatuto. Casteláns eminentes defenden con nobreza
a Autonomía de Cataluña. O mesmo mitin antiautonomista de Madrid foi un verdadeiro fracaso, se se
considera a calidade dos oradores e a pobreza dos seus discursos –nada significa que nunha grande cidade se enchese
a praza de touros. Como se enche calquera domingo de público que paga por ve-lo clásico espectáculo
español de corridas de touros...
Non é exacto, afortunadamente, que o problema actual sexa, como dixo Sánchez Román, de oposición entre nacionalismo e antinacionalismo, nin como afirmou Maura de conflicto entre España e Cataluña. Se así fose, o conflicto sería realmente grave, insoluble sen a desmembración de España, que os unitarios combaten. E se se chegase á desmembración sería a causa da intransixencia dos unitarios. Porque son eles quen fronte ós movementos autonomistas, baseados en realidades, na vontade e nas necesidades dun pobo, nos máis puros principios democráticos –nada tan democrático, por exemplo, como a pretensión de que a maioría do pobo coñece mellor– fronte a estes nacionalismos que non xorden dun sentimento de superioridade senón dunha arela de liberdade, opoñen un nacionalismo de seu, fundado nun desexo de hexemonía e nunha crenza, real ou finxida, na superioridade propia.
Así púidose observar, durante a discusión do Estatuto catalán, que a campaña antiautonomista non ten outra base que a defensa do establecido, o desexo de manter privilexios oficiais sobrepoñéndoos ás realidades vitais das rexións. E esta actitude tradúcese constantemente en ataques a Cataluña, negándolle a capacidade para administrar xustiza, dando por seguro que non saberá mante-la orde, proclamando como absurda a pretensión de soster e fomentar unha cultura catalana. Ese si que é o verdadeiro “veleno nacionalista”, o nacionalismo imperialista e despectivo. Se representase a opinión xenuína de España, entón os cataláns, os vascos e os galegos teriamos dereito a preguntar: ¿Con que......................................LECTURA............................................................., pode a España oficial negarlle capacidade a ninguén? Despois de catro séculos de unidade, tempo suficiente para mostra-la conveniencia de calquera ensaio, ¿pode a España “madrileña” dicir que soubo leva-la xustiza ós pobos da nación?¿Atrévese a asegurar que soubo conseguir que empezase a orde, salvo a orde ficticia que impoñen os fusís?¿Ten dereito a enxalza-las grandezas dunha cultura, dun sistema de ensino que non logrou librar á metade do pobo do analfabetismo?¿Conseguiu España, en xeral, chegar a un nivel medio europeo de progreso e de benestar material?...
Porque é absurdo e é intolerable que os defensores da España unitaria, incapaz e fracasada, neguen capacidade a pobos como Cataluña ou Vasconia, que son xustamente os que, polo seu propio esforzo, lograron un estado de prosperidade e de cultura que os aproxima ó nivel de civilización da Europa occidental. Humildade, non arrogancia e soberbia, sería o estado de ánimo indicado para tódolos españois, centralistas ou autonomistas, ó contempla-las realidades da súa vida nacional. Humildade e propósito de emenda-los erros pasados e de organiza-lo Estado doutra forma que non sexa a que xa fracasou tan lamentablemente. Pero tal vez esta arrogancia non sexa senón un disfrace. Quén sabe se a afirmación de superioridade non esconde unha sensación de inferioridade, un espírito desmoralizado pola derrota e o fracaso. Porque o fugaz esplendor que sucedeu á unión peninsular non fixo senón acentua-la posterior decadencia. Despois de máis de dous séculos de fracasos exteriores –perda das colonias, tristes recordos de guerras africanas– acompañados de fracasos interiores –desgoberno, despotismo e democracia ficticia– non é estraño que este último golpe á España tradicional, este descontento e arela de independencia de diversas rexións da península, aparézaselles ós unitarios como algo intolerable, como a última derrota e fracaso da España que eles identifican –aínda que moitos sexan republicanos– coa España tradicional da monarquía. Sensación de fracaso e medo ó porvir que se evidenciou no recente debate acerca do ensino en Cataluña, no cal, debaixo da afirmación de superioridade da cultura oficial, púidose apreciar un ................................. (xordo) ........................ (señor) ............................. (Giral) ............... (ha dispuesto) ............... (el) ........... (y) a cultura catalana. É tan difícil seguir sendo patriota da vella España, é tan difícil para os espíritos reaccionarios –aínda que se chamen e se crean republicanos– substituí-lo vello patriotismo polo novo, que non debemos sorprendernos se a sensación de fracaso e de derrota tradúcese ás veces en explosións de arrogancia malhumorada.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001