|
Literatura e pobo
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, 15 de xuño
de 1956.
Nun artigo publicado hai pouco nun diario local,
un escritor galego, Luís Moure-Mariño, de quen ó meu parecer os seus traballos xornalísticos,
polo seu intelixente senso común e a súa preocupación polos problemas de Galicia son dignos
de todo eloxio, intérnase noutro terreo no que, por esta vez, acho difícil coincidir coas súas
opinións. Tomando como punto inicial un cálido e merecidísimo eloxio á magnífica
obra de Álvaro Cunqueiro, Merlín e Familia, emprégaa como base para emprender un ataque a
fondo contra outros escritores da literatura en galego –enténdese que se refire a case todos menos Cunqueiro–
nos que no seu “galego de laboratorio” atopa toda unha serie de “lamentables características” dende a “variedade
en vocabulario e ortografía” ata a abundancia de vocablos foráneos, saqueados, ás veces, da
lingua portuguesa ou lindamente inventados polos seus autores”, ós que cualifica de “urdidores dun falaz
galego...” Fronte a eles presenta o indiscutible marabilloso galego da obra de Cunqueiro, á que cree eloxiar
manifestando que contén un idioma que “está na rúa”, que se pode atopar “en calquera aldea
sobre a gleba, nas feiras da vila” e que considera apto, por experiencia, para ser lido “en roda de labregos”.
Eu atreveríame a presentar, fronte a tal
tese, toda unha serie de obxeccións. En primeiro lugar, paréceme que a diafanidade admirable de Merlín
e Familia é enganosa. Non xurde principalmente dunha sinxeleza de linguaxe, que non é tanta como
se pretende, senón dunha elegancia de estilo, dun estilo que dificilmente se podería igualar, non
xa entre os escritores galegos senón entre tódolos que escriben en castelán na actualidade.
Pero deixando isto a un lado, ¿pode alguén atreverse a afirmar seriamente que ningún escritor
galego é apto para ser entendido por unha persoa de mediana intelixencia –o cal non é moito pedir–
ata que apareceu a obra de Cunqueiro, ou a de Ánxel Fole, mencionada tamén no artigo de referencia?
Sería moi sinxelo citar toda unha serie de nomes que desmentiran semellante aserto. Moi sinxelo, mais tamén
innecesario, pois a calquera lle virán á memoria inmediatamente.
E unhas preguntas máis... ¿É
recomendable que a literatura se rebaixe ó nivel dun común denominador lingüístico rural,
para que se poña ó alcance dos máis modestos fortunas intelectuais? ¿Debemos desbotar
por inservibles a tódolos escritores –ocórreseme neste momento o nome de Valle-Inclán– que
non podan ser apreciados nas xuntanzas de vendedores de vacas? ¿Non merece respecto e agradecemento máis
que mofa o labor de escritores que durante case un século, sen estímulo nin ganancia, téñense
esforzado en rehabilitar para as letras cultas a unha lingua que estivera literariamente silenciosa e pedagoxicamente
abandonada durante centurias? Eu non son, dende logo, partidario do abuso na “resurrección” ou na “importación”
de palabras, mais ¿non é certo que a nosa lingua galega ten na historia unha estreitísima
irmandade co portugués? ¿E é posible soster que os nosos incomparables cancioneiros –nosos
e de Portugal– son incomprensibles para unha persoa de hoxe normalmente letrada, ou que non teñen nada que
ensinarnos no terreo lingüístico?
Eu diría, máis ben, que unha xeración
literaria pode sentirse feliz e privilexiada ó dispor dun instrumento lingüístico no cal, ademais
da rica herdanza, aínda é posible a marabilla de “inventar”, mesmo de elabora-lo idioma nun “laboratorio
cerebral”. Estou convencido de que a literatura galega –o que valla a pena– non pode ser, alomenos de momento,
unha literatura para o pobo. Ten que ser, polo de agora, dádalas lectores condicións en que se desenvolve,
unha literatura de minorías e para minorías, posto que só a minorías interesa. Sen
que estas minorías se oufanen por iso de seren “selectas”, senón sinxelamente de posuír gustos
distintos, nin pretendan limita-lo dereito dos demais a ler ou escribir o que lles veña en gana.
E ten que ser así, non só porque
á masa de lectores galegos non lles interesa a literatura galega, nin calquera outra digna de mención,
senón porque a nosa é predominantemente lírica, mesmo na súa mellor prosa. Porque o
literato galego, vivindo nun ambiente indiferente, identifícase coa súa terra, mais non co seu pobo
nin coas maneiras, costumes e forma de expresarse dos seus paisanos. Mesmo cando emprega un tema popular, folclórico,
transfórmao, sublímao, ata que garda xa escasa relación coa realidade. A literatura galega
foi ata agora, no que ten de valioso, unha literatura individualista, introvertida, de “escapismo” –e perdóeseme
neste caso a palabra importada– Todo o demais sería escribir como “Xan das Zocas” ou calquera outro contista
que veña ó caso...
Os escritores galegos, segundo a miña opinión,
esixiron moi pouco, sexa en “éxito de librería” ou en gabanzas á súa vaidade. ¿É
moito pedir que se lles deixe facer en paz o que que lles pareza ben, que escriban uns para os outros e para uns
cantos amigos; ou mesmo que se dediquen de cando en vez algún eloxio mutuo? ¿É merecedor te
censura que se esforcen por refinar e enriquecer unha lingua elevándoa sobre o nivel da gleba ou da feira
da vila? ¿En que estorban ós que queiran face-las cousas doutra maneira? ¿Por que esa insistencia
“antiescolmista” e ese afán en presentalos mesmo como un obstáculo para o progreso material de Galicia?
Si, á fin e ó cabo, semella que ninguén, salvo eles mesmos, é quen de entende-lo que
escriben...
Limitado a este modesto campo da literatura galega
a cuestión, quizais opine alguén que me lea, non ten demasiada importancia. Pero suxire outros aspectos
que tal vez xustifiquen un comentario, que outro día próximo lle dedicaremos nestas columnas...
P. R. Castro.
|