| ·Fundación Plácido Castro |
Lexítima defensa
Plácido Ramón Castro
del Río
“Legítima defensa”. El Pueblo
Gallego, martes, 25 de outubro de 1932.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
O señor Casares Quiroga dedicou unha parte
considerable do discurso que pronunciou en Lugo, a lanzar unha serie de acusacións contra aqueles galeguistas
que non forman parte do P.R.G. Referiuse ós que “ó dicir querer á nosa terra prostitúena
ata ese punto, e necesitan aínda unha man caciquil que implantase unha vontade sen preguntarlle ó
pobo se a aceptaba ou non”, busca nesta dúbida acerca da vontade do pobo un pretexto para desculpa-la inacción
do P.R.G.
Xa sostiven nun recente artigo que me parece completamente inaceptable o concepto da misión dun partido democrático que o señor Casares expuxo en Lugo, porque é evidente que unha agrupación política que sinta intensamente un ideal calquera non poida limitarse a agarda-las ordes do pobo senón que ha de propaga-lo seu ideal e orientar á opinión coas súas campañas, apoiando con toda a súa forza as iniciativas que ofrezan –como o anteproxecto do Estatuto– unha oportunidade de realiza-lo seu programa. É moi cómodo deixar que as campañas as fagan outros partidos, sen prexuízo de defini-la actitude propia cando sexa conveniente. Porque non é definirse dicir sinxelamente que un partido “leva a autonomía no seu programa”. Nas filas do Partido Republicano Galego ten o señor Casares moitos adeptos que adoptaron idéntica posición fronte ó movemento republicano. Pero no propio xefe do partido semellante actitude é incomprensible. Cando se trataba de trae-la República, o señor Casares procuraba por tódolos medios o triunfo da súa causa, propagando os seus ideais e ata conspirando, sen poder estar seguro de se o pobo era ou non republicano. ¿Porque actuou dunha maneira como republicano e procede doutra como autonomista; tan decidido e valente no primeiro caso e tan excesivamente prudente no segundo?¿Non será, sinxelamente, que sentía o republicanismo dun modo intenso, mentres que o autonomismo non lle causa ningunha emoción?¿E non procederá de igual causa a ineficacia do seu partido en canto á autonomía?
De tódalas formas, o menos que podían facer os directores do P.R.G. era absterse de lanzar acusacións de intencións caciquís contra unha organización política que preferiu a pureza do seu ideal a tódalas conveniencias persoais ou políticas que puideran provir do seu contacto con partidos que participan no Poder. E xa que de democracia se trata recordemos que cando se celebraron as últimas eleccións, que era necesario gañar a todo custo, preferiuse a seguridade do triunfo á pureza democrática, e non se rexeitaron intelixencias con algúns dos elementos caciquís máis destacados da nosa rexión.
Non é xusto dicir que os galeguistas queren impoñe-la súa vontade ó pobo. O que si esixen, e con pleno dereito, é que cantos afirmen desexa-la autonomía, loiten por ela con tódolos elementos ó seu alcance. Non se pode falar de caciquismo nin de imposicións, cando todo o mundo sabe que o Estatuto ha de ser sometido a tódolos trámites democráticos que a Constitución esixe –aprobación por unha asemblea de Concellos, polos cidadáns de Galicia e polas Cortes Constituíntes–. Agora ben, se o señor Casares dixera que os galeguistas queren impoñe-la súa vontade ó Partido Republicano Galego, estaría máis próximo da verdade. Pero isto non é caciquismo, senón un intento de facer cumpri-lo programa que o mesmo partido trazou.
Sen embargo, debe aclararse un punto, aínda que por isto nos chamen caciques en potencia os que xa o son en realidade. E é que non podemos admitir que se teña unha medida para a democracia cando se trata da autonomía e outra para a política en xeral. Tendo en conta o estado da cidadanía na nosa terra, pretender que foron sinceras e xenuínas as eleccións xerais, pero que non o sería un plebiscito sobre o Estatuto, é colocarse nunha actitude hipócrita e intolerable, e máis aínda cando quen así razoa debe o seu mandato a unhas eleccións coma as últimas.
Deu a entender o señor Casares no seu discurso que os que se separaron da “Orga” despois do advento da República fixérono por incompatibilidade coa súa tendencia avanzada. Supoño que se referiría ós galeguistas que formaron parte da “Orga” antes da República –e que, dito sexa de paso, lle deron o carácter esquerdista, autonomista e democrático que tivo– posto que eles constitúen o único núcleo importante que abandonou o citado partido. O apartamento non foi motivado por diferencias ideolóxicas, senón pola falta de confianza daqueles galeguistas na sinceridade eficacia do autonomismo da “Orga” e por incompatibilidade coa súa conducta política. E aínda que non nos interese moito participar no campionato de declaracións esquerdistas que fan os demais partidos, é preciso facer constar que tódalas novidades interesantes que aparecen no máis recente programa do Partido Republicano Galego estaban xa incluídas no Partido Galeguista, e algunhas delas nas conclusións da Asemblea que os nacionalistas celebraron en Lugo hai catorce anos. Non é que eu queira atribuír ningún monopolio ó Partido Galeguista. Estou seguro de que todos celebramos que outros partidos se adhiran á nosa ideoloxía –aínda que en certos casos o fagan algo tarde–, incluíndo no seu programa cousas que combateron cando os deputados galeguistas as presentaron en Cortes. Pero, cando menos, creo que temos dereito a esixir que non nos chamen reaccionarios os que unha horas antes incorporaron ó seu programa puntos que xa estaban incluídos no noso...
Falou, finalmente, o señor Casares dos que “pretenden monopoliza-lo sentimento de amor a Galicia” sen deixarlla sentir ós demais “que non a levamos a flor de labios, sen dúbida porque está demasiado encerrada no noso corazón”. ¿Isto era o que nos faltaba! Pase que nos chamen caciques, cavernícolas, ilusos...Pero ninguén se atreveu ata agora –ou cando menos que non a amamos tanto como o señor Casares– a dicir que nin sequera somos amantes de Galicia porque expresamos o noso amor a Galicia en lugar de levalo encerrado no corazón, tan oculto que ninguén poida adiviña-la súa existencia. Podía facerse a base de semellante teoría todo un estudio, sumamente orixinal, acerca das ideas políticas sostendo que os únicos que senten fondamente un ideal son aqueles que non o expresan nin defenden. Un paso máis e chegariamos a convencernos de que os verdadeiros autonomistas son os que defenden o centralismo e os auténticos republicanos, non o señor Casares e outros activos e sinceros propagandistas do republicanismo, senón os frixios e ata os monárquicos –do cal poderiamos atopar certas confirmacións examinando a estructura do P.R.G., no cal tantos coñecidos ex-monárquicos ocupan posicións preferentes–. Teoría humorística a do ministro da Gobernación que, ó fin, é galego aínda que non sexa galeguista. Pero ós que fomos sempre galeguistas, sen ter xamais medo a expresa-la nosa opinión, non nos farán vacilar as ironías do señor Casares. Non necesitamos para definirnos, e para actuar en consecuencia, agarda-las indicacións do presidente do Consello para organizar unha especie de sucursal galega do “trust español da autonomía”, nin pensamos manternos nunha posición equívoca ata ver se as inmediatas conveniencias políticas partidistas fan ou non oportuna unha forma de conducta. Somos autonomistas porque somos galeguistas e isto é necesario dicilo con toda claridade, porque estamos vendo que en Galicia o chamarse autonomista nada, máis ben pouco, significa.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001