|
Letras e títeres
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Vasos baleiros, sábado
25 de febreiro de 1928.
Cun fervor que os inimigos das ideas e dos
ideais saberán estimar e agradecer en canto vale, acentúase a moda da chamada nova literatura, de
apartarse con desdén de todo o que signifique unha fonda inquietude espiritual e ata vituperar con saña
toda complicación ideolóxica e toda atención xenerosa ó progreso da comunidade humana.
Foi don Gaspar Melchor de Jovellanos quen traduciu o “Panen et circensem” da plebe da decadente Roma imperial para
acusar ó grito de “!Pan e touros!” como cifra das aspiracións, non só xa do “populacho”, senón
de toda a triste sociedade do seu tempo, paciente dunha das máis grandes abxeccións colectivas da
historia.
Anhelo popular de tráxica elocuencia no
seu significado, panza chea e diversión allea ás preocupacións do intelecto, programa que
no seguinte reinado, os doutores fernandinos chegaron a definir concretamente cando quixeron manifestarse alonxados
da perigosa novidade de discorrer.
Ó cabo dun século, o claustro de
Oñate atoparía retoñada a súa escola. Modernísimos doutores literarios decidiron
que a literatura debe ser unha especie de exército volatineiro, no que sobra o concepto fondo, e ata o menor
traballo imaxinativo. Cen anos máis tarde os catedráticos do tempo do rei neto, teñen consagrada
a súa teoría que abominaba da funesta teima de pensar.
A literatura, segundo os seus recentes poetas,
debe ser unha acrobacia, e un libro non ter máis importancia nin transcendencia que unha función
de títeres. Un dos que se consideran pontífices desta secta, practica a teoría usando como
tribuna a pista dun circo, e como cátedra, aquí un trapecio e acolá o lombo dun elefante.
Quen deles proclama desde o órgano oficioso
da súa congregación, que o literato non debe ser máis que un xuglar e a título de tal
debe acudir en clase de bufón a facer unhas cantas zapatetas ó pé da mesa dos señores.
Porque outra das características do novo credo artístico é a devoción servil ó
poderío e ó ouro. É a resurrección dos clásicos parásitos, aínda
que sen a independencia que lles levaba a poñe-lo espello dunha sátira diante do contínuo
anfitrión dos seus banquetes. É a revivescencia dos tolos da corte, pero sen o desenfado que permitía
a aqueles entre o rir dos seus cascabeles, dici-lo chiste mordaz e xusticieiro ó soberano ou ó magnate.
Victor Hugo ou Claudio Frollo equivocáronse,
sen dúbida. A imprenta non matará ó templo. O libro non vencerá á pedra. “A
Divina Comedia” non vale o xesto dun paiaso. En España, Lope e Cervantes son dous pobres demos. Hai que
chegar entón á conclusión de que Galdós é un mentecato. ¡Oh, isto importa
moito! Galdós é o século XIX. Non só viviu a metade del, senón que lle cantou
de todo, desde “A Corte de Carlos IV” e “O Audaz” ata “A de San Quintín” e “Electra” coas súas inquedanzas,
as súas esperanzas, os seus sacrificios polo ideal. ¿Quen era o Empecinado? Un tolo, un home absurdo
que daba a súa paz e o seu sangue pola independencia e a vida pola liberdade. ¡Co cómodo que
tivera sido emboscarse nunha oficina e deixarse ascender! Pois ¿e Larra? ¿Qué necesidade tiña
de agrea-lo carácter e amargarse a vida predicando ós españois? ¡Canto máis saudable
non lle tivera sido dar uns cantos saltos mortais no salón do Estamento para divertir ós próceres
e revolcarse na alfombra da Saleta da Raíña Gobernadora!
A intelixencia é un perigo. Dar renda solta
á imaxinación pode acarrexar graves trastornos, pois sempre foi a tola da casa, un elemento perturbador.
Exercer un dereito de crítica para fustiga-lo mal e protestar contra a infamia, e desvirtua-la verdadeira
misión do literato. Se Zola fora o que se di un escritor, teríase gardado o seu “Eu acuso” e non
tivese importado nada o que padecese os horrores da Illa do Demo un inocente, víctma da inxustiza e do prexuízo.
Clericais e deportistas, aceptan unha fé
que lles evita un traballo espiritual, e renden ó músculo e ó exercicio físico a preitesía
que lles libera dun sostido esforzo do cerebro. O corazón tampouco se estila e quedou suprimido todo impulso
cordial de afectividade e tenrura.
Aínda que non se relacione coa xente de
que tratamos, queremos sen embargo anotar un recordo recente e dun diario con orientacións que teñen
moito de común co criterio daquela. O mesmo día en que morreu a excelsa artista María Guerrero,
un touro desmandado correu, como se recordará diversas rúas de Madrid, e foi morto na Gran Vía
por un profesional da tauromaquia. De ordinario, este suceso, frecuente nas conduccións de gando, non merece
máis que un solto de media ducia de liñas, cando a res remata morta a tiros polos gardas. O caso
menos común, aínda que máis lóxico de que quen a mata sexa un matador de touros, puido
facer que se estenderan un pouco máis e humorísticamente os comentarios, aínda que deixando
o feito reducido ás súas naturais proporcións.
Os diarios deron a toda páxina a información
da morte da gran actriz, a dúas columnas o seu retrato, e profusión doutros que recordaban tipos
e datas diferentes da súa vida artística. Pero houbo un, o aludido anteriormente, que mentres en
sucinta referencia e cunha fotografía minúscula, daba conta da pérdida que sufría a
escea española, centraba unha plana cun retrato a dúas columnas do toureiro e dedicaba con grandes
titulares copioso orixinal a describir, comentar e pondera-la súa fazaña e a súa figura, que
estimaba máis importantes que o luto do arte hispano.
O labor da artista estaba máis preto das
letras. A do toureiro máis próxima ós títeres. Unha servía ó pensar e
ó sentir: o outro á forza física e á habilidade circense.
Letras e títeres. Pero non basta facer
xogos malabares coas palabras, nin a nobreza da fala literaria se aven a mesteres de lacaios. Non naceron o idioma,
nin o arte para ser vasos baleiros. Foron creados como guías de luz e nada son se en eles non fulgura o
relámpago da idea.
P. R. Castro.
|