|
Leóns dirixidos por Burros
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Crónica de
Londres, sábado 7 de xaneiro de 1928.
Noutras ocasións falei no El Pueblo Gallego
das esperanzas pacifistas que inspira o odio á matanza tan evidente na xeración que coñeceu
os horrores da última guerra, e que nos permite ser un pouco optimistas respecto ó porvir, a pesar
das perigosas manobras dos diplomáticos. Ata se dá o caso de que numerosos soldados se negasen a
recolle-las condecoracións que lles foron concedidas polos seus servicios –non queren nada que lles recorde
aqueles tempos tráxicos. Pero existe outro fenómeno que me parece igualmente satisfactorio. Os soldados
que pelexaron na guerra, polo menos os ingleses, tiveron sempre un concepto non moi lisonxeiro da capacidade dos
seus xefes. E desde que se firmou a paz os xenerais fixeron todo o posible para desacreditarse, publicando numerosos
libros nos que atribúen os erros ós seus colegas e os éxitos a eles mesmos. Como resultado
desta guerra literaria foise formando na opinión pública o convencemento de que case ningún
deles tiña a capacidade suficiente para ocupar cargos de tanta importancia. O capitán P. A. Thompson
acaba de publicar un libro que resume a opinión do pobo sobre o asunto. O título do libro é
suficiente para dar unha idea desa opinión «Leóns dirixidos por burros: demostrando que a victoria
na gran guerra se conseguiu polos que cometeron menos erros». Despois de ler libros como o do capitán
Thompson, non será fácil que os pobos vaian confiados á guerra, esperando unha rápida
victoria gracias ó xenio dos seus grandes caudillos.
Pero o libro máis revelador de cantos sobre
a guerra se teñen publicado é o das Memorias do xeneral inglés Sir Henry Wilson. O seu relato
permítenos observar como seguían reinando as intrigas políticas e militares, as antipatías
persoais e raciais, nos momentos críticos en que as tropas alemanas ameazaban dominar ós aliados.
Sir Henry tivo que emplea-lo máis exquisito tacto para que non se producira unha ruptura entre Joffre e
French, o xeneralísimo inglés, e para que os xefes franceses e ingleses mantiveran unhas relacións
relativamente amistosas. French estaba incomodado cos franceses porque estes desexaban que os ingleses estenderan
o seu frente. Franceses e ingleses non se poñían de acordo sobre se tiñan que atacar ou retroceder
nin sobre cuestión ningunha, ata que o perigo inminente obrigáballes a tomar unha decisión.
Joffre escribía a French cartas que o xeneral Wilson califica de “estupendas”.
A relación entre os exércitos e
os Gobernos non eran tampouco moi cordiais, segundo Sir Henry nolas descobre. Os políticos tiñan
os seus plans estratéxicos especiais que entrañaban o envío de tropas desde a fronte occidental
a outros campos de batalla. Joffre se viu obrigado a ameazar a Poincaré coa demisión se esta política
se levaba a cabo. Lloyd George e Churchill tamén tiñan os seus proxectos, enerxicamente combatidos
polos xenerais. “Deus nos axude!”, exclamou Wilson ó coñecelos. E ó falar do gabinete inglés,
califica a súa conducta de “criminal e perversa”, chama ós ministros “os covardes que están
na casa”. As relacións de French con Asquith, Churchill e Kitchener eran de franca enemistade. Conta Sir
Henry que non podía falar ós xenerais franceses das opinións de French, porque eles contábanllo
todo ós políticos franceses, e estes ó Gorberno inglés, que despois recriminaba a French.
O labor do xeneral Wilson nestas difíciles
circunstancias foi ó parecer de inapreciable valor. Lord Milner dixo que “ningún outro home no mundo
podía manter unidos ós dous exércitos”. Nivelle afirmou “que era o único inglés
capaz de salvar unha situación perigosísima”. Mais, concedéndolle todo o seu mérito
á obra do xeneral Wilson, ¿non é terrible pensar que nin aínda ante o avance ameazador
do inimigo común podíase obter a colaboración franca de dous exércitos, mentres os
pobres soldados morrían a miles nas trincheiras? ¿Quen poderá dicir, recordando estes feitos,
que o capitán Thompson non ten razón ó chamar a súa historia “Leóns dirixidos
por Burros”?
¡E a pesar de todo os alemáns non
conseguiron chegar a París! Principalmente, sen dúbida, gracias ó heroísmo dos soldados
aliados, dos Icones, ¿pero non sería tamén porque os seus xefes eran da mesma categoría
cós dos aliados? De todos modos, algo axúdanos a explicar o seu fracaso a recente revelación
do médico alemán do xeneral Moltke, o cal di que este gran xefe padecía naqueles momentos
de reblandecemento cerebral.
Poderían citarse moitos comentarios máis
do xeneral Wilson. Do primeiro Consello de ministros ingleses celebrado durante a guerra di que “Discutían
coma idiotas”. “Foi unha reunión histórica de homes que ignoraban por completo o que discutían”.
Di que certos ministros debían ser fusilados.
Na guerra naval atopámonos cos mesmos fenómenos.
Dez anos despois da batalla de Iutlandia aínda seguen a discutir acaloradamente os partidarios de Jellicoe
e de Beatty, cal de estes almirantes tivo a culpa de que a flota alemana non fose aniquilada, como debeu selo dada
a superioridade británica.
Cando o xeneral Wilson pasa a contarnos as incidencias
das negociacións de paz non son menos interesantes as súas apreciacións. A súa apreciacións
acerca do presidente Wilson queda exposta con absoluta franqueza. Chamalle “un visionario perigoso”, un “usurpador
dos poderes de negociación”, “ese burro Wilson”. As discusións dos “Catro” eran “de ignorantes e
de afeccionados”. Falaban durante meses enteiros sen porse dacordo e, en consecuencia, tres horas antes de entregarse
ós alemáns as condicións de paz, o texto do tratado aínda non estaba completo, e homes
como Foch, Bonar Lavv e Balfour non puideran conseguir unha copia. Como di o xeneral Wilson, “Imos entregar ós
alemáns as condicións de paz sen telas lido nós mesmos. Non creo que en toda a historia se
poida atopar un feito igual. As condicións foron entregadas sen que ningún de nós as tivese
lido na súa totalidade”. E Lloyd George, dous días antes da firma da paz, expresou a súa opinión
de que a constitución da Sociedade de Nacións era “un documento ridículo e atolado”. ¿Pode
sorprendernos que deste ambiente de indecisión e de confusión saíra unha paz case desastrosa
como a guerra?
Ás opinións de Sir Henry Wilson
hai que concederlle todo o valor que lles presta a gloriosa carreira deste xeneral e o seu íntimo coñecemento
dos feitos que comenta. A súa actitude ó oporse ás condicións excesivamente duras que
se impuxeron a Alemaña e a Austria, a súa campaña a favor da unidade de mando, e outros moitos
detalles da súa vida amósannos a sensatez dos seus xuízos. Acaso sería distinto o ton
dos seus comentarios se chegaran a publicarse durante a súa vida. Pero o que nas súas Memorias se
di é o que realmente pensaba, e é preciso facer constar que moitos dos seus comentarios non puideron
ser incluidos no volume publicado por ser dun ton aínda máis forte que o dos extractos citados. Algúns
comentarios lamentaron a publicación deste volume. A min paréceme que ningún libro podía
ser máis oportuno. Permitirá ó pobo, que sería coma sempre a víctima de futuras
guerras, formar unha opinión precisa da capacidade dos seus xefes militares e políticos. A competencia
é perdoable.
Talvez a guerra moderna presente problemas nacionais
e militares tan complexos que ningún cerebro humano pode resolvelos. A guerra de trincheiras foi en realidade
a confesión do fracaso da estratexia. Pero o que é máis difícil de perdoar é
a continuación das intrigas, das envexas, das antipatías persoais ante o inimigo común, cando
se falaba hipocritamente ó pobo da “unión sagrada”.
De todos xeitos ben está que os pobos saiban
a verdade e por iso merece o noso agradecemento Sir Henry Wilson. Agardemos que a lección do pasado servirá
de consello para o porvir.
P. R. Castro.
|