| ·Fundación Plácido Castro |
Irmandade contra intransixencia
Plácido Ramón Castro
del Río
“Hermandad contra intransigencia”. El
Pueblo Gallego, domingo, 24 de xullo de 1932.
Traducción ó galego de Daniel
Landesa Porras.
Un xornal coruñés, dereitista e católico,
negouse a inserir nas súas columnas algunhas notas relativas á celebración do Día de
Galicia, porque neles facíase alusión á “festa civil galega” e non se falaba do Apóstolo
Santiago. Para xustifica-la súa negativa declarou que é lamentable que “institucións non oficiais,
entidades populares que para atraerse afiliados prometen neutralidade política e relixiosa, se saian tanto
da súa misión misión e invadan terreos que non lle corresponden”; afirma ademais que “a festa
de Galicia non pode ter carácter civil”, e anuncia a súa resolta oposición “ó lamentable
empeño de laicizar unha festa esencialmente relixiosa que conta con moi fondas raíces na alma de
Galicia...”
Oposto a todo intransixencia sería eu o último en querer disocia-la data do 25 de xullo do recordo do Apóstolo Santiago. Aínda para os que non compartan as crenzas católicas acerca do Apóstolo, será a súa historia unhas das principais fontes do folclore galego, unha das lendas fundamentais da nosa terra, coa súa fonda influencia na historia e no espírito do noso pobo. Ningún galego, nin aínda o máis anticlerical, querería perder esta parte esencial da nosa existencia nacional. E moito menos os católicos afiliados ó galeguismo, que son tan relixiosos coma os que redactan ou len o aludido xornal, e que, sen embargo, festexarán con todo entusiasmo a “festa civil galega”.
Nesta cuestión pódese aprecia-la profunda diferencia que existe entre os católicos galeguistas e os católicos “españolistas”, os cales buscan a súa inspiración espiritual en xornais que se chaman rexionalistas e independentes, pero que non son senón sucursais de El Debate. Nós non falamos unicamente da “festa civil galega”, que MENLLAMENTE nestes momentos, ha de ter certo carácter político, porque somos inimigos de mestura-la relixión coa política. Os novos relixiosos de entre nós respectan demasiado a relixión allea para intentar profanala, e os católicos nosos senten a relixión como unha cousa sagrada e íntima que non se pode utilizar con fins partidistas. Por iso somos, como partido, neutrais en cuestións relixiosas, neutralidade que observamos nesta ocasión. Misión nosa é conmemorar civilmente, politicamente se se quere, o Día de Galicia. Soamente á Igrexa corresponde celebra-la festa do Apóstolo Santiago.
En cambio, o sector que se inspira no citado diario non vacila en emprega-la relixión como instrumento político nas máis sórdidas loitas partidistas e en defensa de intereses materiais, nin dubidaría tampouco en utiliza-lo nome do Apóstolo para fortalece-la Unión Regional de Derechas, que por certo acaba de felicitar a Royo Villanova polo seu labor en favor da unidade da patria. Estou seguro de que ningún católico galeguista apelaría a semellantes medios, nin como fixo recentemente un orador sagrado na Coruña, que pediu ó final do seu discurso semipolítico unha salva de aplausos para o Redentor, forma magnífica de remata-la súa disertación en medio dunha ovación atronadora. Non somos pois, os galeguistas, os que invadimos terreos que non nos corresponden, nin os que dando probas de intransixencia pretendemos laicizar unha festa relixiosa. Polo contrario, os intransixentes, os que se saen da súa misión, son os que en nome da relixión afirman que a festa galega “non pode ter carácter civil” e pretenden boicoteala con tal pretexto.
É curioso observar que ata tratándose dunha cousa co catolicismo, esencialmente internacional, existe esta fonda diferencia entre galeguistas e centralistas, este contraste entre a mentalidade e a maneira de senti-la relixión dos católicos galegos e a actitude dos que, aínda chamándose discípulos de Xesucristo, teñen por mestre máis próximo ó Sr. Gil Robles.
Catolicismo “españolista”, illado de Europa, incluso dos católicos doutros países; alleo tamén ás realidades do espírito galego; inimigo, como sempre o foi, de toda cultura estraña; esencialmente separatista porque se encerra nas fronteiras de España; subordinado ás conveniencias dun partido político monárquico, herdeiro do fanatismo que implantou a inquisición e emprendeu loitas imperialistas, mestura igualmente política e relixión contra outros cristiáns; catolicismo simbolizado con xustiza no Santiago matamouros, exterminador e guerreiro, como máis tarde achou a súa personificación no crego Santacruz.
Catolicismo galego, universal e galego á vez; fondamente enraizado na alma do pobo, do cal soubo incorpora-lo paganismo precristián; comprensivo e transixente (lémbrese o voto de Otero Pedraio favorable á creación dunha sinagoga en Córdoba). O seu patrón, un apóstolo cristián, pacifista, que propagaba o seu credo co Evanxeo, non coa espada, humilde peregrino da fe, a cultura e a fraternidade. E a obra do apóstolo e do catolicismo galego non foi a guerra, o lume, a conquista, senón a atracción a Compostela de peregrinos de toda España, que fixeron da cidade un altar sagrado e internacional, un dos centros espirituais do mundo, ó mesmo tempo que convertían a Galicia, tan apartada entón xeograficamente, unha das terras máis universais de Europa.
--
Por iso os galeguistas, como partido, temos que divorciarnos do catolicismo españolista, o dos santos militares, os monárquicos “agrarios” e os cardeais políticos, máis próximo ó fanático San Ignacio que ó cristián Apóstolo Santiago. Tan afastados debemos de permanecer deles como dos anticlericais que nos atacan porque o Día de Galicia coincide co Día do Apóstolo. ¡Como se fose posible nega-la historia de Galicia, esquecer que o culto ó Apóstolo, con tódalas súas consecuencias, foi unha das causas que máis fondamente influíron na existencia nacional de Galicia!
Os verdadeiros galegos non podemos ser fanáticos dun nin doutro bando. Todo fanatismo repugna ó temperamento galego, caracterizado pola comprensión, a transixencia, a dúbida. Os problemas das relacións entre o relixioso e o civil podémolos resolver con criterio propio, galego, sen deixarnos arrastrar polos que soñan con Felipe ii nin polos que aínda viven espiritualmente na última década do século xviii. Por iso o Partido Galeguista, reflexo do espírito de Galicia, é tamén transixente e comprensivo, que constitúe unha irmandade de persoas das máis diversas crenzas espirituais, entre as cales non xorden xamais conflictos absurdos, como o que pretende formularnos o xornal que coas súas palabras provoca estes comentarios. Como galegos non podemos sentir ningún fanatismo, ningunha intransixencia, salvo a intransixencia e o fanatismo que proceden do noso amor a Galicia.
P. R. Castro.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001