·Fundación Plácido Castro
Volver


Irlanda libre


Plácido Ramón Castro del Río
“Irlanda libre”. El Pueblo Gallego, martes, 19 de abril de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


O triunfo de De Valera nas eleccións irlandesas é dunha importancia capital na historia dos movementos nacionalistas e encerra valiosas ensinanzas tanto para os nacionalistas de tódolos países como para os Gobernos que han de resolver problemas autonomistas.

Unha vez máis demostrouse que no nacionalismo o sentimento é o factor máis potente, que domina tódolos aspectos económicos por importantes que estes sexan. Irlanda gozaba desde 1921 dunha independencia practicamente absoluta e un estado de prosperidade moi satisfactorio nas actuais circunstancias; desde logo máis favorable que o de Inglaterra. Os seus habitantes gozaban dos privilexios dunha dobre cidadanía, irlandesa e británica. O convenio financeiro con Inglaterra foi sumamente favorable a Irlanda, que se librou da terrible carga de débeda nacional e só contraeu o compromiso de pagar un número de anualidades, de tres millóns de libras, para liquidar os préstamos feitos polo Goberno británico ós agricultores irlandeses con obxecto de que adquirisen as terras que traballaban. É dicir, que Irlanda gozaba de tódalas vantaxes da súa independencia, e ó mesmo tempo beneficiábase da súa asociación co Imperio, en canto esta asociación supuña que Irlanda obtiña no Imperio un trato favorable no terreo arancelario e económico; que os seus habitantes eran tamén cidadáns dun conxunto de nacións que ocupan a quinta parte do mundo, e que a súa seguridade nacional estaba garantida por toda a potencia naval e militar do Imperio Británico. Engádase a todo isto que Irlanda estaba rexida por un dos Gobernos máis activos e eficientes do mundo, o cal levou a cabo transcendentais reformas na economía do país e cun labor durante dez anos que foi magnífico en tódolos aspectos.

Sen embargo, celebráronse recentes eleccións e o misticismo patriótico de De Valera triunfou sobre a experiencia e a magnífica historia do Goberno Cosgrave. O xuramento de fidelidade á coroa británica polos deputados –único lazo entre as dúas nacións, que non implica ningunha submisión de Irlanda ó Goberno inglés– foi o punto fundamental que nas eleccións se discutía. Non a súa liberdade, posto que ninguén soña en que Inglaterra impoña o seu criterio pola forza. Pero si a súa prosperidade económica e os moitos beneficios que proveñen da súa asociación co Imperio, e dos cales lle privaría a hostilidade de Inglaterra. Pero Irlanda sentía ante todo a posibilidade de realiza-lo soño de Finton Lalov, que resume todo o ideal de De Valera: “Irlanda, dona de si mesma e de todo o que contén, desde a terra ata o ceo de Irlanda, para que o posúa o pobo de Irlanda...”. Que absurdo resulta ó lado desta aspiración o comentario de Churchill “Irlanda será unha entidade sen ningunha categoría nacional, nin dentro nin fóra do Imperio”. Tan absurdo como a actitude de moitos políticos españois e as súas preocupacións acerca da “soberanía” que tanto dificultan a solución dos problemas autonomistas e tan mesquiñas parecen ó lado da arela de liberdade dos pobos que reclaman a súa autonomía. Como di o Goberno irlandés, o pobo ve no xuramento unha cousa intolerable, unha reliquia do medievalismo. Quere manter relacións de cordial amizade coa Gran Bretaña, pero non cre posible esa cordialidade, nin o establecemento da verdadeira paz en Irlanda ata que o xuramento desapareza. Está disposto a transixir, a negociar acerca das anualidades que paga a Inglaterra. Pero no aspecto moral do xuramento adopta unha posición de intransixencia.

A actitude de Inglaterra, se aceptamos como representativo o criterio do Times, é que se os irlandeses queren ser estranxeiros ninguén pode impedirllo, e hai que acepta-la nova situación, e limitarse a protestar contra a rotura dun pacto solemne, e a privar a Irlanda das vantaxes que goza como compoñente da Comunidade de Nacións Británicas. Podemos, pois, considerar como conseguido este novo triunfo na historia do nacionalismo irlandés. Logo só lle quedará o paso definitivo que será a transformación do cargo de gobernador xeral –nomeado actualmente polo rei a proposta do Goberno de Irlanda, e que na práctica desempeña as funcións dun presidente da república– ata convertelo nun verdadeiro presidente, elixido polo pobo irlandés ou polo seu Parlamento. Esta será a etapa final no proceso de liberación de Irlanda.

Os nacionalismos poden seguir dous cursos, segundo o criterio dos Gobernos centralistas contra os cales se alzan. A autonomía concedida a tempo [....................Falta unha liña......................] –gregación e evita-la separación completa. Inglaterra conservaría a súa soberanía sobre Irlanda de concederlle a categoría de dominio antes da guerra, cousa que impediron os conservadores reaccionarios. En 1921 xa era tarde e xa correra demasiado sangue. Inglaterra perdeu un anaco máis do seu imperio.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro