|
Irlanda, Inglaterra e o mundo
Plácido Ramón Castro
del Río
“Irlanda, Inglaterra y el mundo”. El
Pueblo Gallego, 12 de febreiro de 1927.
Xa se ocupou El Pueblo Gallego da colaboración
irlandesa na Conferencia Imperial Británica e da ratificación polo Dail Eireann da política
entón seguida polos representantes do Estado libre. Pero non lin ningún comentario arredor dun dos
feitos máis importantes daquela época que tivo xa repercusións notables na política
internacional. Ó rematar os traballos da Conferencia, a cidade de Manchester honrou co título de
fillos adoptivos ós representantes dos dominios británicos. Naquela ocasión Mr. Cosgrave,
presidente do goberno do Estado Libre de Irlanda, pronunciou un discurso de gran transcendencia política.
Abonda citar un dos seus parágrafos máis sobresaíntes para facer resaltar a súa importancia.
Dixo Mr. Cosgrave:
"O voso país e o meu, separados durante
séculos por unha tráxica serie de acontecementos, que felizmente xa rematou, dan un exemplo ó
mundo do que se pode conseguir por medio da libre asociación de nacións. Os meus colegas e eu temos
a máis firme convicción de que as relacións entre nós chegarán a ser un lazo
de amizade sincera e duradeira, e que os pobos destas dúas illas, situadas polo Creador tan preto unha da
outra na superficie do océano, aínda cando difiran en raza e no carácter, dedicaranse desde
hoxe en diante máis ben a descubrir terreos de común esforzo e de triunfo común que a buscar
nas páxinas da historia os recordos das cousas amargas que deben permanecer eternamente sepultados".
Comentando este discurso o "Manchester Guardian"
concedíalle unha extraordinaria significación e opinaba que sería o motivo dunha aproximación
a Inglaterra dos numerosos irlandeses residentes nos Estados Unidos, facendo desaparecer o principal obstáculo
que dificultaba o achegamento anglo-americano, un dos factores máis importantes da futura política
internacional. A súa profecía cumpríase ós poucos meses cando Mr. Hearst, ata entón
inimigo decidido da Gran Bretaña publicou o seu célebre artigo declarando que a unión moral
anglo-americana era esencial para asegurar a paz do mundo. Esta proposición non tivo resultados prácticos
polo de agora. É unha cuestión demasiado complexa para que o proxecto poida converterse en realidade
en tan pouco tempo. Foi un mero ensaio, pero un ensaio que ten fundamentos moi reais e que foi posible gracias
á aproximación anglo-irlandesa e ó discurso de Mr. Cosgrave.
Se é aceptada polo Goberno o relatorio
da comisión que estudiou o problema monetario e bancario de Irlanda, será outro motivo de aproximación
entre este país e Inglaterra. Propón a citada comisión que a emisión de 6.000.000 millóns
de libras de billetes do Estado Libre estea garantida por igual cantidade de divisas inglesas. Isto significa que
se establece a solidariedade monetaria entre os dous países, o que afianzará aínda máis
a amizade anglo-irlandesa, sobre todo se lembramos que o comercio con Inglaterra representa o noventa por cento
do comercio exterior de Irlanda.
É verdade que existen tamén factores
que revelan unha tendencia oposta, sendo o principal deles o desexo de implantar o gaélico como idioma nacional.
Pero non é aventurado supoñer que o réxime definitivo de idiomas sexa bilingüe. Cómpre
extremar un pouco a política pro-gaélica nestes primeiros anos para salvar o idioma nativo do atraso
que padecía. Pero cando estea resucitado e establecido como idioma nacional non é de agardar unha
política de intransixencia a respecto do inglés. Os irlandeses imporanse o traballo de aprender ambos
idiomas por razóns de conveniencia práctica e cultural, ó comprender que os beneficios e a
satisfacción resultantes serán unha ampla compensación. (O réxime bilingüe practícao
Bélxica dende hai moitos anos sen que iso entorpeza a vida do país). Creo, pois, que o factor lingüístico
é máis ben transitorio e que non será obstáculo para a amizade dos dous países.
É sorprendente que en menos de seis anos
se pasara do odio e da guerra civil ó estado de cordialidade que hoxe existe. Aínda quedan moitos
inimigos porque hai tristes recordos persoais que non se borran con tanta facilidade. Pero asombra ver con qué
rapidez se vai desvanecendo o recordo de séculos de opresión e de odio. Seis anos de autonomía
permitiron que Irlanda, chegando á plena realización da súa personalidade, ofreza á
antiga inimiga a súa franca e amigable axuda no esforzo común para acadar xuntas o triunfo dos seus
ideais.
Sen pararnos a considerar certas ensinanzas políticas
ben evidentes que se deducen destes feitos, non será superfluo expor algunhas das leccións que deles
se desprenden no terreo do nacionalismo teórico. Xa expuxen noutro artigo que o nacionalismo non implica
o atraso económico posto que os sectores máis avanzados da opinión irlandesa desexan crear
un gran país industrial. Tampouco fai perigar as finanzas do país, xa que Irlanda uniu o seu sistema
monetario ó de Inglaterra, o máis sólido do mundo. Non aumenta os odios entre os países
que se separaron senón que permite que se entendan e colaboren por primeira vez na súa historia.
E por último, non reducen a personalidade mundial da rexión que se separou, nin da nación
que antes a dominaba. Pola contra, permiten que ambas nacións, unidas voluntariamente por razóns
ideais e prácticas, desenvolvan no mundo unha política de cordialidade e de paz, antes imposible.
Nótase con frecuencia nos sectores máis
avanzados do galeguismo certa anglofobia causada polo estudio das tráxicas relacións anglo-irlandesas.
É de esperar que o profundo cambio que se realizou nesas relacións se reflicta axiña na actitude
dos pan-celtas galegos.
P. R. Castro.
|