|
Inglaterra necesita a Autonomía
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, Desde Londres, sábado
14 de xaneiro de 1928.
A controversia relixiosa segue e seguirá
sendo durante moito tempo o tema máis apaixoante da actualidade inglesa. Desta discusión poden derivarse
toda clase de consecuencias, talvez ata a separación da Igrexa e do Estado. Mais polo momento nada se pode
predicir. Só se sabe que os bispos teñen o propósito de volver a presentar a súa proposta
ó Parlamento, agardando que terá mellor sorte que na última ocasión, e non deixan de
insinuar que se o Parlamento persiste en negarlle á Igrexa a liberdade de fixa-las súas propias crenzas
talvez sexa a separación a única solución do actual conflicto. En todo caso será o
Parlamento e non a Igrexa quen decida se a separación debe permitirse.
Pero se a Igrexa Anglicana aínda non se
decidiu a pedir ó Parlamento que lle conceda a Autonomía, non deixaron de sinalar e de censurar algúns
dos seus xefes o feito de que o novo “Libro de Oracións” non foi rexeitado polos deputados ingleses, entre
os cales obtivo maioría a proposta, senón polos escoceses, irlandeses e galeses, ós que a
reforma non afectaba para nada, pois os seus respectivos países posúen igrexas independentes.
A esta tese francamente rexionalista responderon
os deputados aludidos dicindo, con moita razón, que non se discutía unha cuestión puramente
inglesa, senón unha medida que afectaba en realidade a tódolos protestantes británicos. Pero
o caso de se-los deputados escoceses, galeses e irlandeses os que esixiron a fidelidade da Igrexa Anglicana ás
súas crenzas tradicionais non deixa de ser interesante dende o punto de vista nacionalista.
No Norte de Irlanda, como en Gales, non existe
igrexa oficial, aínda que a Igrexa Episcopal dos dous países ten crenzas idénticas ás
da Igrexa Anglicana. En Escocia é a Presbiterana a igrexa oficial. Podemos, pois, observar no aspecto relixioso,
como no sentimental, o completa que é a independencia das distintas nacións que forman o conxunto
británico. E se ben é verdade que esta independencia é nestes momentos dun grave conflicto
na igrexa inglesa, tamén é xusto recoñecer que a Gran Bretaña debe a súa gran
riqueza espiritual e sentimental precisamente á diversidade de carácter das nacións que compoñen
o Estado Británico. Se o Goberno inglés seguira a táctica de afogar toda manifestación
do sentimento rexional, houbéranse, sen dúbida, evitado moitos conflictos, pero seguramente empequenecerían
a significación espiritual do conxunto.
Mais do que agora se trata non é da independencia
de Gales, do Norte de Irlanda, ou de Escocia, senón da autonomía de Inglaterra. Os ingleses sempre
se lamentaron de que sexan os galeses, irlandeses e especialmente os escoceses os que gobernan e administran o
país. Na política, nos negocios, na burocracia, no goberno das colonias, no profesorado, sempre tiveron
os escoceses unha preponderancia moi superior á que corresponde a súa importancia numérica.
E inspirados polo “espírito da clan” procuran que os seus compatriotas consigan os mellores postos. Contan
que cando lle preguntaron a un gran actor cómico escocés Sir Harry Lander, que opinión tiña
dos ingleses, despois da súa viaxe por Inglaterra, respondeu: “Non coñezo a ningún; só
me presentaron ás persoas de importancia”.
E agora dáse o caso curioso de ser escoceses
os dous xefes da Igrexa Anglicana, os Arzebispos de Canterbury e de York. Non falta quen diga que a iso se debe
o fracaso da reforma proposta “porque os escoceses non comprenden o carácter dos ingleses...”.
Toda esta discusión das relacións
entre as partes compoñentes do Estado británico, e da “invasión” escocesa, faime recordar
un discurso de Chesterton, que tiven o placer de escoitar hai uns anos. O gran humorista inglés, co seu
típico aburrimento, e bo humor pediu ós escoceses que lle concederan a autonomía a Inglaterra.
E ó contestarlle o rector da Universidade de Glasgow, prometeu que “segundo se foran instruíndo as
razas sometidas do Sur estudiaríase a forma de concederlles a autonomía”.
A discusión do “Libro de Oracións”
no Parlamento británico viu a demostrarnos que había un fondo considerable de realidade baixo o humorismo
daqueles discursos. Os que non comprenden como en Escocia, un país que ten unha individualidade máis
definida cá de moitas nacións independentes, non existe un forte movemento nacionalista, podían
atopar a explicación na paradóxica frase de Chesterton: “Home Rule para Inglaterra”.
P. R. Castro.
|