|
Inglaterra e Rusia
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, xoves 7 de abril
de 1927.
Lin recentemente en EL PUEBLO GALLEGO dous
artigos sobre as relacións anglo-rusas, un de Augusto Barcia e o outro de Gonzalo de Reparaz. Ó artigo
do señor Barcia só quixera poñerlle un reparo. Paréceme unha esaxeración facer
da pugna pola supremacía asiática o centro da loita entre Inglaterra e Rusia. Nestes momentos da
crise china é comprensible tal interpretación, e aínda o propio goberno inglés parece
darlle ás veces á contenda un carácter de loita en defensa do imperio. Pero a súa actitude
non é máis que unha fase da táctica política, porque nin o nacionalismo chino se inspirou
no sovietismo, nin é seguro que se trunfan os suristas implantarán o rexime soviético, aínda
cando aceptaron o apoio de Rusia.
A cuestión asiática non é
máis ca un aspecto da loita. Inglaterra enviou as súas tropas a China porque é esencial defende-las
vidas e os bens dos seus súbditos nestes momentos de anarquía. A preponderancia de Inglaterra en
China débese á potencia comercial e en circunstancias normais Rusia nunca poderá competir
comercialmente con ela. Tampouco se pode considerar seriamente a Rusia como rival de Inglaterra na pugna pola supremacía
mundial porque non teñen as calidades raciais nin o talento organizador que lle permitan crear un imperio
comparable á comunidade de nacións británicas unidas polos lazos de sangue, de ideais e de
democracia.
O que Inglaterra comprende é que Rusia
é o inimigo máis temible da democracia que hai no mundo, non polo seu potencial militar senón
polos seus métodos insidiosos de propaganda. Ó señor Reparaz parécenlle admirables
os diplomáticos rusos porque saben crearlles dificultades a Inglaterra. Mais a diplomacia que só
se propón crear dificultades non require un gran talento. Porque este é o papel de Rusia no mundo
como o é o dos grupos comunistas en cada nación.
Os sóviets escolleron a Inglaterra coma
a grande inimiga do seu rexime comprendendo que é o país que conseguíu a estabilidade e democracia
dentro do sistema capitalista. Metres o mundo teña ante si os exemplos de Rusia e de Inglaterra coma as
consecuencias de dous sistemas de goberno, non lle será difícil a elección.
Poderá concedérselle certo inxenio
nas súas falcatruadas ós diplomáticos bolcheviques pero non pasa de aí o seu talento.
Non cesaron de insulta-los xefes máis significativos do laborismo, o único partido inglés
que podería sentir algunha simpatía pola súa política. Conseguiron con esta admirable
táctica que Ramsay Macdonald apoiara a nota de Sir Austen Chamberlain e que Snowden lles chamara un goberno
de anormais a quenes hai que tratar como anormais. Nos momentos de maior cordialidade nas relacións anglo-rusas
lanzaron ó mundo as absurdas cartas e proclamas de Zinavieff demostrando un descoñecemento absoluto
da mentalidade británica e provocando a caída do goberno laborista que se non é polo incidente
da carta de Zinovieff talvez estivera aínda no poder. Non creo que haxa moito que temer de diplomáticos
de tal calibre. O perigo consiste en que os axentes rusos actúan sobre as masas de persoas ignorantes e
suxestionables que existen en tódolos países perturbando a paz interior de cada nación.
Pero a súa mesma falta de intelixencia
fai que polo menos en Inglaterra non sexan un perigo tan terrible coma o Goberno quere facer pensar ós bos
burgueses. Adoptan a táctica máis propicia para darlles votos ó partido conservador. Un partido
que é anti-nacionalista e que ataca un dos fundamentos da vida inglesa, o dereito a expresar libremente
a opinión, nunca pode ter éxito en Inglaterra. O que consegue é que moitas persoas abandonen
o partido laborista que non teñen a valentía suficiente para rexeita-lo apoio destes alborotadores.
Como dixo Lloyd George ós comunistas de Southwark: “Se sodes un exemplo do partido laborista non me extraña
que o doutor Guest o abandonara”. A tal extremo chegou a táctica alborotadora dos comunistas que xa se está
considerando a posibilidade de tomar medidas para anula-las eleccións onde un candidato non teña
liberdade para expoñe-lo seu programa.
O señor Reparaz ve o ascenso da diplomacia
rusa acompañado por un correspondente descenso na inglesa. Tampouco podo compartir esta opinión súa.
Foi precisamente Lloyd George, estatista que comete infinitas disparates segundo o señor Reparaz, quen ofreceu
a Rusia a oportunidade de entrar na comunidade de nacións europeas. Os rusos desdeñaron a súa
oferta, ou máis ben aceptárona en apariencia para seguir intrigando contra Inglaterra e para conseguir
que ó final un socialista inglés coma Mr. Snowden lles chame publicamente un goberno de anormais.
Creo ademais que Inglaterra fixo un servizo inestimable ó mundo nos anos da postguerra porque foi a nación
que coa súa diplomacia serena colaborou con máis eficacia na pacificación de Europa. Deus
sabe a que traxedia nos houbese arrastrado a política de Poincaré se Inglaterra non chegara a opoñerse
á ocupación do Ruhr.
E ante todo os estatistas Ingleses salvaron o
seu país como mostra do que debe ser unha nación culta e civilizada, cando outras nacións
parecen telo olvidado. Se algunha vez Albión foi pérfida, coñecendo a Inglaterra, case se
lle pode perdoa-la súa perfidia. Na miña opinión o campo da loita anglo-rusa non é
en China, é en Inglaterra. E Inglaterra non está inspirada por moitos imperialistas; procura unicamente
defende-lo seu modelo de democracia e rexeitar calquera intento por parte dunha potencia estranxeira de intervir
na súa política interior. E ó meu entender calquera demócrata que non estea cegado
pola anglofobia terá que recoñecer que a causa de Inglaterra é tamén a da democracia
europea.
P. R. Castro.
|