·Fundación Plácido Castro
Volver


Impresións de propaganda


Plácido Ramón Castro del Río
“Impresiones de propaganda”. El Pueblo Gallego, sábado, 30 de abril de 1932.
Traducción ó galego de
Daniel Landesa Porras.


Os que están realizando a propaganda do programa e dos ideais do Partido Galeguista, con algo da inxenuidade e da inexperiencia de todo principiante, aprenderon no curso das súas campañas moitas valiosas leccións, unhas agradables outras que non o son.

Agradable é achar un ambiente para as ideas autonomistas que non pode ser máis alentador; observar con qué rapidez chegan ó espírito do pobo o ideario sentimental e práctico do partido; e ver que os galegos están predispostos polos seus sentimentos e polos máis recentes acontecementos políticos para recibir este ideario con verdadeiro entusiasmo. Tanto é así que se pode afirmar –tendo en conta a falta xeral de cultura cívica que o noso país padece e que a República fixo tan pouco por remediar– que ningunha idea política ten hoxe en Galicia un ambiente tan favorable coma o galeguista. Os que abandonaron o Estatuto porque pensaban exclusivamente en termos de partidos políticos, de concellos ou de deputados provinciais, esquecéndose da opinión do pobo, sufriron un enorme erro político, do cal eles mesmos se están dando de conta agora, ó pretender volver a recolle-la bandeira que deixaron abandonada e esquecida.

Pero tamén as adversidades nos serven de ensinanza. Hai uns días foinos imposible levar a feliz termo un mitin en Betanzos. E sucedeu así, non porque houbera oposición ás nosas ideas, senón por dúas razóns moi sinxelas. En primeiro lugar, autorizárase o noso mitin ós dous días de negarlle igual permiso ós sindicalistas. E ademais figuraba un deputado na lista de oradores. Destas circunstancias puidemos deducir cál é a actitude dun considerable sector da opinión galega. Sacamos a consecuencia de que o desprestixio dos partidos gobernamentais é tan grande que o maior beneficio que o Goberno pode facerlle a un partido é prohibirlle que celebre mitins. Deixándoo falar desprestíxiao. E se a un deputado non se lle dá ocasión de explica-la súa actuación, de divorciarse en absoluto da política gobernamental e declararse contrario a ela, considéraselle, desde logo, como un inimigo dos electores que representa. É culpado inxustamente de apoia-la Lei de Defensa da República ou as deportacións a Bata, de tódolos erros do Goberno ou dos seus partidarios en Galicia...E as palabras máis aplaudidas son aquelas en que se insiste sobre a absoluta incompatibilidade do Partido Galeguista cos que hoxe mandan en Galicia...

Todo isto é ben lamentable e entristece mesmo ós que nos vemos obrigados a combater a quen puido converter en realidade as aspiracións autonomistas de Galicia. Entristécenos porque se eles pretenden agora enarborando unha vez máis a bandeira da autonomía, que ultimamente tiveron tan esquecida por crer que xa non lles era útil, isto representaría, dado o estado de ánimo dos galegos, un verdadeiro perigo para a causa autonomista. Bastaría que eles defendesen a autonomía para que o pobo desconfiase da súa conveniencia. E os galeguistas, para disociarse, para fixar claramente a súa posición independente, deberán adoptar, como única solución do ideal galeguista, unha posición moito máis extrema que a autonomista.

Pero o que ante todo lamentamos é que o pobo de Galicia, tantas veces enganado e defraudado, teña o convencemento de que o foi unha vez máis; que perda a fe e a esperanza, sentidas durante algún tempo e tan esenciais para o rexurdimento da nosa terra. Fe que nós agardamos que volverá a sentir en torno ó ideal e ó programa de quen non ten máis lealdade que a Galicia e a súa liberdade. Porque esta é, en suma, a ensinanza fundamental dos últimos meses da vida política da nosa terra, que os que non antepoñan a súa lealdade a Galicia a calquera outro ideal, non poderán servir fielmente a Galicia. E que a lealdade a Galicia segue sendo incompatible, no réxime republicano como no monárquico, cos intereses e conveniencias de gobernos, _______________________ ou partidos alleos a Galicia.

P. R. Castro.

Volver


Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2001


Logotipo, obra de Pepe Carreiro