|
George Borrow en Galicia
Plácido Ramón Castro
del Río
El Pueblo Gallego, nº 3.953, 8
de abril de 1936.
Poucos títulos poderían espertar en
min tanta curiosidade coma o do folleto publicado polo eminente escritor galego Álvaro das Casas e que contén
unha conferencia pronunciada no Instituto de Noia sobre o tema “Mr Borrow por Finisterre”.
George Borrow, figura fascinadora, cunha das vidas
máis inquietantes da Inglaterra do século XIX, obra literaria que lin e relín case desde que
abrín un libro por primeira vez. E Fisterra, nome cheo de suxestión para tódolos galegos,
símbolo do noso celtismo atlántico –e máis aínda para os que nacemos e vivimos á
vista da ousada silueta desta avanzada Europa deica o Océano.
Cando o Dr. Kuapp, paciente e laborioso investigador
da vida de Borrow veu a España para seguir paso a paso a existencia aventureira do autor de “A Biblia en
España”, a única terra peninsular que deixou de visitar foi Galicia. ¿Por que iría
Borrow ó seu país salvaxe, sen civilizar, á verdadeira “Beocia de España”? E coma o
pouco imaxinativo biógrafo non soubo contestar a súa propia pregunta, optou por non concedernos á
honra de recibi-la súa visita.
En parte lamentámolo. El incansable investigador
descubriría interesantes datos a prol do paso de Borrow a través de Galicia. Pero, por outra banda,
ó deixar este labor sen facer, tamén proporciona ós nosos escritores unha magnífica
ocasión de realizar unha obra que poida redundar en beneficio do prestixio da nosa cultura e que constitúa,
ó mesmo tempo, unha homenaxe ó insigne autor da “Biblia en España”.
Homenaxe debida, pois aínda que Borrow
fose algunha vez inxusto con nós, aínda que non chegara a comprender as realidades da nosa terra,
non esquezamos que os seus informadores, dentro e fóra de Galicia, foron da mesma categoría mental
que os que, medio século máis tarde, dixéronlle a Kuapp que isto era “a Beocia de España”.
O certo é que Borrow dedicou a Galicia un cento de páxinas dunha das obras mestras da literatura
inglesa, que aquí lle aconteceron algúns dos episodios máis pintorescos e fantásticos
das súas aventuras, que soubo deixarnos fermosas inscricións e observacións certeiras e cheas
de interese e que, aínda non se dera plena conta da realidade galega, atinou cando menos a comprender que
se atopaba nun país e entre xentes que diferían completamente do que ata entón coñecera
na península.
“¡Que estraño país, este de
Galicia!”, exclamou ó atravesar as nosas fronteiras, esa calidade do misterioso e do remoto, foi o que o
impulsou a vir aquí e o que constitúe unha resposta á pregunta algo parva, que se fixo o Dr.
Kuapp.
Sen que esta sexa a única razón
para explica-la verdadeira obsesión que o gran escritor inglés sentía por visitar este país.
Hai outros motivos perfectamente claros. El propagandista protestante do evanxeo tiña forzosamente que senti-la
necesidade de realiza-la súa misión, que cría redentora, no lugar que el consideraba coma
a ara da idolatría católica. Por iso veu a Compostela e detívose alí tanto tempo. E
cando non lle quedaba máis ca un exemplar do “Novo testamento” sentiu outra atracción. Levaba nas
súas veas sangue celta de Cornuvall, o fisterre británico quixo que aquel derradeiro volume da mensaxe
cristiá fóra a parar a mans dalgún habitante da nosa Fisterra. E alí deixoulle a Antonio
de Traba, “o valente de Fisterra”, terror dos franceses, o último dos cinco mil testamentos que fixera imprimir
en Madrid. Xesto típico dunha das figuras máis atraíntes e extraordinaria da Inglaterra do
século pasado.
O Cabo Fisterra foi a primeira terra da península
que divisou o que habería de inmortalizarse coa súa obra sobre España e ante os seus cantís,
batidos polas ondas atlánticas, estivo a piques de naufragar o navío que o conducía. A impresión
non se borrou xamais do espiritu de Borrow e reviviuno cando se atopou sobre o cume do promontorio. Co centenario
do seu paso ante as costas de Gailcia –reseñado xa nun artigo de César Alvajar e noutro do noso chorado
compañeiro Antón Vilar Ponte- coincide esta conferencia de Álvaro das Casas, na cal se seguen
as andanzas do escritor inglés pola comarca de Fisterra, identifícanse e relátanse multitude
de curiosos detalles sobre os lugares e as persoas que se mencionan en “A Biblia de España”. Un traballo,
en suma, que amosa plenamente as dotes do escritor imaxinativo e de hábil investigador das que deu tantas
probas o distinguido escritor galego.
Agardamos que o ano próximo, centenario
da estancia de Borrow en Galicia se vexa sinalado por manifestacións literarias que resalten toda a importancia
da conmemoración e que sexan á vez unha mostra digna da inquietude espiritual da nosa terra e unha
valiosa contribución ó estudio dunha das personalidades máis interesantes da literatura inglesa.
O camiño xa o sinalou Álvaro das Casas con este traballo merecedor do máis caloroso eloxio.
P. R. Castro.
|