|
Galicia e a cultura clásica
Plácido Ramón Castro
del Río
“Galicia y la cultura clásica”.
El Pueblo Gallego, 24 de febreiro de 1927.
Dúas consideracións de Ortega y Gasset
arredor da obra de Howald sobre a influencia grega na cultura occidental foron comentadas en Galicia por Risco
e Vilar Ponte. É esta unha cuestión de tanta importancia que merecía ter sido tratada con
maior amplitude e detemento.
Contando coa base esencial para unha producción
artística rica e individual; o éxito do renacemento galego depende precisamente da súa orientación
colectiva e das influencias estrañas que sobre el actúen. A dominación latina, coa súa
tradición ríxida, atrasou, case anulou durante séculos a libre expresión da nosa personalidade,
por ser allea ás nosas inquietudes. Debemos coidarnos pois de que as culturas tradicionais ou modernas que
agora inflúen sobre o noso ánimo non sexan contrarias ó carácter galego.
A principal xustificación da existencia
do nacionalismo galego reside na persistencia do espírito celta na alma do pobo a través de tantos
séculos de infortunio e de dominación estraña. Fundándose sobre bases raciais, ten
que buscar a súa filosofía e a súa inspiración no seu propio pobo. Non implica o exposto
que debamos illarnos do mundo actual ou das culturas tradicionais, pero o carácter do noso nacionalismo
esixe que se nos liberamos do xugo latino non sexa para caer baixo a dominación de Grecia ou de Alemaña,
senón para crear un sistema cultural propio que leve en si o selo inconfundible da nosa individualidade.
Representamos un punto de vista novo, ou máis ben o retorno ó antigo, porque as nosas ideas raciais
non atoparon a súa realización en ningún dos sistemas filosóficos existentes.
Considerando estas cuestións filosóficas
co ánimo completamente libre de prexuízos -non sempre ausentes do criterio clasicista- experiméntase
certa estrañeza ó pensar que aínda se pretenda no noso tempo resolver o enigma da existencia
coas fórmulas da filosofía grega, pero non poderán negar que a vida adquiriu cando menos unha
maior complexidade. Os coñecementos científicos son cada día máis extensos e a súa
conciliación cos sentimentos relixiosos faise cada vez máis difícil. O problema presenta un
aspecto completamente distinto do que ofrecía ós pensadores gregos.
A nebulosa espiral de Andrómeda, recentemente
resolta polo Dr. Hubble, ese novo sistema estelar de cen mil billóns de quilómetros de diámetro,
cunha luz que tarda un millón de anos en chegar á terra, é un exemplo das moitas marabillas
reveladas nos nosos días e cunha grandeza ante a que se desvanecen tódolos pequenos sistemas ideados
polos homes para resolver o eterno problema da existencia.
As relixións, prisioneiras dos seus dogmas,
non demostraron estar á altura do problema. Non puideron incorporar os descubrimentos científicos
ás súas crenzas. Pero os descubrimentos están aí, ben claros e absolutamente innegables.
Por outra banda, a ciencia soa non consigue satisfacer
ós homes que non poden desprenderse dos sentimentos relixiosos -no máis alto sentido da palabra-
e nesta categoría atópanse incluídos indubidablemente os galegos, tan distantes do materialismo.
Dedúcese destes feitos, na miña
opinión, que o pensamento do porvir caracterizarase pola dualidade. Abandonando a esperanza da síntese
o intelecto seguirá o camiño da ciencia, mentres a alma continúa vivindo entre os seus soños
e as súas ilusións. Poderá esta tendencia producir desconcerto nos países dominados
pola rixidez, afanosos de sistematizar e catalogar tódalas actividades humanas. Xa se notan en moitas nacións
os síntomas desa desorientación. Pero para Galicia, e para a raza celta en xeral, ofrece unha oportunidade
única que non se pode desaproveitar, xa que esa mesma dualidade é a característica do noso
temperamento. Seguimos crendo en moitas cousas que o noso intelecto non acepta como verdadeiras no sentido científico
pero que non abandonaremos nunca ante os avances da ciencia, porque serán sempre unha parte esencial da
nosa mentalidade. “Eu seino porque o sei”, como dixo Castelao nunha das súas recentes “Cousas”, é
unha actitude mental que dominará sempre a nosa filosofía. Acontécelle isto a tódolos
pobos celtas, sen que por iso deixen de ser prácticos cando as condicións da súa vida o permiten.
Así o demostra Escocia, único país celta que tivo liberdade para desenvolverse libremente,
e o está demostrando Irlanda agora que conseguiu a súa independencia.
Opino que é a nosa misión seguir
esta orientación, probando de paso que nós, os máis occidentais do occidente, non compartimos
esa crenza da decadencia, propia de pobos derrotados porque Alemaña sufriu unha derrota aínda máis
decisiva no terreo cultural que no militar.
Crer na ciencia e seguir soñando debe ser
o noso lema. E os soños de hoxe resúmense nas múltiples manifestacións da arte. O consolo
da fe será substituído polo consolo da imaxinación.
Ningunha raza está dotada como a celta
dos elementos espirituais e tradicionais necesarios para producir unha obra artística digna desta función,
allea por completo ó realismo e a tantas cousas que hoxe pasan por parte.
O exemplo xa o deu Irlanda. Synge nas remotas
illas de Aran, Yeats ó recoller de beizos das vellas irlandesas toda a riqueza lendaria da súa tradición,
atoparon os elementos para crear unha arte inmortal, e a ruta nova da nosa arte, que é a ruta eterna, consiste
en inspirarse no xenuinamente galego e tratalo con imaxinación, sen medo ás risas dos incomprensivos.
E cando necesitemos buscar inspiración
en literaturas e mitoloxías de fóra de Galicia non precisamos ir a Grecia. Abondaranos con estudiar
as de Escocia, Irlanda e Gales para descubrir unha cultura lendaria tan rica e tan marabillosa como a grega, e
que posúe maior afinidade co noso carácter. Nessla, como dixo Mathew Arnold ó falar dos “Mabinogion”
ou contos dos bardos de Gales, “séntese o alento mesmo do mundo primitivo”.
Fálannos estes contos galeses do Agulla
de Gwern Abwy, tan vella, que cando chegou a Gwern Abwy peteiraba tódalas noites as estrelas desde a cima
dunha rocha que en tempos do rei Artur xa non tiña nin unha cuarta de altura ...
Relátannos como Math e Gwydion crearon
unha muller para Llew Llaw Gyfies, porque a súa nai Arlanrod lle dera o destino de que nunca tivese unha
muller da raza que habitaba a terra. “Ben, dixo Math, eu e ti, con maxia e ilusións, trataremos de facerlle
unha muller de flores. E colleron as flores do carballo e as flores da xesta e as flores da ulmácea e crearon
con elas unha doncela, a máis bela e chea de gracia que viran ollos humanos. E a bautizaron, e déronlle
o nome de “Cara de Flor”.
Descríbennos algúns dos cabaleiros
da corte Arturiana da seguinte forma: “Sgilti Yscawndroed -cando ía a cumprir unha orde do seu señor
nunca buscaba un sendeiro sabendo onde se dirixía, se o seu camiño o conducía a través
dun bosque ía por riba das copas das árbores. Durante toda a súa vida non se dobrou unha folla
de herba baixo os seus pés, moito menos romperse, tan lixeira era a súa pisada”.
“Gwevyl, o fillo de Gwestad, o día en que
estaba triste deixaba caer un dos seus beizos ata máis abaixo da cintura, e dobraba o outro sobre a cabeza
como un gorro”.
“Clust, o fillo de Clustveinad, aínda que
estivera enterrado a sete cóbados baixo a terra oía a formiga a cincuenta millas de distancia erguerse
do seu niño pola mañá”.
“Kal tiña esta peculiaridade, que a súa
respiración duraba nove noites e nove días debaixo da auga e podía existir nove noites e nove
días sen durmir. unha ferida da espada de Kal non a curaba ningún médico. Era moi astuto Kal.
Cando se lle antollaba sabía facerse tan alto coma a árbore máis alta do bosque. E tiña
outra peculiaridade, tan grande era a calor da súa natureza que por moito que chovese todo o que levaba
permanecía seco no espacio dun palmo por riba da súa man e outro tanto por debaixo; e cando os seus
compañeiros tiñan moito frío era para eles como leña para acender o lume”.
Estes extractos son mostra da marabillosa cultura,
cun estudio que é mais proveitoso para nós, o máis indicado para liberarnos da tiranía
que aínda exercen no noso ánimo as ideas de Grecia e de Roma. Saturándonos nela entraremos
nese mundo de ilusión e de soño onde se atopa o provir da arte galega.
P. R. Castro.
|